xoves. 08.05.2025
El tiempo

As ANPAS da Costa da Morte tamén rexeitan a Reválida

As ANPAS da Costa da Morte tamén rexeitan a Reválida
A FEDANPA rexeita a revalida

É algo que nos atinxe a todos, pois iso cómpre manifestarse. A famosa Reválida de 3ª de Primaria será xa este 27 e 28 de maio. E alá teñen que ir os nosos cativos. Ou non.

A Federación de ANPAs da Costa da Morte, integrante da Confederación ANPAS GALEGAS, vén de manifestar a súa completa oposición á realización da Reválida de 3º de Primaria e apoia calquera decisión das familias que exprese o seu rexeitamento a esta proba, mesmo a de non enviar aos seus fillos e fillas ao colexio nos días nos que se programe.

Este curso, concretamente os próximos días 27 e 28 de maio, as nosas nenas e nenos de 3º de primaria van padecer a esixencia administrativa dunha “avaliación individualizada”, unha proba de control das destrezas adquiridas na competencia en comunicación lingüística e na competencia matemática. Esta é a primeira das “reválidas” que implanta a LOMCE, esa Lei que a comunidade educativa toda, e a maioría da sociedade rexeitou durante toda a súa elaboración, e que agardamos que sexa derrogada á maior brevidade.

As razóns son as seguintes:

  • Entendemos que o control do grao de adquisición das habilitades e destrezas adquiridas polas nosas nenas e nenos na súa vida escolar compételle exclusivamente aos seus profesores e profesoras, que son quen realizan o inxente traballo de personalizar o ensino para que o alumnado reciba o que precisan, atendendo a súa individualidade e capacidades.
  • Que ningunha proba externa vai dar resultados fiables porque refire a posible diagnose a unha circunstancia descontextualizada na vida dun escolar, e que se a administración educativa precisa de resultados que lle permitan introducir melloras no proceso educativo o que ten que facer é falar con todos os que formamos parte dese proceso: o profesorado, as familias e os propio alumnado, que temos a capacidade, os coñecementos e a vontade de participar nunha dinámica de permanente mellora do noso ensino público.
  • Dicimos que non a unha proba que discrimina ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que fará a proba pero non computará para o cálculo dos datos globais, que son os que realmente importan ao lexislador.
  • Dicimos que non a unha proba que xerarquiza as materias do curriculum, considerando de menor importancia aquelas que non serán avaliadas, unha proba que despreza a nosa contorna, os nosos valores e costumes e a nosa lingua, que só serve para ser autoavaliada.
  • E afirmamos que a intención destas probas non é outra máis ca o establecemento de categorías de centros públicos, de profesionais do ensino e mesmo de zonas xeográficas, coa intención futura de diversificar discriminadamente os investimentos educativos creando centros e alumnos beneficiados ou prexudicados na procura dunha excelencia que non se consegue así senón traballando dentro da equidade e da igualdade de tratamento e oportunidades.

Malos exemplos no ensino

Bo exemplos escolares

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal)

Comentarios