Convocan un "acto veciñal apartidista e reivindicativo" polo Centro de Día de Corcubión

Non cesa o pobo de Corcubión na súa loita por conseguir un centro de día para os maiores da comarca. Así, a Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión convoca para o mércores 1 de outubro un "acto veciñal apartidista e reivindicativo" para volver esixir unha demanda tan loable e necesaria.
A entidade social aproveita a data pola celebración do Día Internacional das Persoas de Idade, proclamado pola Asemblea Xeral das
Nacións Unidas para visibilizar o aumento das persoas maiores e promover a súa calidade de vida e a solidariedade con elas. Unha data para lembrar a obriga das sociedades e dos gobernos a protexer os dereitos das persoas maiores, promover a dignidade e seguridade e asegurar o acceso a recursos.
Ante todo este deixamento, que hoxe en día os nosos veciños e veciñas de Corcubión e da Costa da Morte sofren, sen dereito a un acceso a un Centro de Día e atención socio sanitaria que poida garantir os seus dereitos, dignidade , seguridade e participación e integración na sociedade máis aló do seu pechado núcleo familiar, a entidade faise unhas preguntas:
Por que alí si e aquí non?, por que aquí non e alí si?
Seica son os nosos maiores e os seus coidadores de inferior categoría humana que o resto? sen un dereito a un envellecemento digno, e sen unha atención socio sanitaria xusta e acorde, tal e como goza unha persoa que naceu en Muros, Cabana de Bergantiños, Coruña, Sevilla, Xetafe, Murcia, Madrid, Barcelona ou Teruel por exemplo. Seica non somos todos persoas e os nosos maiores non se gañaron o dereito para vivir e envellecer con coidados e dignidade?
Por que non se poñen as pilas as administracións competentes e deixan de marxinar a toda este grupo poboacional, e sumamos 25
prazas que hoxe en día non existen, sen ningún tipo de interese e disputa política, tan só focalizando o problema e drama social, nos e as habitantes costa morteños que tratan de ser atendidos, e dignificar a súa día a día nun centro de día finalizado; e preparado para abrir segundo apuntan desde o Concello de Corcubión, fai a barbaridade de 11 anos?
Facémonos preguntas e necesitamos respostas, seguimos esperando o paso diante das administracións que seguen coa súa morneza e sen apostar polos nosos maiores, eses que loitaron e traballaron porque hoxe teñamos todos os dereitos, liberdades e facilidades das que gozamos.
Traballaron menos os nosos que outros en calquera nucleo urbano para non ter os mesmos dereitos?
Xestión directa?
Con todo, a entidade, malia considerar que a xestión directa sería a mellor opción, formula a posibilidade de "buscar alternativas para evitar chegar ao mesmo punto, a ese calexón sen saída que xa chegou o anterior equipo de goberno, xustificando os catro anos de lexislatura cunhas simples fotografías de reunión xunto con outros partidos políticos, e concluíndo que a Xunta non nos quere abrir o Centro de Día".
Piden ao actual grupo de goberno "ganas, traballo e vontade para facer moito máis".
Histórico do Centro de Día
- Setembro 2025: O BNG leva o Centro de Día de Corcubión á Valedora do Pobo
- Agosto 2025: O centro de día de Corcubión chega ao Parlamento Europeo
- Xuño 25: Belén do Campo reiteroulle ao voceiro do PP de Corcubión que a Xunta non asumirá a xestión do Centro de Día.
- Maio 25: A Xunta rexeita a xestión directa do Centro de Día e insta ao Concello de Corcubión a asumila
- Maio 25: Corcubión volve unirse para esixirlle á Xunta un Centro de Día de xestión pública.
- Abril 25: Corcubión aproveita a visita da Delegada da Xunta para lembrarlle a esixencia do Centro de Día.
- Abril: Corcubión inicia unha campaña de recollida de firmas para reclamar á Xunta que abra o Centro de Día.
- Marzo 25: O Concello de Corcubión asegura que xa ten realizado os trámites que pide o Consorcio para o Centro de Día
- Marzo 25: O Centro de Día de Corcubión poderá ser unha realidade se a xestiona unha entidade social
- Febreiro 25: A Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión comeza unha campaña para conseguir apoios institucionais.
- Novembro 2024: "Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes”.
- Xullo 24: O Concello de Corcubión volve a denunciar a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día.
- Outubro 23: O PP rescata a petición de Sempre Corcubión e pide convertir o edificio do Hotel El Hórreo nunha residencia de maiores.
- Novembro 21: Sempre Corcubión volve pedir a creación dunha residencia de maiores pública e comarcal.
- Abril 2021: Propoñen adquirir o Hotel El Hórreo e convertilo nunha Residencia comarcal para maiores
- Decembro 2020: O eterno retraso do Centro de Día de Corcubión volve ao Parlamento.
- Febreiro 2020: “Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”.
- Outubro 19: Boca de Sapo presenta 1.000 sinaturas para esixir a apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Xullo 19: Un berro silencioso, e medieval, pola apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Maio 2019: Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día.
- Maio 19: A cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de DíaA cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de Día.
- Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica.
- Outubro 2018: A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión.
- Outubro 2018: “Os técnicos de Servizos Sociais da comarca de Fisterra trasladaron á Deputación a necesidade de abrir o Centro de Día de Corcubión”
- Setembro 2017: O BNG critica a postura da Xunta co centro de día de Corcubión.
- Setembro 2017: A Xunta rexeita a abrir o Centro de Día de Corcubión
- Novembro 2015: O BNG de Corcubión pregunta polo esquecido Centro de Día.
- Maio 2014: O Centro de Día de Corcubión ve a luz.
- Xaneiro 2013: O BNG de Corcubión denuncia un novo retraso nas obras do Centro de Día
- 09-03-11: O BNG de Corcubión pide á Deputación financiamento para rematar o Centro de Día.