Imprimir

A crítica de arte feminista, Micaela Fernández Darriba, é a protagonista da Galería de Mulleres en decembro

que pasa na costa | 01 de decembro de 2019

Micaela Fernández Darriba
Micaela Fernández Darriba

A Galería de Mulleres da Biblioteca de Muxía adica este mes a Micaela Fernández Darriba (Buenos Aires,1976) crítica de arte e xestión cultural, especializada en teoría da arte feminista. 

Licenciada en Ciencias da Comunicación (UBA), Fernández completou a súa formación en Historia da arte, crítica de arte e xestión cultural. Especializouse en teoría da arte feminista. Desde a consigna «o persoal é político», sentiu a necesidade de poñer en valor os discursos invisibilizados.

Ideou, baixo o lema «o que non se nomea non existe», Foeminas (2005/2012), a primeira revista (bilingüe) virtual feminista do Estado auspiciada polo Concello de Lugo. «Investigar sobre feminismo en Galicia, coñecer a vida de Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, as historias das mestras republicanas, foi unha oportunidade de crecemento e transformación». A revista foi moi recoñecida. Propiciou intercambios entre Galicia e Latinoamérica, redes de cooperación e traballo colectivo, nunha época onde todo estaba en fase de desenvolvemento inicial. Por Foeminas pasaron innumerables traballos e reflexións, citados e referenciados en libros, teses doutorais (Wikipedia, Consello da Cultura Galega, etc.). Difundiuse a obra de hoxe consagradas artistas galegas (e mundiais), a historia de Marcela e Elisa, o proxecto Granxa Maruxa, onde se reivindicou a memoria histórica, a arte e a cultura.

En 2006 desenvolve Sinais (con Luz Darriba), acción que repuxo a figura feminina nos semáforos de Lugo. Un proxecto que logo foi replicado no mundo. En 2007 realiza o I Encontro Palabras de Mulleres (auspiciado polo Concello de Lugo) que contou coa participación de recoñecidas poetas galegas. En 2008 co-organiza o I Congreso Latinoamericano sobre Trata e Tráfico de Persoas na UBA. Hoxe, sen o seu «medio con voz propia» como chama a Foeminas, continúa traballando nas redes, creando proxectos, reivindicando discursos para acabar coa violencia e as desigualdades.

Micaela  está a finalizar a Mestría en Historia da arte (Universidade de San Martín) e a Mestría en Crítica de Arte no IUNA. É especialista en Comunicación Cultural e Xénero. Investigadora e crítica de arte, cultura, comunicación e TIC´s. Publicou artigos en Arxentina, Bélxica, Brasil, Costa Rica, España, México, Venezuela, Chile e Ecuador. Participou como relatora en numerosos congresos internacionais. Creou El anhelo de una habitación propia, traballo interdisciplinario sobre escritoras latinoamericanas, e Wiki. Mujeres migrantes + comunicación ciudadana. Colaborou con Gazpacho (Revista do Centro Cultural de España en Buenos Aires) e diversas publicacións como Diario Digital Feminino, Leedor, Tribuna Feminista e SERMOS (Galiza).

Co-fundou La Igualdad en Juego, unha organización pola equidade, a diversidade e a non discriminación na infancia e Feministas debatiendo sobre arte feminista. Integra a Red de Geografías e Epistemologías Feministas del Sur Global, a Red Musa Palabra, o grupo Galegas na Diáspora.

 

Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/muxia/a-critica-de-arte/20191129140615115494.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA