Domingo. 06.10.2024
El tiempo

A Galería Mulleres lembra a Jane Goodall

Continuamos coa singular proposta de Viki Rivadulla e a Biblioteca da Muller de Muxía, para recuperar a historia en nome de muller. Este mes de agosto de 2020, na Galería Mulleres, lembramos á Jane Goodall (Londres, 1934), a Científica primatóloga, etóloga antropóloga e activista medioambiental, que se coñeceu en todo o mundo pola súa vida pegada aos primates.

Jane Goodall na Galeria Mulleres de Muxia
A Galería Mulleres lembra a Jane Goodall

Soñaba xa canda nena con escribir sobre os animais en África. Aos 23 anos viaxa a Kenia, onde traballou co famoso antropólogo Louis Leakey , ata que este enviouna a Gombe, Tanzania, coa arriscada misión de investigar por primeira vez aos chimpancés salvaxes da zona. Coa soa compañía da súa nai e un cociñeiro, plantou a súa tenda na selva e comezou o seu proxecto de investigación que duraría en teoría 6 meses, e que continúa no presente tras aproximadamente 60 anos. Os resultados das súas exhaustivas investigacións de campo revolucionaron á comunidade científica.

A súa perseveranza, intuición, empatía e capacidade de observación permitiron botar luz no ata entón descoñecido mundo dos chimpancés. O seu extenso traballo, proseguido por investigadores do Instituto Jane Goodall constitúe unha das investigacións de campo máis prolongadas sobre animais en liberdade. Con máis de 26 libros no seu haber, innumerables artigos científicos, e máis de 20 producións para cinema ou televisión, sen contar as miles de entrevistas ou artigos sobre ela, o seu traballo foi fundamental non só para difundir coñecementos sobre os chimpancés e outras especies, senón tamén para xerar empatía e afianzar a súa protección e a dos seus ecosistemas, ademais de convidarnos a reflexionar sobre nosa propia especie e promover un estilo de vida máis sostible nas nosas sociedades.

É considerada unha das mulleres científicas de maior impacto no século XX. O documental sobre a súa vida e obra, “A viaxe de Jane”, gañou o premio “Best Green Film” no Green Film Fest de Berlín, e foi preseleccionado entre os nomeados ao Óscar 2012 a Mellor documental.

Jane Goodall é Doutora en Etoloxía pola Universidade de Cambridge e Doutora honoris causa por máis de 45 universidades do mundo. Foi distinguida con máis de 100 premios internacionais, incluído o Premio Príncipe de Asturias de Investigación en 2003 en España, o Premio Internacional Cataluña 2015, a Lexión de Honra da República de Francia, e o título de Dama do Imperio Británico. Do mesmo xeito, foi galardoada coa medalla Hubbard do National Geographic Society, o prestixioso Kyoto Prize en Xapón, a medalla Benjamin Franklin en Ciencias da Vida, o premio Gandhi/King pola Non Violencia, e a Medalla de Ouro UNESCO. En abril de 2002, Kofi Annan nomeou á Dra. Goodall como “Mensaxeira da Paz” de Nacións Unidas, e foi confirmada na súa misión en 2007 polo Secretario Xeral Ban Ki- moon. En 2009 foi nomeada como patrocinadora oficial do Ano do Gorila, pola ONU. En 2012 volveu participar da cerimonia na sede da ONU en Nova York.

 

 

Artigo relacionado

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios