Domingo. 19.05.2019
El tiempo

8 DE MARZO

Por outro histórico 8M

Por outro histórico 8M

Está máis que presente. O feminismo ten invadido a axenda social e política de todo o país. España, Galicia, a Costa da Morte están dando un verdadeiro exemplo de compromiso e avance social. Máis alá dos memes de catro gatos obsoletos, a sociedade ten claro cal é o camiño. O avance da máis crúa dereita non parou esta viraxe cara a muller, este avance da necesaria discriminación positiva, esta posta en escena dunha única realidade xusta: a igualdade.

Centros de ensino, concellos… ata o Entroido de Fisterra falou en clave feminista. A presencia do Día da Muller en todos os medios é abrumadora (velaí a portada repleta de contidos en clave de muller de QPC durante esta semana) reincidindo en temas tan básicos como a igualdade salarial, erradicación da violencia machista, a equiparación nas tarefas domésticas ou a paridade nas listas. Unha obrigación dos medios de comunicación que se extende a todo o ano, non só no Día de turno. Unha obrigación tamén de todos os partidos políticos, que deben deixarse xa de invencións, de panos quentes ou lamentables “machadas” e sumarse á loita feminista.

Unha loita que verá hoxe outro episodio histórico, como as mobilizacións e a folga do 8M do ano pasado. Porque parar, secundar a folga, é un dereito dos máis básicos da nosa democracia, tanto como saír á rúa a defender o noso dereito a ser libres, a cobrar o mesmo polo mesmo traballo, a acabar coas descriminacións e a ter máis recursos para acabar coa violencia machista.

Facemos noso o manifesto pola folga da Organización Buserana; as palabras de igualdade de Marisol Soneira, a rotunda crítica de Fátima Rodríguez ou o conxuro polo empoderamento de Viki Rivadulla.

Facemos noso tamén o manifesto do IES Maximino Romero de Lema, animamos a todas as mulleres da comarca a facer folga (laboral, de coidados e de consumo), (a sección feminina de QPC así o fará) e a toda a veciñanza a participar nas concentracións que se realizan na provincia.

  • 12:30 horas: Cee (Praza 8 de Marzo).
  • 20:00 horas: Carballo (Xulgados).
  • 20:30 horas: Vimianzo (Praza do Concello).
  • 19:30 horas: A Coruña (saída do Obelisco).
  • 20:00 horas: Santiago de Compostela (saída da praza 8 de marzo).

8m Manifesto

Manifesto polo 8M do IES Maximino Romero de Lema

 

Entrevistas 8M

Artigos 8M

Novas do 8 de marzo

Máis novas

Comentarios