2ª Autonómica: A cousa vai de xeiras
Como son as rachas. O Outes, que ata un par de semanas gañaba case que por incercia, agora non lle entran. Pola contra, o Sofán leva sen perder dende a xornada 4, precisamente ante o Outes, e onte salvaba un punto ante un rival directo como é o Corme no último suspiro e a base de fe.
Esta 15ª xornada da 2ª Autonómica deixa aos da Serra e ao Sofán empatados xa no alto da táboa. O Outes caía co San Lorenzo en casa nun partido estrano, mentres que o Sofán conseguía un empate ante un gran Corme nun partido mellor que os da tele.
Ponse o Zas a 2 puntos tras vencer en Camelle, e o Cee queda a 5 tras superar ao Volantes en Muros. O Corme queda a 7, e o Fisterra, que sufría para vencer ao Corcubión, a 9.
Aí está tamén o Carnota, que sempre comeza con moita forza, e o que parece que non se quere meter arriba é o Castriz.
Iso si, volvemos recibir esta semana varias queixas das arbitraxes nos partidos, desta volta con varias expulsións pantasmas e varias actitudes algo chulescas.
Camelle - Zas (1-3)
- CAMELLE: Purrúa, Chuchi (Adrián, min.37), Matías, Valiña, Martín, Dido, Mario, Miguel, Sergio, Adrián Tajes e Javi.
- ZAS: Anxo, Amado (Martín, min.64), Pereiro, Oli, Víctor, Canedo, Pablo Lestón (Lagoa, min.59), Pablo, David Blanco, Rubio (Fabián, min.85) e Isma.
- Goles: 0-1, min.58: Pablo Lestón de penalti con Carlos de Dido na portería. 1-1, min.65: Matías reamata a gol unha falta que colga Miguel Riveiro coa inestimable colaboración de Anxo. 1-2, min.72: Lagoa finaliza unha transición rápida do Sporting Zas tras un pase de David Blanco. 1-3, min.89: Lagoa de córner olímpico.
- Expulsión: O meta camellán, Purrúa, logo dun rifirrafe con Pablo Lestón dentro da área no minuto 56.
- Lesión: o camellán Chuchi.
Partido cunha parte para cada equipo o que se viu no Rodeiro na tarde do sábado e que se decidiu logo da expulsión do porteiro local Purrúa. Na primeira metade, o equipo local foi quen de poñer contra as cordas ao Sporting Zas pero os Javi Rañal, en tres ocasións, Sergio, Matías e Adrián Tajes non resolveron as múltiples ocasións de gol. Os visitantes tamén contaron con varias ocasións nos pés de Pablo Lestón, en dúas ocasións, e David Blanco pero os de Zas tampouco acertaron de cara a gol. Chegaríamos ao descanso co 0-0 e un equipo local coas ideas moi claras que estaba dominando ao terceiro clasificado.
Á volta do tempo de lecer, os homes de Iván Cancela saliron con outra actitude e comezaron a dominar o encontro, chegando con facilidade a porta do Camelle sobre todo logo da expulsión de Purrúa tras un rifirrafe con Pablo Lestón na xogada que supuxo o penalti que transformaría o mesmo Pablo con Carlos de Dido debaixo dos paus para poñer o 0-1. Minutos despois empataría o Camelle ante o delirio da súa afección logo dunha falta botada por Miguel Riveiro que remata Matías a gol coa inestimable colaboración de Anxo. A saída de Lagoa ao campo daríalle outro aire ao Sporting, sobre todo ofensivamente, e convertiríase no protagonista do partido con dous goles que lle darían o triunfo ao seu equipo, o primeiro logo dunha contragolpe que finaliza o propio Lagoa a pase de David Blanco e completaría o seu doblete dende o saque de esquina cun gol olímpico.
Fisterra - Corcubión (1-0)
- FISTERRA: Joselu, Dani, Sergio, Julito, Robertín, Hidalgo, Santi, Tony (Tati, min.70), Bruno, (Roberto, min.90) Aitor e Manuel Cartamil (Guardiola, min.67).
- CORCUBIÓN: Perlón, Trilllo, Gabi, Senra, Marcos, Balucho (Tito, min.75), Sebas, Jesús, Mario e Lema.
- Gol: 1-0, min.55: Manuel Cartamil.
- Lesión: o fisterrán Tony.
Partido moi igualado que non reflexaba a diferencia de postos na clasificación. Posicionouse ben en defensa o Corcubión durante todo o encontro. O partido foi algo duro con moitas faltas.
A xogada clave chegaba no 54 co gol do Fisterra, anotado por un Manuel Cartamil ao que lle tocou poñerse arriba polas baixas, pero segundo os corcubioneses, en posible posición de fora de xogo. Uns intres antes o Fisterra protestaría unha posible man dentro da area do Corcubión.
Xa rematando o encontro o Corcubión pedia penalti por agarron nun corner. O árbitro non estivo acertado para os dous lados. O Corcubión pedía a expulsión de Manuel Cartamil por un cobadazo no que viu amarilla, unha falta sen balón de Julito que o arbitro non viu cando estaba con amarilla e varios agarróns claros dentro da área. Pola súa banda o Fisterra pedía un penalti por man de Trillo e a expulsión de Balucho que seguía a facer faltas tendo xa unha amarilla.
Castriz - Mazaricos (1-1)
- CASTRIZ: Toño, Rubén (Fabio), Alberto, Alex, Pose, Agra, Esteban (Marqués), Chinda, Bruno, Luís e Pichín (Yordi).
- MAZARICOS: David Gerpe, Chico, Ramón, Rodri, Estéfano, David, Ricardo, Coxo (Sandelo, min.86), Oreiro (Ferreiro, min.75), José Ángel (Martín, min.68), Kevin (Molinos, min.88).
- Goles: 0-1, min.25: Kevin tras unha boa xogada con José Ángel; 1-1, min.65: Chinda de cabeza.
Puido caer de calquera lado o partido que non caeu para ningún. O Castriz segue sen parecerse ao equipo que debería, sen ambición, e volvía verse superado na primeira metade por un Mazaricos moi intenso. Marcou Kevin, e José Ángel mandou unha falta ao longueiro nun primeiro tempo que pudo acabar con maior vantaxe visitante. Os dous equios apenas inquedaron a meta rival, e se o Mazaricos tivo esas dúas e marcou unha, o Castriz chegou unha vez pero Agra mandou ao poste.
Arricaba a segunda máis calmada. Pero a raíz do empate, chegaron 10 minutos tolos, cun toma e daca, que puido marcar calquera. Pero pouco a pouco o Castriz foise arriba e puido levar o partido, cunha bo final embotellando ao Mazaricos.
Porteño - Indep. Carballo (2-0)
- PORTEÑO: Bonano, Esteban, Pejo, Maikol, Caamaño, Iago (Mario xuv., min.55), Doyle, Marcos, Varela (Juan, min.70), Cousillas, Piti.
- IDC: Dani Rosalía, Seo, Carlos, Yoni, Mario, Manu, Esteban, David, Adrián e Juni.
- Goles: 1-0, min.1: Piti; 2-0, min.70: Doyle.
Sen porteiro e con 10 chegou o IDC á Ponte (ata 11 baixas tiña Rafa) e aínda así deron que facer a un Porteño que encarrilaba pronto o partido co gol inicial de Piti. Pediron un penalti os carballeses na primeira metade que os puido ter metido no partid pero non era suficiente para levantar o partido.
Tardou en sentenciar o Porteño ata os 15 da segunda, co gol de Doyle, e a partir de aí o partido se relaxou pero o IDC nunca se deixou levar e aguantou.
Volantes - Cee (0-3)
- VOLANTES: Jota (Yago, min.38), Juan, Miguel, Manu, Mingos, Iago (Yerai, min.76), Martín (Edu, min.71), Adrián (Adri, min.67), Gabri (Pardelo, min.56), Brais e Iván.
- CEE: Parroto (Paulo, min.81), Nico, Jorgito, Fiuza, Jacobo (Lamela, min.46), Piquero, Angeliño, Yayá (Llanero, min.66), Penedo (Cristian, min.46), Diego Cespón e Josiño (Javi, min.70).
- Goles: 0-1, min.24: Yaya; 0-2, min.27: Jorgito cun golazo; 0-3, min.44: Penedo.
Deixou encarrilado o partido o Cee en Muros nos primeiros 44 minutos, tras un primeiro tempo de imprecisións nos que o acerto ceense foi clave. Comezaba o choque con ida e volta, pero o Cee parecía asentarse mellor sobre o céspede. Yaya aproveitouse dun rexeite para adiantar ao Cee e de contado facía o golazo da tarde levando a varios rivais e chutando escorado para abrir fenda.
O Volantes estirouse e rematou a primeira ben arriba, pero sen sorte cara gol. Brais avisaba pero Parroto respondía. E ao fío do descanso Penedo mataba o choque. Na segunda o Volantes intentouno pero o Cee soubo manexar o tempo do partido.
Sofán - Corme (3-3)
- SOFÁN: Lerma, Rey, Marcos, Pablo, Boedo, Jorge, Martín (Michel, min.73), Brais, Bertín, Raúl e Rojo.
- CORME: Javi, Dani, Alejandro, Miguel Torrado, Pandi, Diego (Adolfo, min.46), Juan Chans, Brais, Toniño (Manu, min.63), Lucas e Sergio.
- Goles: 0-1, min.44: Brais cun tiro dende lonxe; 0-2, min.55: Juan Chans de penalti sobre Toniño; 1-2, min.64: Eloy; 1-3, min.70: Lucas tras un pase da morte; 2-3, min.80: Bertín; 3-3, min.91: Iván Rey.
- Expulsión: os sofanistas Raúl e Pablo (min.65) por protestar emais o cormelán Brais (min.70).
- Lesión: o cormelán Toniño.
Espectacular partido no Carral. Precioso, mellor mesmo dos que se ven pola televisión, sobre todo se non tiñas o corazón polo medio. Sen dúbida, son dous dos mellores equipos da categoría e así o demostraron. O Corme cun xogo tremendamente bonito, e moi poderoso físicamente, e un Sofán que este ano está feito para gañar. Nopn faltou de nada, goles, xogadas, tensión e mesmo polémica, nun partido no que co o colexiado tivo traballo abondo.
Prometía o partido xa dende o inicio e as dúas áreas vían nos primeiros minutos ocasións para os dous equipos. Brais mandaba ao pau, Javi salvaba un cabezazo ao propio Brais e Raúl tamén enviaba ao pau. Lucas proba a Lerma que responde ben ante un Corme que xa amosaba os dentes. O meta sofanista volvía parar un man a man a Juan Chans, pero xa co Corme completamente volcado nada podía facer ante o tiro de Lucas.
Quedaba así a cousa antes de ir aos vestiarios e a segunda comezaba tan intensa como a primeira. Juan Chans non fallaba un penalti cometido sobre Toniño.
Aí metiuse o Sofan no partido nunha xogada complicada, tras un balón que Javi enviou fóra de banda pola lesión de Toniño; o cadro sofanista, molesto porque na primeira metade o Corme non devolvera outro balón, sacou e a xogada rematou en gol. Unha xogada que cabreou á parroquia local pero que non deixa de ser un lance do xogo.
O Sofán apretaba e Bertín, a bocajarro, non acertaba e Rojo volvía mandar ao pau. Sen embargo Lucas facía o terceiro para o Corme e parecía que o partido morría. Pero este Sofán non acepta perder, e menos no Carral, e tirou de garra para levantar o partido. Bertín recurtaba a falta de 10 minutos, co Sofán completamente volcado botando balóns arriba e embotellando ao Corme. E co tempo cumplido, Iván Rey facía un gol importantísimo que deixa ao Corme a 7 puntos.
Carnota - Muros (2-0)
- CARNOTA: Luís de la Peña, Ferreiro, Manolo Chouza, Pedro Pichín, Tono da Caixa (Pablo Pichín, min.90), Pablo Beiro (Iván Maceiras, min.80), Rodrigo, Nakata, Pumuky, Manuel Luís (Fernando, min.60) e Adrián.
- MUROS: Fabio, Iván, Teo, Pelos, Pedro de Nieto, Ramón, Gelo, Jesús, Eloy, Sexo e Yanki. Tamén xogaron: Juanche, Gabo e Veloso.
- Goles: 1-0, min.30: Pablo Beiro de gol olímpico; 2-0, min.40: Manuel Luís tras unha combinación con Adrián e Pumuki.
- Expulsión: o muradán a Juanche por 2 amarelas.
Levou o partido o Carnota ante un Muros que só amosou a súa mellor cara por momentos. Mesmo mando un balón ao pau pero non tivo sorte cara gol. Adiantaríase o Carnota pronto nunha primeira metade que tivo bastante controlada, pero o Muros non lle perdía a cara ao partido. Pablo Beiro adiantaba aos seus cun golazo de córner directo, e antes do descanso, unha boa triangulación era rematada por Manuel Luís para abrir fenda.
O Muros estirouse e puido recurtar pero hoxe non era o día da dianteira celeste que marrou varias ocasións, facendo sufrir ao Carnota nos últimos minutos cun balón pau.
Outes - San Lorenzo (1-2)
- OUTES: Gato, Barral, Saúl, Chúa, Rubén, Chía (Michi, min.65), Martín, Poke (Fabio, min.46), Piki, Migui e Elías (Borja, min.46).
- SAN LORENZO: Puyol, Rubén, Adrián, David (Zeus, min.85), Casillero, Cachizo, Chucho, Fuentefría, Velo, Dani e Javi (Joaquín, min.75).
- Goles: 1-0, min.20: Piki de falta; 1-1, min.42: Chucho; 1-2, min.66: Javi de penalti por mans de Rubén.
Como son as rachas. O Outes, que ata hai nada gañaba case sen querer, onte non puido cun San Lorenzo que soubo manexar moi be as súas armas. Manu Roque contaba con varias baixas importantes, como son as de David e Arturo, dous das bases do equipo, emais Quin e Edu.
Saí o cadro de Gueli moi ben armado atrás, con dúas liñas moi xuntas, defendendo ben, anulando á dianteira do Outes e buscando a contra e as xogadsa a balón parado. Velo tivo unha pero foi Piki o que adiantaba aos locais cunha boa falta. O Outes tivo máis dominio pero sen demasiada profundidade, e aínda así mandou dous balóns aos paus, un de Piki de cabeza e outro de Fabio. Chúa fallou con toda a portería para el tras unha falta e ao fío do descanso, o equipo visitante conseguía igualar o choque.
Na segunda o partido seguía na mesma liña, cun San Lorenzo moi ben armado e un Outes que o intentaba pero que non chegaba. Marcou Javi de penalti e parecía que o partido o tiña controlado o San Lorenzo ante un Outes que non chegaba. Ata os últimos 5 minutos, nos que o Outes apretou con balóns arriba e sen deixar saír o balón da área tival pero sen sorte para acadar o empate.
Buño - Cabana (2-2)
- BUÑO: Brais, Ángel, Rubén, Diego (Casais, min.72), Alfredo, Dani, Miguel (Gurita, min.63), Dourado, Charro, Elías (Secundino, min.75) e Fran Borrazás.
- CABANA: Añón, Charli, Josiño, Iván de Treos (Dani Mato, min.46), Eloy, Fariña (Raúl, min.65), Diego Mato (Diego Varela, min.51), Sandro (Ismael, min.75), Fernando, Berti e Iván Mato.
- Goles: 1-0, min.13: Diego de penalti; 1-1 min.19: Eloy; 2-1, min.29: Miguel; 2-2, min.90: Charli
Puido sentenciar o Buño na primeira metade e acabou deixándose dous puntos ante un Cabana moi aguerrido que loito ata o final para salvar un puntiño. Parece que a aposta polos xuvenís de Raúl Periscal está funcionando, e están aportando moito ao equipo.
Arrincaba a primeira metade bastante igualada, cun Buño que facía máis dano sobre todo con perigosas contras. Non saben nin nos do Buño porque pitou o penalti aos 15 minutos, e os cabaneses protestaron non só a acción se non tamén a actitude chulesca do colexiado.
Empataba de contado Eloy para os cabaneses, pero á media hora Miguel volvía poñer por diante ao Buño. Co 2-1 puido matar o partido o equipo de Esmorís por medio de Miguel e de Charro nun man a man que salvou Añón. Pero a partir dos 0 minutos o partido foi máis igualado. O Cabana foise estirando sen perderlle a cara ao partido e loitaron ata o final para acadar un premio en forma de punto.
E estaremos atentos ao acto que está planificando a familia do Buño para celebrar o 50º aniversario do clube, con Milucho, pai do actual capitán, Emilio Calvo, á cabeza da organización. Contaremos máis pero avanzamos que a cita será o sábado 28 de decembro a partir das 16.00h.
Máis información
- APP "Fútbol da Costa".
- www.copadacosta.com.
- Altas e Baixas no #FútboldaCosta.
- Facebook Fútbol da Costa.
- www.futboldacosta.com.
- Calendario e resultados da I Copa da Costa Cadete.
Crónicas da semana
- 1ª Autonómica: Peor imposible.
- Preferente: O Dumbría pon o gol e o Soneira a loita.
- Resultados da primeira fin de semana co carrusel tecnolóxico do Fútbol da Costa.
Artigos relacionados
- Unha exposición estrea os actos do 50 aniversario do CD Baio.
- A Cherinkas artella un Maratón Solidario 3×3.
- O libro Mar de Paixón presentouse cos grandes mitos do Fútbol da Costa.
- O Atlélico de Madrid aterra en Dumbría.
- Manuel Varela: A Costa do Fútbol.
- #Regateegol: Vídeoentrevista cos presidentes máis novos do Fútbol da Costa.
- Unha bufanda, a do SD Camelle, que percorre o mundo.
O Album de cromos do #FutboldaCosta
- quepasanacosta.gal/album.
- Xa temos o primeiro Álbum completo:
- Os cromos da Costa, un estado de ánimo.
- O Photocall da Gala do Álbum dos Cromos da Costa.
- David Vidal fixo de mariñeiro en Corcubión.
- As categorías inferiores do XSC disfrutaron do auténtico David Vidal.
- Gran Gala do Álbum de Cromos: Noite de Estrellas da Costa.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Colabora Veloso e Unión Club Cee.