Domingo. 28.04.2024
El tiempo

2ª Galicia: O Porteño supera o Rodeiro

Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira 2
Victor Alcaina e Pablo Vidal no Monte Louro-Muxía-Foto-Edu Olveira
2ª Galicia: O Porteño supera o Rodeiro

Non se apea o Porteño do liderato, conseguindo aguantar as embestidas finais dun Rodeiro implacable. Queda só no alto da táboa tralo empate do Castriz no Pinguel. Demostrou o Mazaricos de Sandelo que tamén vén con moita forza, mentres que o Muxía non acaba de subirse ao grupo de cabeza en canto a puntos, pero segue sen coñecer a derrota, como os 3 primeiros.

Por abaixo, melloría do Cabana, do Cee e do Volantes, ademais do punto colleitado polo Ponteceso ante todo un Castriz.

 

Mazaricos - Corme (3-2)

  • Mazaricos: Ángel, Borja, Raúl, Carreira, Fran Pose, Pereiro, Sandelo, Marcos, Rachón, Rodrigo, Molinos. Tamén: Ricardo, David, Alex Barbeira, Raúl Castelo e Luís Mayán.
  • Corme: Quique, Brais Pauilos, Aitor, Eloy Villar, Mauro, Martín, Rubén, Isra, Lucas e Alejo. Tamén: Adrián, Yago, Miguel, Noel e Gabri.
  • Goles: 1-0, m.41: Sandelo marca un golazo dende fóra; 2-0, m.53: Sandelo de volea noutro gol espectacular; 2-1, m.55: Alejo de penalti; 3-1, m.65: Rachón; 3-2, m.75: Isra tira e se lle cola ao porteiro Ángel.

O mellor partido dos de Marcos dende que comezou a temporada, apoiado nun Sandelo que está contento, está a gusto, e fai o que quere sobre o terreo de xogo como un dos xogadores, a día de hoxe, máis destacados da categoría. O cadro amarelo saíu moi arriba, saíndo ben dunha presión tímida dos cormeláns, e apretando a saída do balón dos azuis. Tiveron os locais 3 mans a mans en xogada moi ben trenzadas, pero o brasileiro Rodrigo e Marquiños fallaron sendos remates na liña de gol, o de Marcos ao longueiro. Sandelo tamén mandou ao poste antes de marcar un soberano gol dende fóra da área.

Seguía o mesmo guión na segunda, e o propio Sandelo facía un golazo de volea tras unha fermosa xogada colectiva, deses de ensinar aos rapaces.
Pero un penalti, protestado polos amarelos, permitiu que os de Adrián Lema se metesen no partido, e comezasen a competir cara a cara. Subiron liñas os novos cormeláns, pero pagaron caros os riscos cun tanto de Rachón á contra. Volveu meterse no partido o Corme coa axuda do meta local, e malia que o Mazaricos tivo algunha para sentenciar, si que nunha das últimas xogadas puido haber un penalti para o Corme que podería ter significado o empate.

 

Camelle - Porteño (2-3)

Ambiente no campo do Rodeiro
Ambientazo no campo do Rodeiro. Foto: Tino
  • Camelle: David C.; Dido, Hucho (Pirata), Quintelo, Pablo; David V., Chans, Crejo, Chori (Sergio), Gabi (Tereso), Adrián.
  • Porteño: José, Vicente, Pejo (Joseba), Pablo, Rodri, Mayor, Darío, Saviola (Nico), Juan, Alan (Ángel) e Chipi (Miguel).
  • Goles: 0-1, m.20: Mayor de falta; 0-2, m.26: Pablo á saída dun córner aproveita un rexeite; 1-2, m.55: Gabi de penalti; 1-3, m.83: Chipi; 2-3, m.86: Tereso.
Camelle-Porteno
Fermosa imaxe no Camelle-Porteño. Foto: Tino

Partidazo no Rodeiro, entre dous equipos que se adaptan ben á brega do céspede, que estivo vivo ata o final. Primeira parte dominada polo Porteño con moitas oportunidades e facendo moito tanto a balón parado. Así abría a conta Mayor, así ampliaba a renda Pablo, e así puido facer o terceiro Mayor pero a súa segunda falta petou no longueiro. O Camelle non chegaba con claridade.

Arrincaba a segunda e o Camelle recurtaba dende os 11 metros. Abríase aí o partido, cun constante ir e vir. Pasaban os minutos e o gol podía caer dos dous lados. Cando mellor estaban os locais, que pedían o segundo cartón para un central, chegaba a expulsión do meta David Caamaño e o terceiro do Porteño, obra de Chipi. Aínda así, confiando no poder das remontadas do Rodeiro, seguiu apretando o cadro de Sergio, metería o 2-3, a falta de 5 minutos, e tendo aínda unha ocasión que salvou Mariolo cun auténtico paradón.
“Contentisimos coa temporada que estamos facendo. Quedan menos para o 36!”, valora un Cousillas cos pés na terra a pesar de estar no liderato.

 

Cee - Coristanco (1-2)

  • Cee: Isaías, Regueiro, Isma, Iago Trillo, Jose, Noe, Anxo, Alex Bujeiro, Bruno, Jonathan e Carlos Trinidad. Tamén: Jorge, Eze, Roberto e Diouck.
  • Coristanco: Rubén, Joni, Belar, Sergio Lorenzo, Dani Vázquez, Dani Loureiro, Regueira, Raúl, Rodrigo, David LP e Adrián Pazos. Tamén: Kevin, Alejandro, Erre, Diego e Ángel.
  • Goles: 1-0,m .40: Bruno; 1-1, m.50: Diego; 1-2, m.75 Adrián Pazos.

Vai recuperando o Cee efectivos (semella que para a vindeira semana xa estarán case todos, pero aínda así faltaron Champi, Munitis e Juan Oreiro). Así e todo o cadro de Rafa foi superior no comezo do partido, cun tiro de Eze e outro de Isma ao pau, e dúas boas ocasións de Bruno, antes de facer o primeiro.

Fixo cambios Cali na segunda, e pronto chegaba o empate, sendo máis dominadores do xogo. Aínda mandou aí o Cee outro balón á madeira, pero era Adrián Pazos o que consegue asinar a remontada. O xogo envórcase nese último cuarto de hora cara a meta de Rubén, co Cee empuxando, pero o Coristanco, que soubo sufrir, tamén tivo algunha contra para sentenciar.

 

Camariñas - Muros (7-3)

  • Camarilñas: Jorge, Brais, Caamaño (Yuyo), Oliver, Roi, Moriño, Carlos (Nazo), Soule, Hugo (Julián), Mario e Djibril.
  • Muros: Xandre, Gesto, Quin, Fran, Alon, Dani Jurjo, Manu Tajes, Varo, Jesús, Joaquín, Xavi. Tamén: Varo, Edu, Xoel, Javi Carnota e Ángel.
  • Goles: 1-0, m.6: Djibril; 2-0, m.8: Djibril remata tras un xogadón de Mario por banda; 3-0, m.21: Djibril; 3-1, m.24: Dani Jurjo nunha falta lateral; 4-1, m.33: Caamaño tras peitear o balón Djibril; 4-2, m.40: Xavi de penalti; 5-2, m.50: Mario de tiro raso pegado o pau; 6-2, m.72: Mario de tiro potente; 6-3, m.79: Dani Jurjo; 7-3, m.75: Djibril a pase de Mario tras outro novo xogadón do extremo camariñán.

Por fin entraron os goles en Camariñas, que celebrou cunha goleada a decisión municipal de nomear o campo co nome de “Vicente Carril”. O equipo camariñán aproveitouse dun Muros que chegaba con moitas baixas e non foi quen de meterse no partido en ningún momento. Saíu arrollador o cadro de Cabrejo, que xa tiña 3-4 córners seguidos, e facía dous goles en menos de 10 minutos. O cadro muradán sufría en cada ataque pero aínda se mantiña no partido cun tanto dende os 11 metros que deixaba 4-2 ao descanso.

Pero nada máis saír Mario, que volveu tola á defensa visitante, facía o 5-2, que xa deixaba batido o partido.

 

Ponteceso - Castriz (1-1)

  • Ponteceso: Damián, Ures, Cotelo, Eloy Trigo, Pedro, Luca, Ángel, David Castro, Alberto Recarey, Sergio, Neira. Tamén: Samuel, Jose, Martín, Martín Puente e Héctor.
  • Castriz: Coke, Elvis, Anxo, Samuel Castro, Piñeiro, Jairo, Iván Facal, Álvaro, Alberto Mata, Iván Pastoriza e Noli. Tamén: Samuel Rodo, Adrián García, Gerpe e Martín.
  • Goles: 1-0, m.77: Martín Puente; 1-1, m.90: Adrián García de penalti (cometido sobre Noli), aproveitando o rexeite de Damián,

Comezou o partido frío, como o tempo, sen demasiada intensidade, sen precisión nos dous equipos, pero era o Castriz o que se amosaba máis por área contraria, tendo dúas boas ocasións de Iván Pastoriza, un man a man e un centro que non atopa rematador.

Pouco a pouco fóronse igualando as forzas e os locais foron espabilando o dominio visitante. Os de Julio Vila comezaron a tocar mellor, e saír fácil da frouxa presión dos xalleiros, que parecían levar mal o “síndrome do líder”, do que pensa de que todos os partidos van ser doados. Costoulles asumir o rol de ter que pelexar cada partido, cunha afección moi esixente, que enrarecía o ambiente. Aí aproveitouse o Ponteceso, que se puido adiantar cun balón ao pau de Alberto Recarey que puxo de pé a afección.

Si que saíu mellor na segunda o Castriz, que meteu ao equipo de Julio Vila no seu campo. Os locais defendíanse con unllas e dentes e achicaban os ataques dos de Castriz con máis corazón que outra cousa.Influiu a baixa de Sergio na dianteira e de Alberto Recarey no medio campo.

Pero era o cadro local o que se metía por diante cun penalti moi protestado polos xalleiros por considerar que foi fóra da área. Foise arriba con todo o Castriz, que conseguíu igualar xa no desconto con outro penalti que detivo en primeira instancia Damian pero Adrián non malograria o rebote para poñer o 1-1 definitivo. Reparto de puntos que non deixóu contento a ninguén.

 

Monte Louro - Muxía (0-0)

Monte Louro-Muxia en Agra da Flgueira-Foto-Edu Olveira

  • Monte Louro: Pedro, Pablo, Mibuel Verán, Borja, Rodri; Pardelo, Chano, Álvaro Fari, Óscar Fari, David Pais e Íker (Luismi). Tamén: Fabio, Javi, Yeray e Manolo Chouza.
  • Muxía: Domingo, Anxo, Michael, Gusa, Alex, Isma Márquez, Víctor Alcaina, Iago Muñíños, Xan Nogueira, Manu Nogueira e Fran Moreira. Tamén: Ángel, Mateo, Mario, Darío e Sambad.

Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira

Bo partido o vivido en Agra da Filgueira, cun gran Muxía pero cun Louro moi serio, coas ideas claras, usan moi ben as armas. Esas armas chamábanse íker na primeira metade, que protagonizou varias cabalgadas que levaron moito perigo antes de que un pinchazo o sacase do campo. O cadro de Nando e Fran Toba segue medrando defensivamente, e tamén soubo chegar á área contraria, pero se atoparon cun gran Pedro, que ordea, para… espectacular un paradón que fixo o meta loureán.

Na segunda máis do mesmo, un cadro muxián máis dominador, pero ao que lle falta ese último pase, ante un Louro moi ben armado.

 
Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira Iker
A lesión de Íker foi un duro pau para o Monte Louro-Foto-Edu Olveira

Volantes - Outes (1-3)

  • Volantes: Alex de Yi, Isma Mayo, Rama, Javi Romero, Manu Teijo, Manu García, Barreiro, Antonio, Benja, Bruno e Borja. Tamén: Anxo, Manu de Yi, Adri Abeijón e Miguel.
  • Outes: Dani, Jura, Martín, Estefan, Adrián (Claudino), Iván (Ramiro), Pablo, Veleiro (Mangelo), Aarón Gómez (Yago), Aarón Insua (Óscar)
  • Goles: 1-0, m.35: Manu Teijo; 1-1, m.44: Iván sorteao ao porteiro dentro da área e marca; 1-2, m.46: Pablo Tuñas aproveita un rexeite nun córner; 1-3, m.88: Pablo.

Primeiro partido serio e ordenado do Volantes de Gus, que se vai asentando. Meteuse por diante, de feito, á media hora, despois de deixar o peso do partido ao cadro de Álex Romero. Pero os locais tiñan a defensa moi ben armada, que só deixaba tiros dende lonxe, e que ía provocando imprecisións no ataque visitante, polo que conseguían robar e lanzar contras como a que permitiu o gol de Manu Teijo.
Seguía dominando o Outes que conseguía romper a tea de araña local xusto ao fío do descanso.

Arrincaba a segunda metade con outro gol dos da Serra, que tivo aí bos minutos de fútbol. Pero foi cambiando o guión. O Volantes foise indo cara arriba, metendo atrás ao Outes e tendo bocas ocasións. A incerteza estivo aberta ata o final, cando xa morrendo o partido Pablo Tuñas nunha boa acción individual pechou o encontro facendo o 1-3.

 

Baíñas - Cabana (1-2)

  • Baíñas: Maikel, Raúl, Maikol, Dylan, Héctor, Fabián, Oreiro, Cristian Canosa, Charlie, Kevin e Ruli. Tamen xogharon Rodrigo, Manu, Santi e Adrián.
  • Cabana: Manu Nantón, Mario, David Rey, Hugo, Ferreiro, Micky Pose, Nando, Miguel, Aarón Casás, Simón e Raúl Corzón. Tamén: Roi, Diego, Pablo Pose e Christian Castro.
  • Goles: 0-1, m.45: Miguel coa axuda dun defensa; 0-2, m.65: Miguel; 1-2, m.67: Cristian Canosa.

Arrincou o Baíñas dominador, cun Cabana que esperaba e intentaba roubar e saír á contra, pero cunha defensa adiantada. Nun deses roubos chegaba o primeiro dos de Pablo, que ratificaba unha primeira metade sabendo en todo momento o que quería. Pola contra, o Baíñas estaba roto en dous, mandando balóns moi arriba, pero sen estar no sitio para as segundas xogadas.

Parecía que melloraba o cadro de Roski na segunda, e ían creando ocasións, pero Miguel facía moito dano por banda esquerda, e marcaba o segundo. Reaccionou o cadro local ea base de chegadas conseguía recurtar, e cando mellor estaban, faltando 15 minutos, tivo unha ocasión inmellorable o cadro vimiancés pero Maikol fallou dende os 11 metros. Aiínda así seguiron apretando, e Ruli e Maikol tiveron ocasións para acadar o empate.

 

NOVAS RELACIONADAS

CRÓNICAS DA 2ª GALICIA

MÁIS INFO

Comentarios