Sábado de investiduras con varias incógnitas e tres faltas
Este sábado 17 de xuño, pasadas as 12:00h da mañá teremos nov@s alcaldes/as na Costa da Morte. Pero só 16 dos 19 concellos que cubrimos en QPC.
De todos eles, 15 concellos chegan bastante claros (con moita continuidade, e apenas 2 cambios seguros de cor no goberno), e 4 Concellos pendentes de pactos de última hora.
3 plenos de investidura adiados
Xa vimos que en Corcubión non se vai celebrar a investidura de Francisco Domínguez “Dro” (BNG) polo recurso presentado por un voto pintado. A este pleno retrasado cómpre sumar os de Mazaricos e Muros, que se ven envoltos nun recurso do PSOE a nivel do Partido Xudicial de Noia.
Trátase de 3 concellos nos que gobernará o BNG, pois se o de Mazaricos repite maioría absoluta, o de Corcubión conseguiu arrebatarlle a alcaidía ao PSOE, mentres en Muros, ao longo desta semana avanzaron moito as negociacións e dan por feito o pacto entre BNG e PSOE en Muros para investir alcaldesa a María Lago.
2 cambios fijos
Corcubión, como dicimos á espera da investidura tardía, e Santa Comba, onde Alberto Romar (PSOE) envorcou os resultados e superou á popular María Pose, son os únicos concellos onde haberá un cambio seguro na alcaldía con relativa tranquilidade.
Muxía e Fisterra, pendentes ata o final
Pouco variou a situación nas últimas horas das informacións que ofrecíamos esta semana, polo que semella que todo se decidirá sobre a bocina e hai variedade de apostas para ver quen consegue o bastón de mando para os vindeiros 4 anos:
- Muxía: Os cambios no PP e no BNG provocan un cambio no escenario político muxián a 3 días da investidura: O alcalde en funcións Iago Toba (PSOE) será alcalde en minoría se PP, Independentes por Muxía e BNG non chegan a un acordo para investir a Javier Sar (IxMuxía) ou a Mercé Barrientos (BNG).
- Fisterra: Alternativa dos Veciños mete presión ao PSOE para formar un goberno progresista en Fisterra: Se o PSOE acepta acordo, Áurea Domínguez (Alternativa dos Veciños) será alcaldesa, pero se o PSOE non le vota, Luís Insua (PP) será o alcalde en minoría.
Acordo de última hora en Ponteceso
Envorco político a última hora de onte co acordo entre PP e Adiante por Ponteceso, que se suma ao chegado co Partido Galego, para investir a José Manuel Mato (PP)
12 concellos sen cambios
11 alcaldes/as manteranse, seguro, no seu posto, ademais do relevo de Dumbría, onde se mantén o PSOE con Raúl González no posto de Pequeño.
- Cabana: José Muíño (PP).
- Camariñas: Sandra Insua (PSOE).
- Carballo: Evencio Ferrero (BNG).
- Carnota: Juan Manuel Saborido “Moma” (PSOE).
- Cee: Margot Lamela (PSOE).
- Coristanco: Juan García (PP).
- Laxe: José Luís Pérez Añón (PP).
- A Laracha: Jose Manuel López Varela (PP).
- Mazaricos: Juan Blanco (BNG).
- Vimianzo: Mónica Rodriguez (PSOE).
- Zas: Lolo Muíño (BNG).
A Malpica de Cañizo
Poderíamos engadir aos 12 concellos sen cambios o de Malpica. O máis seguro, á falta de certos flecos, é que Eduardo Parga saia investido alcalde co apoio de AIM, con Cañizo formando parte do goberno.
12 MAIORÍAS ABSOLUTAS
12 dos 19 concellos que cubrirmos en QPC suman maioría absoluta.
- O PSOE ten maioría absoluta en Carnota, Camariñas, Cee, Dumbría, e Vimianzo.
- O PP suma maiorías absolutas en Cabana, Coristanco, A Laracha, Laxe.
- O BNG mantén a maioría absoluta nos seus 3 feudos habituais: Carballo, Mazaricos e Zas.