Venres. 04.10.2024
El tiempo

Aloumiños e o Conselleiro levan os Premios Rosalía e Werto da Fedanpa

Aloumiños e o Conselleiro levan os Premios Rosalía e Werto da Fedanpa
Aloumiños e o Conselleiro levan os Premios Rosalía e Werto da Fedanpa

Quere comezar o 2014 activa a federación de ANPAs da Costa da Morte, e así o demosoutro trala reunión extraordinaria que tivo lugar o 22 de xaneiro. A entidade outorgou o premio Rosalía en defensa do Ensino Público e o premio Werto en contra do Ensino Público.

O premio Rosalía (en defensa do Ensino Público) foi concedido á asociación de NEAE Aloumiños, da Costa da Morte. Este premio pretende homenaxear aquelas agrupacións, colectivos…que loitan pola defensa do Ensino Público, tendo en conta a dificultade no desenvolvemento das súas actividades.

Pola súa parte, o premio Werto (en contra do Ensino Público) foi concedido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad. Este premio quere amosar os "méritos" daqueles grupos, individuos ou colectivos…que atacan ao Ensino Público, que degradan a súa calidade, ou aproban leis para o seu desmantelamento.

Rosalía e Werto serán entregados o sábado 28 de febreiro, ás 18:45 horas, ao remate da xornada de formación da federación de ANPAs da Costa da Morte, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo.
No peche do acto contaremos cunha actuación chea de poesía, música e humor a cargo das artistas María Lado e Lucía Aldao.

Premio Rosalía

O premio Rosalía (en defensa do Ensino Público) foi concedido á asociación de NEAE Aloumiños da Costa da Morte polo seu activismo na INCLUSIÓN real no eido socioeducativo, a cal vai máis aló da mera integración do alumnado NEAE nos centros de ensino ordinario.
A asociación non só está a vivir o día a día da realidade das diversas necesidades, traballando na Costa da Morte a prol dunha mellor atención desas pequenas persoas que máis adiante serán cidadáns adultos, autónomos e libres na nosa sociedade. Tamén están axudándonos a coñecer e comprender a realidade educativa específica, amosándonos que a inclusión é identificar e responder á diversidade das necesidades de todo o alumnado a través da maior participación na aprendizaxe e reducindo a exclusión na educación. Iso involucra cambios e modificacións nos contidos, estruturas e estratexias educativas e, tamén, unha visión común incluínte o e a convicción de que é a responsabilidade do sistema educar a todas as nenas e nenos, tendo en conta as diversas características, intereses, capacidades e necesidades de aprendizaxe.

A educación, como dicimos nas mobilizacións a favor do Ensino Público, non é un privilexio, é un dereito. E será por iso, que Aloumiños e a Universidade da Coruña, coa colaboración do concello de Carballo, puxeron en marcha un ambicioso programa de educación familiar e socialización para a diversidade que, ademais da formación específica impartida nas charlas e obradoiros, ensínanos que, entre todas e todos, temos que transformar o sistema educativo a fin de que responda á diversidade existente para facilitar a aprendizaxe, baseado nos principios de xustiza social, equidade educativa e necesaria resposta escolar e cidadá.

Premio Werto

O premio Werto (en contra do Ensino Público) foi concedido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad por múltiples motivos, entre eles:

  • non paralizar a aplicación da LOMCE no seu ámbito de actuación, polo menos naqueles aspectos máis nocivos para o Ensino Público e na formación do alumnado.
  • Por dedicar no ano 2015 uns 680 millóns de euros menos ao ensino dos que se destinaron no ano 2009, o que impide satisfacer as necesidades e paliar as carencias do sistema educativo galego.
  • Por rexeitar a implantación dun sistema de préstamo universal e gratuíto para que o alumnado galego de centros públicos de ensino dispoñan dos libros de texto necesarios para desenvolver a etapa de ensino obrigatorio.
  • Por limitar os recursos educativos complementarios gratuítos.
  • Por apostar pola privatización e fortalecemento do ensino privado concertado (duns poucos) mentres incrementan os recortes no Ensino público (de todas e todos). Esta inxusta política de abandono, desmantelamento e decrecemento da calidade no ensino público contrasta coa potenciación que, desde a consellaría de Cultura, Educación e Orientación Universitaria, se fai do ensino privado concertado.
  • Por eliminar prazas de profesorado, masificando as aulas.
  • Por eliminar a participación das familias, impedir a súa xestión democrática dos centros educativos e o total desleixo coa nosa lingua.
  • Por non atender as necesidades educativas específicas de apoio educativo.
  • Por reducir as partidas económicas destinadas á prevención do fracaso escolar.

Novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

Comentarios