Sábado. 20.04.2024
El tiempo

As cruces e os torreóns que coroan os nosos hórreos

CRUCES E TORREÓNS
As cruces e os torreóns que coroan os nosos hórreos

No hórreo gardábase unha boa parte da mantenza do todo o ano, estamos daquela diante dunha construción de suma importancia, e que dalgunha maneira tiña que ser sensible a todo o universo simbólico da Galicia tradicional. As cruces e os torreóns que coroan os pinchóns dos nosos hórreos, ademais de funcionar como elementos decorativos, son depositarios dunha serie de significados e mensaxes que se relacionan directamente co repertorio de crenzas do noso pobo.

O que nós chamamos torreón é coñecido noutros lugares coma pendón, lampión, guión, aguillón, pináculo,... Estes erectos apéndices téñense relacionando cos menhires que levantaban os nosos antepasados do neolítico para propiciar a fertilidade da terra e, por conseguinte, as boas colleitas. Os menhires eran inmensos chantóns de granito aos que os especialistas lles deron dende sempre un sentido fálico, polo tanto fertilizador e protector. Ademais destas propiedades iniciais, co tempo, foi adquirindo outros cometidos coma o de marca de propiedade; de aí proveñen as “antas” e os “marcos” que aínda hoxe dividen os nosos predios e que nun principio sinalarían os dominios da tribo e da comunidade.

Nalgún momento da nosa historia estas formas aguilloadas pasaron dos agros aos rueiros labregos, e de aí aos hórreos. Fertilidade, protección, sentido da propiedade, son significados moi acadrados: sen fertilidade e protección as cabaceiras podían quedar baldeiras, como baldeiras podían quedar tamén se non se respectaba o sentido da propiedade e fosen pasto de saqueadores e ladróns. Sempre lle teño escoitado a miña avoa que o que entraba nun hórreo a roubar merecía o mesmo castigo que un asasino, pois coa súa acción condenaba á familia labrega á fame e á miseria.

As cruces participan do mesmo sentido protector que teñen os torreóns, pero se os pináculos aludían a un corpus de crenzas anteriores a Xesucristo, agora o símbolo deriva directamente do mundo cristián. A cruz é o sinal dos seguidores de Xesús e alí onde aparece, ademais dunha profesión de fe, funciona coma unha oración, un rogo que busca a axuda e a protección de Deus. Xaquín Lorenzo Fernández, o inesquecible etnógrafo galego, chegou a comparar os hórreos cos sagrarios eucarísticos porque ambos son depositarios do pan da vida terrea e, para os crentes, do pan da vida eterna.

Estes dous remates que xogan a facer equilibrios no alto dos pinchóns, teñen as características estéticas das cabaceiras que os sustentan. Nos hórreos vellos son uns elementos de esquemática rusticidade colocados sobre uns sinxelos cepos de forma cúbica. Posteriormente a súa execución alcanzará o refinamento dunha obra de ourivería: cepos de moldurada silueta rematados por cruces e pináculos de estilizada figura. Son o digno “ramo” a unha das nosas construcións tradicionais máis icónicas.

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

       

Comentarios