En marcha o proceso de privatización do práctico dos portos de Brens, Corcubión e Laxe

A situación do necesario servizo de practicaxe da Costa da Morte segue no foco de atención. Pero cómpre poñer algo de contexto para explicar a situación. A figura do práctico está encargada de remolcar aos grandes buques para que as entradas polas rías aos portos sexan seguras. Un servizo absolutamente vital para a viabilidade dun porto (algunhas navieras non entran nunha ría sen a súa axuda) e para a seguridade do noso mar.
Ante a recente xubilación do ata práctico oficial nas rías de Corcubión e de Corme e Laxe, a Xunta lanzou un concurso para renovar esa praza, pero cun recorte de ata o 50% das condicións salariais, e incluíndo ademais a cobertura da ría de Sada. Como alertaban dende a CIG, o concurso quedou baleiro.
Unha semana despois de quedar sen práctico nas tres rías, a Xunta afirma estar a traballar intensamente para solucionar o asunto. Faino cunha imaxe dunha reunión que mantivo a presidenta do organismo portuario, Susana Lenguas, coa directora corporativa de Xeal -empresa operadora no porto de Cee e principal usuaria do servizo de practicaxe- e coa profesional que está en condicións de prestar o servizo -a práctica habilitada- así como coa empresa consignataria dos buques no citado porto.
A idea principal: "pechar a contratación por parte de Portos de Galicia dun servizo indirecto prestado por operadores privados”.
Críticas dende a oposición
Ante as continuas críticas de BNG; CIG e mesmo do Comité de Empresa de XEAL, tamén se suman as do PSOE. Foi Patricia Otero, portavoz de pesca do grupo socialista, a que califica de “parche” esta medida de privatizar o servizo. Otero critica que a Xunta fixese “oídos xordos” ás advertencias e critica a “incapacidade” da administración galega para solucionar as eivas dos plegos de contratación que deriva na actual situación de “risco” para as embarcacións da zona.
As condicións dos plegos incluían datos como que as embarcacións deberían avisar con 48 horas de antelación ante unha avaría ou imprevisto, o que indignou á responsable socialista. “Estamos tolos, non?”
Ademais, proposta que se fixo é que haxa un “práctico substituto” que cubra as zonas de Cee, Cariño, Celeiro, Burela ou Ribadeo, entre as que “hai incluso máis de 250 km de distancia nalgúns caso”, polo que “tardaría 3 horas en chegar”, recordou Otero. Este profesional non tería que estar presencialmente no porto, polo que se desprazaría en función das necesidades, dándose o caso de que si que teñen que estar medios materiais, pero non os humanos que os empreguen, algo “sen lóxica” que comparou cos hospitais sen médicos que ten o Sergas.
Novas relacionadas
- 07-12-22: O comité de XEAL e a CIG critican as consecuencias que vai ter a perda do Práctico da ría de Corcubión para as fábricas.
- 02-11-2022: A Xunta antepón a economía á seguridade no asunto do práctico dos portos de Brens, Corcubión e Laxe.
- 01-12-22: Os portos das rías de Corcubión e Corme e Laxe quedan dende hoxe sen práctico.
- Novembro 22: Os traballadores de XEAL tamén se manifestan ante a supresión do servizo de practicaxe nos portos da ría..
- Outubro 22: Vinculan o desmantelamento das fábricas de Cee e Dumbría coa falta de práctico no porto de Brens.
- Setembro 22: A Xunta volve abrir unha convocatoria para o práctico portuario sen atender ás demandas da Costa da Morte
- Xullo 22: Os portos do Corredor de Fisterra poderían quedar sen servizo de practicaxe.
- Xuño 22: Piden a revisión do prego de condicións para cubrir a praza do práctico dos portos da Costa da Morte.
- Maio 22: O “práctico” dos portos, un posible novo recorte da Xunta.
- Marzo 22: O BNG denuncia un novo recorte nos servizos do ISM.