O Concello de Mazaricos loitará contra a instalación do Parque Eólico de Alvite

Foi o primeiro concello en pararlle os pés aos eólicos. E segue a demostrar que é dos poucos comprometidos con darlle luz a un asunto tremendamente escuro e pouco transparente, que está a cambiar a fisionomía do noso país.
O Concello de Mazaricos anuncia hoxe que vai presentar alegacións ao Parque Eólico Alvite. De feito, esta pasada mañá de xoves o alcalde Xoán Blanco xa informou persoalmente a unha trintena de veciñ@s, explicándolle os pormenores do proxecto e deixando claro que asesorará a particulares afectados pola instalación do parque para que tamén presenten as súas alegacións.
Porque un novo río de viraventos pode fragmentar o terruño das terras do Xallas, afectando ademais directamente á naturalidade do Camiño de Santiago. Cómpre sinalar 6 dos 12 aereoxeneradores proxectados no proxecto estarían situados no termo municipal mazaricán.
“Consideramos que este parque afectará negativamente á calidade de vida da veciñanza nas parroquias das Maroñas e de San Fins de Eirón, afectando a terras de cultivo e aproveitamento agrogandeiro”, explicou o alcalde. Do mesmo xeito, Juan Blanco engadiu que “vai afectar á liña estrutural do Camiño de Santiago, polo que confiamos no criterio da Dirección Xeral de Patrimonio para evitar que o proxecto se materialice nestas condicións”. Neste sentido, o rexedor mazaricán lembrou que existen precedentes de anulación dun proxecto eólico pola proximidade á vía xacobea, de alto valor patrimonial.
Así, todas as persoas que o desexen poden pedir cita para os días 29 e 30 de xuño e 5 e 6 de xullo, de 12h a 14h, na Casa do Concello. As persoas interesadas recibirán asesoramento para a presentación de alegacións. O teléfono para reservar cita é o 981 86 71 04. O prazo de alegacións pecha o vindeiro 22 de xullo.
NOVAS SOBRE OS EÓLICOS de Mazaricos
- Xuño 22: P.E. Alvite: Rodeado de 791 aereoxeneradores.
- Marzo 22: As Asociacións de Mazaricos asinan un acordo coa empresa do P.E. A Ruña para que a súa instalación revirta na terra.
- Decembro 21: O Concello de Mazaricos confía en que a Xunta non aprobará os parques eólicos A Picota I e II.
- Novembro 21: O Tribunal Superior ratifica que o P.E. A Ruña II non pode ir en terreos que foron afectados polos incendios
- Novembro 21: O alcalde de Mazaricos trasládalle á veciñanza a pouca viabilidade que ten o Parque Eólico A Picota.
- P.E. A Picota: Os eólicos comprometen o sector gandeiro
- 11 entidades bergantiñás piden a anulación do Complexo Eólico da Costa da Morte.
- INFORME: O novo impulso eólico propón 39 novos proxectos na Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.
- Setembro 2020: A veciñanza da comarca, contra os macroélicos e as inclemencias do tempo.
- Setembro 2020: Santa Comba acolle o primeiro encontro intermunicipal sobre o modelo enerxético e o medio rural .
- Agosto 2019: Mazaricos páralle os pés aos eólicos.