xoves. 02.10.2025
El tiempo

Corcubión volve unirse polo Centro de Día

Pancarta Centro de Dia de Corcubion XA
Corcubión volve unirse polo Centro de Día

Despois das tensións acumuladas nos pasados meses entre o grupo de goberno e a Plataforma Cidadá Xuntos polo Centro de Día, parece que ambos colectivos aparcan as súas diferencias e unen camiños para volver esixir conxuntamente esta infraestrutura comarcal básica. Así o lembra o Concello, que apoia e invita a toda a cidadanía a participar este mércores 1 de outubro, ás 19:00h, na concentración veciñal convocada pola Plataforma.

O goberno municipal de Corcubión sinalou que se sumarán á convocatoria, e fai un chamamento á veciñanza para que a apoie e dea respaldo á lectura do manifesto que foi consensuado e aprobado por unanimidade no pleno da corporación.  

O equipo de goberno subliñou que o Concello leva traballando arreo desde o inicio do mandato para que a Xunta asuma a súa responsabilidade e poña a funcionar o centro de día.

O alcalde de Corcubión reiterou que “agora o que falta é que a Xunta asuma a apertura”, e incidiu en que “seguimos agardando a que nos reciba a conselleira de Política Social, Fabiola García, logo de varias peticións de reunións que lle fixemos desde o equipo de goberno”. 

A Xestión

Ambas entidades apostan pola xestión directa por parte da Xunta, pero con todo segue habendo disparidade de opinións ante a posible solución polo enrocamento da Consellería. Por un lado a Plataforma formula a posibilidade de "buscar alternativas para evitar chegar a un calexón sen saída", recoñecendo a deixadez de funcións da Xunta. 

Polo outro, o concello considera que “a necesidade de que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar xestione un servizo que é esencial para o noso municipio e a comarca", e denuncia “un trato discriminatorio con Corcubión, pois o Consorcio xa leva 64 centros de día en diferentes lugares de Galiza, e a Xunta vén financiando a construción doutros en varios concellos".

UCIN esixe á Xunta

Na mesma liña, o grupo político UCIN, liderado por José Luís Calo, que critica que o edificio do Aslo leve 10 anos esperando polo Centro de Día. O grupo apela  "tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Corcubión teñen a responsabilidade ineludible de coordinarse para que este recurso entre en funcionamento canto antes, cumprindo os prazos, os requisitos de autorización e acreditación, e as condicións técnicas e profesionais exixidas pola normativa autonómica".

Para desbloquear esta situación e garantir que Corcubión conte co centro de día que merece, propoñen:

  • Que se encargue un informe técnico de viabilidade con detalles económicos, humanos e estruturais para a reapertura ou a implantación dun servizo equivalente.
  • Que se estableza un cronograma oficial con prazos definidos para autorización, dotación, contratación, acondicionamento e posta en marcha.
  • Que se reserve unha partida orzamentaria específica nos orzamentos autonómicos e municipais para asegurar que non se quede nunha promesa sen fondos.
  • Que se firme un acordo de colaboración institucional entre Xunta e Concello para garantir que cada administración cumpra o seu papel e minimize os atrasos administrativos.
  • Que se habilite un mecanismo de seguimento público, para que a veciñanza poida consultar o estado de avance, exixir explicacións e fiscalizar o cumprimento dos compromisos.

 

Histórico do Centro de Día

Comentarios