1ª FUTGAL: Dumbría e Muxía, en postos de podio
- Todas as táboas en www.futboldacosta.com.
Impresionante o que están a facer Dumbría e Muxía, situados xa na 2ª e 3ª praza tras levar 6 e 5 xornadas sen perder, respectivamente. Nesta 12ª xornada superaron complicados retos ante Bastavales e Bertamiráns e seguen mirando cara arriba.
Ollo tamén ao que están a facer Castriz e Fisterra. Os xalleiros venceron o derbi a un San Lorenzo dirixido, de forma interina, por Padín, mentres que o cadro fisterrán vencía ao Praíña e amboos están na 6ª e 7ª praza.
Máis abaixo, pero con moita marxe sobre os 3 equipos que ocupan os postos descenso, está a Esteirana, con menos puntos dos que merece. O que necesita un revulsivo é o San Lorenzo, afundido no fondo da táboa, pero a só 7 puntos da teórica salvación.
San Lorenzo - Castriz (1-4)
- San Lorenzo: Benja, Pablo Rod., Pablo Garrido, Hugo Rey, Isma Pena, Javi, Alex Vázquez, Riki, Iago, Alex Taibo e Eloy Arantón. Tamén: Mario, Alberto Campos, Alejandro García, Hugo Pereiro, Andrés, Baldo e Ragusa.
- Castriz: Iván Fraga, Rodo, Fabián, Brais, Marcos Mouro, Iván Facal, Alberto Mata, Adrián García, Borja Gándara, Noli, Pastoriza. Tamén: Coke, Elvis, Sebas, Gesto e Álvaro.
- Goles: 0-1, m.7: Noli; 0-2, m.13: Adrián García; 0-3, m.20: Rodo; 1-3, m.23: Riki; 1-4, m.93: Alberto Mata.
Comezou con moi bo ritmo o Castriz, ante un Sanlo que se vía superado a pesar de saír con bloque baixo. Os xalleiros aproveitaron á perfección a debilidade do Sanlo en balón parado e se colocabn 0-3 en apenas 20 minutos. Pero o equipo carballés tirou de orgullo, e tras unhas boas combinacións recurtaban pronto e tiveron varias ocasións para colocarse 2-3 antes do descanso. Pero o partido foise aos vestiarios con 1-3.
A segunda parte foi bastante aberta. O Castriz soubo manexar mellor os tempos e non deixar que o choque seguise tolo, pero o San Lorenzo demostrou poder competir en todo momento, e só contra o final, despois de varias contras, os de Miguel Chouza sentenciaban.
Foi este o primeiro partido sen Cantudo á fronte do SanLo, dirixido de forma interina por Padín, mentres dende o club seguen buscando inquilino para a banqueta.
Muxía - Bertamiráns (2-1)
- Muxía: Adrián, Mateo, Congui, Carlos Costa, Mauro, Julián, Iago, Víctor Alcaina, Adam, Fran Moreira e Manu Nogueira. Tamén: Manu Martínez, Fabián e Darío.
- Goles: 1-0, m.7: Adam; 2-0, m.32: Fran Moreira de penalti; 2-1, m.61: Bonome.
Saían moi enchufados os de Sergio Pataca a pesar das numerosas baixas (Congui e Costa tiveron que formar no centro da defensa), creando perigo por bandas, e pronto se metían por diante con gol de Adam. Non baixou o ritmo o cadro local, ben arroupado na bancada polos Corviños, e á media hora subía o segundo ao marcador tras un penalti sobre Fran Moreira que el mesmo convertía.
Igualáronse as cousas na segunda, cun Bertamiráns moito máis incisivo. Os visitantes recurtaban cun fermoso gol, pero o cadro vermello soubo aguantar as embestidas ata o final sen sufrir demasiado.
Bastavales - Dumbría (1-3)
- Dumbría: Anxo, Kanario, Brais, Alex Marcote, Dani Chao, Baba, Antón, Toni, Lucas, Xabi Castro, Estévez. Tamén: Isma, Mataso, Raúl, Quique, Martín, Adrián Periscal.
- Goles: 0-1, m.14: Alex Marcote; 0-2, m.18: Estévez; 1-2, m.58: Víctor Jiménez; 1-3, m.70: Baba de penalti.
Dous goles tempraneiros puxeron as cousas moi ben para os de Pablo Conde a pesar de que non estaban moi cómodos nun campo do Municipal de Brión moi pequeno.
Na segunda recurtaron os locais, pero certamente o equipo non sufriu demasiado, e a partir do 1-3 o choque quedaba sentenciado.
Fisterra - Praiña (2-1)
- Fisterra: Joselu, Colombia, Piti, Dani, Rubén, Jano, Juan, Aarón, Lobelos, Bruno e Isaac Fábregas. Tamén: Isma, Guille, Pablo Velay, Alex Trillo, Beltrán, Ángel e Miguel.
- Goles: 0-1, m.55: Soto; 1-1, m.83: Isaac Fábregas aproveita un rexeite tras un remate de Guille a centro de Bruno; 1-2, m.90: Isaac Fábregas de penalti.
Partido igualadísmo, entre dous equipos moi parecidos, con xogo moi directo, buscando as segundas xogadas e o balón parado, e sobre todo, moita intensidade. Os locais tiveron máis ocasións na primeira metade, como unha de Lobelos, outra de Isaac, e sobre todo un gol estranamente anulado a Bruno por unhas supostas mans. Tamén pediron un penalti os locais por unhas mans tras un saque de banda.
Achucharon ao comezo da segunda os visitantes, que se metían por diante, nunha xogada buscando á torre do dianteiro visitante. Non estaba ben o cadro de Lobelos, pero pouco a pouco vai collendo terreo, e a base de xogo directo foise metendo na área contraria. Joselu tivo que salvar unha boa saída á contra, mentres o equipo seguía intentando.
Chegaba, a 7 dos 90, o empate, despois dunha xogada moi parecida que os visitantes salvaban na liña de gol. E o equipo estaba coa idea de ir polo partido, e seguiron combatindo, ata que xa no 90, un tiro dende fóra da área petaba nas mans duns defensa e o colexiado sinalaba, desta si, un penaltito. Non fallou Isaac Fábregas, que se sitúa a 1 só tanto de Estévez, no alto da táboa de máximos goleadores.
Quedaban un longo desconto, pero o cadro de Lobelos xa non é o do ano pasado, e malia ter 6 xuvenís e 2 cadetes nunha convocatoria con só 10 sénior, o equipo soubo aguantar sen sufrir demasiado.
Queda buscar a semana que vén a primeira vitoria fóra de casa, onde só levan 2 dos 18 puntos.
Esteirana - Calo (1-1)
- Esteirana: MJ, Kevin Rial, Simón, Code, Tobío, Antón, Pablo Rama, Alex Rama, Oli, Elías, Piki. Tamén: Rober Pladur, Héctor, Pachi e Godo.
- Goles: 1-0, m.53: Elías de cabeza a centro de Simón; 1-1, m.56: Adrián García.
Novo partido no que a Esteirana xoga moito mellor que o rival, pero o balón non entra e saen con menos puntos dos que merece. O cadro de Iván González volvía intentar sacar o balón xogado, presionando arriba e tendo boas ocasións, con chegadas á liña de fondo por bandas. Remataba sen goles unha igualada primeira metade.
Comezaban os esteiráns indo por todo na segunda, con varias ocasións nada máis comezar. E tras dúas intentonas, Elías si que acertara a rematar a gol un centrazo de Simón. Pero o equipo perde o balón, e na contra, e coa defensa local pedindo fóra de xogo, o Calo empataba.
A partir de aí, os locais aínda botaron máis lea no lume, volvendo ter ocasións claras, con dous goles anulados por fóra de xogo; un remate de Rober Pladur que para o porteiro, outra de Pachi a pase de Pladur, un remate de Code… O acoso total durante os últimos 20 minutos, con 7 ou 8 ocasións claras, non se traduciron en gol, para lamento blaugrana. “Igual temos que ir a unha bruxa a que nos quite o meigallo”, bromea un Iván González que non entende que o partido de onte non acabase 4 ou 5-1.
Todas as crónicas da 1ª FUTGAL
- X.10: A xornada de derbis cóbrase o primeiro adestrador.
- X.9: O gran papel dos equipos costeiros.
- X.8: O Muxía métese en postos de promoción.
- X.7: O Castriz ponse líder costeiro.
- X.6: Subindo ao segundo e ao terceiro vagón.
- X.5: Fisterra e Muxía igualan a táboa nos derbis.
- X.4: A Esteirana e o Dumbría métense no vagón de cabeza.
- X.3: Fútbol total
- X.2: O Dumbría pon a quinta marcha.
- X.1: Dumbría e Fisterra comezan de 4 en 4.
Máis info
- Todas as táboas en www.futboldacosta.com.