Venres. 26.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:42
24/05/21

Fiscalización operativa. Xa é hora

Manual de Auditoria Operativa Fiscalización operativa. Xa é hora
Fiscalización operativa. Xa é hora

Cando nos medios se comenta que se está facendo unha «auditoría» a un concello, frecuentemente se confunde ese termo co de «fiscalización». Trátase dun matiz que convén distinguir, porque son conceptos moi diferentes que se empregan indistintamente e de forma equivocada.

A «fiscalización» é unha función asignada aos órganos de control, para verificar como se están facendo as cousas, mentres que o termo «auditoría» designa unha das técnicas empregadas para exercer esa función (non é a única técnica, pero si a máis utilizada e a que ofrece mellores garantías de conseguir un traballo de calidade).

Pois ben, cando se fai unha fiscalización a un concello, o que se comproba é si as contas están libres de incorreccións materiais debidas á fraude ou a erro (fiscalización financeira), e verifícase si as actividades, transaccións económicas, etc. cumpren coa normativa de aplicación (fiscalización de cumprimento). Estes dous tipos de controis, que mesturados se coñecen como fiscalización de regularidade, son os que efectúa xeralmente o Consello de Contas utilizando técnicas de auditoría.

Existe outro tipo de fiscalización (operativa ou tamén denominada de xestión), que se centra en determinar se as actuacións, programas, etc. son xestionados de conformidade cos principios de economía, eficiencia e eficacia, que tamén realiza o noso órgano de control externo, e que convén poñer en valor.

Porque, xa non é suficiente comprobar que os nosos concellos presentan correctamente os estados contables –que menos–, ou corroborar que se axustan ao disposto na normativa reguladora –só faltaría–, senón que cómpre analizar si políticos e xestores deron cumprimento ás necesidades dos veciños, afondando nos temas que lles preocupan e coñecendo as súas prioridades, sobre todo nun contexto de pandemia como o que nos toca padecer. Só así se poderán adecuar as demandas sociais aos servizos que se prestan.

E é aquí onde reside a importancia das auditorías operativas ou de xestión. Porque permiten determinar a eficacia coa que se alcanzan os obxectivos preestablecidos e a eficiencia e economía empregadas na obtención de resultados. Todo iso, coa finalidade de proporcionar recomendacións que redunden nas melloras da xestión que, estaremos de acordo, boa falta lle fan aos nosos concellos.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios