Portos comeza a súa rolda de reunións coas entidades de Corcubión para explicar os procedementos do porto mixto

Reunión de Portos da Confraría de Corcubion e o Carrumeiro

Esta semana, Portos de Galicia publicou e puxo a información pública o estudo de impacto ambiental do Porto Mixto de Corcubión. E comezou xa coa serie de reunións co sector.

Se o vindeiro mércores 19 de novembro, membros da Plataforma Porto Si, Mortos Non, reuniranse en Santiago de Compostela co presidente de Portos de Galicia, este pasado venres o mesmo José Antonio Álvarez, xa recibía a membros da Confraría de Pescadores de Corcubión e do club marítimo Carrumeiro.

Portos quere informar de primeira do recente inicio do período de información pública do estudio de impacto ambiental do proxecto do porto mixto de Corcubión. Álvarez Vidal trasladou a ambas entidades promotoras do proxecto que o pasado martes o Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio deste trámite co que Portos de Galicia continúa avanzando cara á dotación dunhas novas instalacións para os profesionais e a náutica de recreo de Corcubión.

Tal como recolle o propio anuncio este prazo será de 30 días hábiles e a documentación do proxecto pode consultarse na web oficial de Portos de Galicia .

Unha vez rematado o prazo para a presentación de alegacións, Portos de Galicia iniciará as consultas oficiais ás entidades afectadas, entre elas, o Ministerio de Transición Ecolóxica; as consellerías de Presidencia, Sanidade, Medio Ambiente, Cultura e Mar; o Concello de Corcubión; as confrarías de Corcubión, Fisterra e O Pindo; a Federación de Confrarías da Coruña, o club náutico Carrumeiro, Adega; ou as sociedades galegas de Historia Natural e de Ornitoloxía.

O presidente de Portos de Galicia lembrou que o ente público contempla un investimento plurianual de preto de 10 millóns de euros para esta actuación, dos que en 2026 consígnanse 20.000 euros para actuacións preparatorias de cara a, unha vez rematada a tramitación, licitar as obras.

 

Histórico do proxecto

Sucesos no peirao