Despois de 7 anos do afundimento do Silvosa, Portos propón outro estudio para mellorar a seguridade na dársena de Malpica

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, reunirase co alcalde de Malpica, Eduardo José Parga. Foto: Xoán Crespo

Cúmprense xusto 7 anos dende o accidente do Silvosa na entrada do porto de Malpica. 7 anos. E a Xunta volve ofrecer outro estudio, un máis, situando no 2027 unha posible solución aos problemas que sofren diariamente as embarcacións que se adentran nas exclusas da dársena interior do peirao malpicán.

Onte, o alcalde Eduardo Parga, reuníase coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, para escoitar actuacións previstas polo departamento para o reforzo da seguridade e mellora da operatividade no interior da dársena do peirao malpicán. 

Portos realizará un novo estudio, que se desenvolverá durante 10 meses e afondará no coñecemento científico sobre o fenómeno da onda longa, "moi pouco estudado ata o momento e que non se tiña en conta na construción das infraestruturas portuarias que permanecen en uso na actualidade".

Portos de Galicia investirá neste traballo de investigación asinado xunto á Universidade da Coruña, 262.000 euros e a UDC realizará ensaios das posibles solucións técnicas na Dársena Multidireccional 3D do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) de recoñecido prestixio investigador. Este modelo físico a escala en tres dimensións de gran tamaño introduce unha compoñente de innovación de grande importancia nesta problemática, fronte aos modelos matemáticos.

 

HISTÓRICO SOBRE A SEGURIDADE NO PORTO DE MALPICA DENDE 2018