Venres. 23.10.2020
El tiempo

A Galería Mulleres lembra á heroína Elena Piñeiro Castro, a Boticaria de Carnota

A Galería Mulleres lembra á heroína Elena Piñeiro Castro, a Boticaria de Carnota
Segue Viki Rivadulla permitíndonos percorrer a nosa historia en nome de muller. A Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía recolle neste outubro de 2020 a historia de Elena Piñeiro Castro, a mítica boticaria de Carnota.

Nada en 1907 e finada aos 90 anos, foi a primeira muller universitaria da súa bisbarra. Despois da finalización da carreira, tomou posesión da botica, situada na parroquia de Santa Comba de Carnota.

De profundo ideario republicano, de esquerda e democrático, unha vez comezada a Guerra Civil organizou audicións da “Pirenaica” na mesma casa onde se atopaba a botica. 

Foi delatada e vítima dunha represión permanente por parte dos falanxistas da bisbarra. 

Elena, xa separada do seu marido desde antes da guerra, vivía acompañada da súa empregada do fogar, María da Pelexa, de Vilar de Parada (San Mamede). Ambas foron acosadas e agredidas fisicamente de forma continuada por parte dos militantes da Falanxe durante a guerra e os primeiros anos da ditadura. Eran “visitadas” de noite na botica, co pretexto de que precisaban medicinas. Dona Elena acabou coa persecución cando unha noite os convidou a pasar para dentro da casa, se tiñan valor, ás escuras, pero co postigo da porta aberto. Os falanxistas sabían que ela se vira obrigada a facerse cunha arma para a autodefensa, polo que a partir dese episodio cesaron as “visitas” nocturnas. A radio foille incautada e posteriormente, grazas á intercesión de seu irmán Xosé Piñeiro Castro, funcionario do Concello de Santiago de Compostela, conseguiu recuperala e aínda hoxe a conserva un familiar que vive en Vigo.

Entre as accións de represión máis salientables das que foi vítima a boticaria de Carnota cabe subliñar que lle foi cortado o pelo ao cero pola forza, na principal praza de Carnota. Práctica vergoñenta á que non poucas mulleres rebeldes foron sometidas neses anos da guerra e primeiros da ditadura. 

De carácter forte, sempre destacou por ser xenerosa cos humildes e inflexible con aqueles que a someteran no pasado. Seguiu vivindo, como titular, na súa casa da farmacia, acompañada do seu sobriño Alfonso, ata o seu falecemento en 1997.

A pesares das agresións e o acoso a que foron sometidas, María da Pelexa nunca marchou de xunto Elena, e continuaron sempre axudándose mutuamente.

Na Biblioteca da Muller muxiá podes atopar “A memoria esquecida: Peladas, presas, paseadas”, editado pola Xunta de Galicia.

O Autor da biografía e Xosé Manuel Rey Piñeiro, e achegaron as imaxes Carmen da Pelexa e Marupe de SonLilá.

Artigo relacionado

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

comentarios