O PP de Ponteceso espera que os 6 concelleiros socialistas pasen ao grupo de non-adscritos para falar da moción de censura
Non calma a marea socialista no seo do goberno de Ponteceso. Ata o punto de que o propio alcalde, Lois Carballido, vén de solicitar un informe de Secretaría sobre a viabilidade dunha hipotética moción de censura, unha realidade que polo de agora non se recoñece publicamente nin dende os 6 edís do PSOE contrarios ao seu alcalde, nin dos grupos de PP ou APIN.
En todo caso, o informe, que considera que non sería “viable” a moción pola situación dos edís socialista, vén de provocar a reacción duns e outros.
Os 6 concelleiros do PSOE contrarios ao alcalde volven enviar un escrito no que denuncian que “o único importante para el é o seu posto”. Volven lamentar que tiveron, os edís e mesmo o delegado de prevención de riscos laborais, que enteirarse pola prensa do peche da Casa do Concello por un positivo en Coronavirus (volve abrir hoxe venres). Sobre a viabilidade ou non da moción, son rotundos: “descoñecemos a formalidade do informe e de que expediente forma parte, agora ata involucra a funcionarios... o que vemos e que está moi preocupado porque non lle quiten o sillón, dá igual os positivos, a pandemia, os traballadores e os veciños e veciñas”.
Pola súa parte, para o PP o informe é un claro exemplo do “poñer a venda antes da ferida”. E fan unha reflexión: “un alcalde, traballando de mestre polas mañas, e unha concelleira, levando o concello de Ponteceso. É imposible cumplir o proxecto político”. Por iso, lle piden que “se fora coherente e tivera un pouco de ética deixaría o seu sitio a outros concelleiros válidos”, e reiteran no que levan meses dicindo: “isto é a crónica dunha morte anunciada”.
Respecto a posible moción de censura, o voceiro do PP, Daniel Garcia Cotelo, pon pasos: “Esperemos a que os concelleiros do PSOE pasen ao grupo de non adscritos e despois falaremos do que faga falta.
Novas da crise do #PSOEPonteceso
- 05-10-2020: 6 edís do goberno municipal de Ponteceso piden, por escrito, a dimisión do seu alcalde.
- 02-10-2020: A concelleira Raquel Fondo critica que o alcalde pontecesán se lembre tan tarde do seu grupo de goberno.
- 30-09-2020: 6 dos 7 edís socialistas do grupo de goberno de Ponteceso pídenlle ao seu alcalde que dimita.
- 29-09-2020: O alcalde de Ponteceso fica só ante a sombra dunha moción de censura.
- 28-09-2020: Os edís socialistas de Ponteceso critican que o alcalde está levando ao concello “á ruína”.
- 01-08-2020: Os edís socialistas a Carballido: "A súa prioridade é máis económica que vocacional”.
- 01-08-2020:Carlos Penedo a Carballido: "Está en politica por outros intereses que non son os intereses da veciñanza”.
- 01-08-2020: Marco Varela a Carballido: "Non por estar no goberno es un Dios”.
- 31-07-2020: Daniel Garcia Cotelo: “O de Carballido é a crónica dunha morte anunciada”.
- 30-07-2020: Unha sentenza corrixe por fin a situación dos empregados do GES de Ponteceso.
- 29-07-2020: Carballido renuncia á súa minguada dedicación e pide o reingreso no Instituto.
- 28-07-2020: Mar de fondo nos grupos socialistas de Muxía e Ponteceso.
- 20-06-2020: 3 edís socialistas apoian a Faustino Lema, cesado “unilateralmente” polo alcalde por “opinar priorizando o interese dos veciñ@s”.
- 14-06-2020: Faustino Santiago explica o seu cese como edil pontecesán: "Non é falta de confianza, é abuso de poder do alcalde”.
- 28-05-2020: Carballido bota outro membro da súa corporación.
- 2019: Socialistas de Ponteceso critican ao alcalde
- 2019: Militantes socialistas de Ponteceso critican o incumprimento o procedemento na elaboración da lista.