Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O BNG reivindica desde Berdoias a ampliación da autovía da Costa da Morte

Concentracion BNG en Berdoias pola Autovia Costa da Morte
Á concentración acodiron o deputado no Parlamento Galego, Oscar Insua; o Alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez “Drok”, o responsable comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, e diversos membros do BNG na comarca
O BNG reivindica desde Berdoias a ampliación da autovía da Costa da Morte

O BNG da Costa da Morte vén de concentrarse este venres 10 de maio en Berdoias para reivindicar a ampliación da Autovía da Costa da Morte. No acto, os nacionalistas solicitaron que a Xunta de Galiza licite xa as obras da ampliación da autovía e pediron que o Goberno galego aclare se vai a realizar o contrato para executar a fase da autovía AG-55 entre Salto e Berdoias, ademais de cantos quilómetros van a realizar cos 2 millóns de euros orzamentados.

Os representantes do BNG da Costa da Morte queren que a Xunta diga se ten previsto incorporar unha conexión co polígono industrial de Vimianzo para darlle un impulso definitivo ao seu desenvolvemento e facilitar o asentamento de máis empresas. Así mesmo, instan a clarexar en que momento a Xunta de Galiza vai a presentar o plan director de infraestruturas para coñecer o deseño e planificación da rede viaria galega. 

Oito anos sen mover unha pedra na AG-55

Desde o BNG sinalan que, a día de hoxe, na plataforma de contratos públicos de Galiza, a Axencia Galega de Infraestruturas non iniciou ningún procedemento de licitación de contrato de obra pública para esta autovía AG-55. E indican que o último trazado finalizado e aberto aos usuarios da comarca foi de 27 quilómetros no ano 2016 entre Carballo e Salto (Vimianzo), dos cales 25,5 quilómetros son de alta capacidade e 2,2 quilómetros de vía rápida. “Levamos por tanto, oito anos, dúas lexislaturas de gobernos do PP, sen construír un só metro desta vía de alta capacidade”, subliñan os nacionalistas.

Comentarios