Mércores. 22.09.2021
El tiempo

A Galería Mulleres de Muxía arrinca 2021 coa historia da pintora María Blanchard

cartel maria blanchard na Galeria Mulleres de Muxia
A Galería Mulleres de Muxía arrinca 2021 coa historia da pintora María Blanchard

Comeza, nesa viaxe simbólica pola historia en clave de muller, Viki Rivadulla o 2021 falando de arte. E faino repasando a vida da pintora Maria Blanchar (Santander, 1881-París, 1932).

O cubismo sintético de Blanchard mereceu o recoñecemento do público máis esixente e participou en exposicións xunto aos outros grandes nomes en Bruxelas e París, polo que a día de hoxe María forma parte do grupo de artistas máis importantes do movemento cubista e ten tamén unha moi interesante obra figurativa na que crea personaxes cheos de luz interior.

María naceu cunha malformación ósea que xeraba chepa e fortes dores , problema que foi agravándose co tempo e que condicionou toda a súa vida. Aos 22 anos, animada pola súa familia, trasladouse a Madrid para formarse como artista e logo a París (1908), alí contacta coas vangardas e coñece artistas españois que vivían a bohemia (Picasso, Juan Gris...)e que se converteron nos seus grandes amigos. Tamén coñecerá en Europa a Diego Rivera, amigo e amor non correspondido.
Máis tarde convivirá con Angelina Beloff (Quiela), a artista rusa que sería parella de Diego. Quiela continuou unha gran amizade con María ata a morte desta. María conseguira a cátedra de Debuxo en Salamanca, pero alí sufría burlas e chamábanlle bruxa polo seu aspecto físico, sufrindo mesmo agresións. Tamén o seu intento de romper normas e achegarse ao cubismo foi azoutado por unha crítica reaccionaria. Marcha de novo a París e nunca volve a España. París era outra cousa. Era a vida.

En 1916 participa no mesmo salón no que irrompen en escena As señoritas de Aviñón de Picasso e no que tamén participaron Matisse e Modigliani . En 1917, María, a petite Blanchard , como a chaman os cubistas, é unha pintora respectada que vende toda a súa produción a un só marchante e achega ao movemento cubista sentimento e plasticidade. A súa figura está no mesmo nivel que as de Rivera ou Juan Gris. Era a única muller nun mundo de homes que case era unha seita. Era valorada como pintora e considerábana unha compañeira. “Ningún colorista do noso tempo excédea(…) O seu paso polo cubismo produciu as mellores obras deste, aparte as do noso mestre Picasso”, dixo dela Diego Rivera. Pero logo dos tempos gloriosos María caerá nunha profunda depresión, agrandada polo falecemento do seu gran amigo Juan Gris e o traslado de parte da súa familia a París para vivir con (e de) ela. Nese tempo volve á figuración e entra nunha época espiritual e recollida. Pinta todo o día, apenas come... Está enferma, con grandes doenzas físicas. María morreu en 1932 en Montparnasse con pouco máis de cincuenta anos de idade, deixando ao seu paso infinidade de amigos que a choraron amargamente.

Á súa morte García Lorca pronuncia unha emotiva elexía no Ateneo de Madrid .Logo desvaneceuse da historia da arte: algunhas das súas obras foron mesmo atribuídas a Juan Gris.“Despois da súa morte, en 1932, non tardou moito en producirse unha segunda morte, máis dolorosa se cabe polo indigno e indesexable que foi ese castigo para o seu legado e memoria: foi case borrada da historia da arte, arrinconada nos manuais ás últimas filas.(...) Quizais esta inxustiza débase ao desprezo bastante xeneralizado que provocaron sempre as mulleres, cuxa influencia no mundo da arte negouse con rotundidade, coma se ao longo dos séculos só contribuíran a el os pintores masculinos. Sexismo na historia da arte? Parece evidente”. Di Baltasar Magro en “María Blanchard. Como unha sombra”Alianza Editorial.

Artigo relacionado

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

comentarios