luns. 02.12.2024
El tiempo

A Mikaela de Buño, a raíña do Entroido da Costa da Morte

A Mikaela de Buño, a raíña do Entroido da Costa da Morte
A MIkaela de Buno-Alfonso Cambre

Un ano máis non hai quen lle gañe. É, sen dúbida, a festa máis grande de toda a volta, se falamos de xuventude. E se mentres por Malpica, Seaia ou Cerqueda as festas son algo máis en clave tradicional, aquí, en Buño, a Mikaela vai de festa rachada.

Comprobamos, de feito, como a Mikaela fai os seus barros no Fútbol da Costa, e este ano, os xogadores Malpica, Cerqueda, Seaia (non tanto o Buño, curiosamente) sufriron as consecuencias da festa sabatina e o domingo viron reducidas as súas prestacións sobre o céspede.

A Mikaela de Buno a tope-Julio Mahia A Mikaela de Buno con Alfredo da Pesca-Diego Calvo

Pero é que non cabía unha alma máis en Buño, xa dende as 16:00h da tarde, cando arrinca o seu Vía Crucis de bares. Aló vai a Mikaela, subida ao tractor, enchida de peito como ningunha, saudando e vacilando ao persoal. Escoltada vai, bar en bar, por toda a vila, e detrás, a rapazada armando a macrofesta, cos disco móbil e gastando en cada local.

O bo que ten a Mikaela é que, ao contrario que outras festas do entroido costeiro, non hai concurso, e todo o mundo o que vai disfrazado. Toda a xuventude arma as súas películas, formando grupos ou individualmente. Guerreiros, estrellas, batmans, un completo bus escolar… De todo, e fantasticamente traballado, houbo por Buño na festa sabatina, que rematou a golpe de verbena, coa queima (cómpre non esquecer que se trata dun dos tradicionais enterros de Entroido) no campo da festa.

Fermosa homenaxe que lle renderon os Amijos da Mikaela a Alfredo da Pesca, o que foi condutor do tractor que paseaba á Mikaela durante tantos anos, e que falecía este ano.

Disfraces na MIkaela de Bunho-Ith MIle Cheo nocturno na Mikaela-Foto-Diego Souto

Os outros entroidos de Malpica

O Faustino de Malpica e o Farruco da Seaia xuntos no Entroido

Pero é que en materia de Entroido, Malpica escríbese con maiúsculas. Este ano, Malpica e Seaia uniron forzas, e os seus dous protagonistas comeron xuntos por primeira vez. O Cocido do Farruco e Faustino xuntou a todo o mundo no Restaurante Esquerdo, para que ao remate, cada un fose ser enterrado na súa parroquia.

Ambientazo no Entroido de Malpica

Ademais, en Cerqueda o Entroido arrecende a tradición, como o demostraron eses curiosos persoeiros que se chaman Madamitos e Ghuardineros, que percorreron a parroquia acompañados da charanga local “Os Condanados”.

Hai que falar aquí do traballo das asociacións, que fan posibles todas estas troulas. Por Cerqueda andan trala organización as A.C. Raigañas, Comisión de Festas de Cerqueda, Asociación Cabalar Os Veteranos e Asociación de Veciños Monte d ´Arxa. Por Malpica arman o Enterro do Faustino a Asociación de Redeiras Mar da Illa, e por Seaia é a A.C.D. San Xulián a que coida do Farruco.

Entroido de Cerqueda cos Madamitos e Ghuadineros-Foto-Rosario das Marias

Longa vida ao entroido malpicán.

Novas relacionadas

Entroido 2015

Fonte

Comentarios