Luns. 06.05.2024
El tiempo

Preferente: Boas sensacións para rematar o ano

Preferente: Boas sensacións para rematar o ano

Bo peche de ano para os equipos da Costa da Morte na Preferente trala disputa das 17 primeiras xornadas. 2 vitorias, un empate e unha derrota ante un equipo forte é un balance positivo, pois as vitorias foron moi importantes. O Dumbría remata o ano na metade da táboa tras baixar á poderosa SD Compostela á terra; e o Soneira acaba o 2011 fóra dos postos de descenso directo tras vencer ao Viveiro noutro partido de entrega.
Pola súa banda o Xallas caía ante o forte Boiro pero mantense na zona morna da clasificación, mentres que os veciños do Santa Comba seguen en postos de promoción tralo empate ante o Mugardos.

Dumbría - SD Compostela (1-0)

  • Dumbría: Juan Purrúa, Tantán, Isma (Roberto, min.50), Suso, Aarón Fdez., Aarón López, Iago, Schuster (Martín, min.30), Eloy, Luisito, Cacho (Toni, min.65).
  • Gol: 1-0, min.47: Iago dende 30 metros tras un mal despexe do porteiro a unha presión de Luisito.

Impresionante ambiente no Conco para recibir ao poderoso líder da categoría que chegaba a Dumbría sen perder un partido. Unhas 450 persoas ateigaban as bancadas para animar ao seu equipo, e abofé que responderon os xogadores de José Canosa, que correron máis que nunca. A entrega, a firmeza defensiva, e un pouco de sorte foron claves para a vitoria local.

O partido chegouao descanso con 0-0, e o Dumbría apenas pasou apuros, e a SD só chegou nunha ocasión que salvou Purrúa. A segunda comezou con outro paradón de Juan Purrúa o primeiro minuto, e na xogada seguinte, Iago non fallou ante o fallo do porteiro e levantoulla por arriba tras un mal despexe á presión de Luisito.

A partir de aí atrincherouse o Dumbría e demostrou unha seriedade e firmeza totais en defensa. Apenas tivo traballo Juan Purrúa, pois os xogadores dumbrieses, de tanto correr, acabaron o partido extenuados, pero felices pola histórica vitoria ante un equipazo como a SD Compostela.

Xallas - Boiro (0-1)

  • Xallas: Cheli, Rubio (Aitor,min.78), Iván, Becerra, Martín, Brais, Ricardo, Alexandre, Adrián Beiroa, Luís (Álvaro Cancela, min.78), Iván Amor (Prol, min.70).
  • Gol: 0-1, min.75.
  • Expulsión: Adrián Prol no min.92 por vermella directa.

Foi superior o Boiro ao Xallas, demostrando por que está aí arriba. Varias fichaxes de última hora os deixan ben posicionados de cara á segunda volta e dende Fontenla xa os sinalan como claros favoritos ao ascenso. E iso que o Xallas fixo un bo partido. Os de Iván Cancela saíron a polo partido e controlaron a primeira metade. Dani Becerra tivo o gol á saída dun corner pero non acertou.

Na segunda, o Boiro saíu moi forte e os xalleiros puideron aguantar media hora ata o min.75 cando se adiantaban os visistantes. A partir de aí, con máis fé que xogo, os verdes intentaron a igualada sen éxito.

Pecha con derrota pero con bo sabor de boca o Xallas este comezo de tempada moi positivo.

Gal. Mugardos - Santa Comba (0-0)

  • Santa Comba: Diego, Roberto, Baña, Angelo, Gonzalo, Jota (Óscar, min.68), Doro, Toni, Noli (José Angel, min.75), Julián, David Blanco (Chinda, min.65).

Non acaba no seu mellor momento de xogo o cadro laranxa, pero segue sumando e con seriedade. Xa van 3 partidos nos que lle costa máis crear ocasións aos de Gelucho, pero é que os equipos xa van ben preparados e toman precaucións ante o Barça da Costa. Así e todo, o empate fóra da casa non é mal resultado e agardan que o parón sirva para recuperar a picardía arriba.

Enfronte ademais estivo un Mugardos foi firme e moi serio, que non deu moitas opcións ao Santa Comba.

Soneira - Viveiro (2-1)

  • Soneira: Fran, Manuel, Ferreiro, Vecino, Mayor (Pablo, min.55), Mario (Brais, min.60), Santi, Victor García, Kike (Iago, min.75), Míchel, Vía Rápida (Jorge Vigo, min.75).
  • Goles: 1-0, min.20: Mayor de falta directa; 1-1, min.47; 2-1, min.75: Vía Rápida.

Alegría en Vimianzo por esta importantísima vitoria que lles permite acabar o ano fóra dos 3 postos de descenso directo (haberá que esperar a ver os arrastres pero é máis que probable que descenda algún equipo máis). Os de Miguel loitaron coma sempre e desta volta tiveron acerto cara gol e foron xustos merecedores da vitoria.

A primeira metade estivo ben controlada, e cun bonito gol de Mayor de falta se adiantaron no marcador. Pero un comezo dubitativo do segundo tempo deixounos vivir e xa aos 2 minutos empataban. Volveu coller o mando o cadro soneirán, pero tardou case que media hora en volverse colocar por diante cun tanto de Vía Rápida. Puido sentenciar á contra o cadro soneirán pero nin Vía, nin Brais nin Iago acertaron e deixaron a incertidume ata o final.

Máis información

Crónicas da semana

Máis novas

Fonte

Comentarios