Xoves. 03.10.2024
El tiempo

Galería Mulleres: Isabel Cabanillas, activista de 26 anos asasinada en México

Galeria Mulleres isabel cabanillas
Galería Mulleres: Isabel Cabanillas, activista de 26 anos asasinada en México

Seguimos percorrendo a historia a través de nomes de muller, da man de Viki Rivadulla, e esta singular singradura que está a piques de cumplir 10 anos.

Hoxe imos ata México, para coñecer unha artista plástica, deseñadora, muralista e activista. que foi asasinada con 26 anos en Ciudad Juárez o pasado 19 de xaneiro de 2020.

Isabel Cabanillas era unha artista, nai solteira, que vivía do seu traballo artístico. Era tamén unha muller comprometida coas mulleres obreiras, o colectivo inmigrante , o feminismo e a loita contra os feminicidios .Formou parte do Observatorio Ciudadano Especializado en Género  da Red Mesa de Mujeres. Tamén formaba parte do colectivo Hijas de su Maquilera  Madre para a defensa dos dereitos das mulleres na fronteira entre México e Estados Unidos. Isabel coñeceu ás integrantes do colectivo cando estudaba .Todas as mulleres deste colectivo fan algunha actividade como pintar, son muralistas , fan outras actividades artísticas, hai psicólogas, sociólogas, médicas, biólogas... É un colectivo que se formou e formáronse a si mesmas . 

O sentimento de identidade fronteiriza, un estado de transición constante, é o contexto emocional no que Isabel traballaba nos seus lenzos, teas e zapatos, creando outras realidades cheas de cor sobre materiais que posiblemente saíron dalgunha maquila  ao bordo da cidade. Dar cor a unha realidade abatida era a súa forma de estar e ser .Parte da súa resistencia era apropiarse dos espazos xunto ás súas compañeiras…Juárez é perigoso, pero é unha forma de loita e resistencia. 

Ciudad Juárez é un municipio marcado polos feminicidios. A misoxinia e o lugar de colocación das mulleres na sociedade fai que estas estean en risco de recibir violencia. As masculinidades prevalecentes  aínda están cargadas de violencia. En palabras de Marcela Lagarde  “atopamos unha relación moi importante entre formas de violencia de xénero aceptadas pola sociedade e os crimes de mulleres; vimos tamén que o machismo e a misoxinia instalados nas institucións fan que as autoridades desvaloricen a problemática, e non lle dean importancia”. Neste contexto resisten e loitan as mulleres como Isabel que iluminaba o mundo coas súas cores e o seu compromiso e que foi asasinada de dous tiros cando transitaba na súa bicicleta . O caso de Isabel non é un caso illado, forma parte da mesma violencia sistémica  que ela e as súas compañeiras denuncian cada día.

 

 

Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios