Martes. 14.07.2020
El tiempo
José Luis Louzán
20:58
31/05/20

Cando todo isto pase

Cando todo isto pase

Leo dende hai semanas esta frase; “cando todo isto pase...”, seguido dalgunha coletiña máis ou menos elevada, animosa ou enervante do tipo, “volveremos a abrazarnos”, “seremos máis fortes” ou “recuperaremos o tempo perdido”.

E non deixo de darlle voltas ao que queren dicir cando alguén di algo como “cando todo isto pase” e o que realmente significa nas nosas mentes e corazóns. Porque si algo é evidente é que, cando todo isto pase, en realidade nada terá pasado. Ou si.

Das moitas diferencias entre unha pandemia e unha guerra convencional a máis salientable para o colectivo é a difusión do medo. Cando falamos de guerra en sentido estricto, hai tres elementos que marcan o alcance da difusión social do evento: a cobertura mediática, o control de esa cobertura e os mortos.

A difusión por televisión de cadaleitos durante o conflicto dos EEUU en Vietnam ten ata nome cientifico: Efecto Dover. A base aérea de Dover, en Delaware, era o lugar habitual a onde se trasladaban os corpos dos falecidos repatriados de aquel conflito e a chegada masiva de cadaleitos coa bandeira dos USA enriba colocou o último cravo no fin do conflicto. Día tras día, medios coma o Washington Post ou o New York Times publicaban as listas de mortos e feridos na guerra e as imaxes de Reuters da nena Phan Thị Kim Phúc, a “nena do Napalm”, correndo espida con graves queimaduras despois de que a súa aldea fora alcanzada por unha bomba incendiaria, foron determinantes para definir o rexeitamento total dos americanos e a reclamación do fin do mesmo.

O malo (ou o bo, quen sabe) dunha pandemia coma esta é que a difusión real das consecuencias físicas do virus son infinitamente máis suaves e manipulables. Non son moitas, por non dicir ningunha, as imaxes de enfermos na UCI nos seus últimos minutos e salvo algunha burda manipulación dos golpistas de VOX a visión de ringleiras de cadaleitos camiño do cemiterio ou do crematorio non ten difusión algunha por razóns obvias... ou non tan obvias.

É moi difícil trasladar á opinión pública que a dimensión da amenaza é descoñecida e tan grave como para significar a fin da humanidade tal e coma a coñecemos. As palabras non son capaces de trasmitir isto porque o que si fai a imaxe dun morto nunha guerra en televisión e trascender a nosa proverbial pasividade: porque ese mortos poderíamos ser nos e o aspecto que ten alquén que sangra, cuberto de barro nunha selva calquera, desposeido xa da súa condición humana é infinitamente mais clara que calquera descripción que se poida dar ao resultado da pandemia en nos e nos nosos seres queridos.

O que si é fácil de difundir, máis aínda en España e na Galicia, é o odio. E iso si está calando, moito máis que as medidas, as fases, os horarios ou as condicións nas que se supón que temos que vivir a partir deste feito histórico cando, coma din os anuncios, “todo isto pase”.

A equidistancia, coma mal propio dos nosos tempos, acaba por ocupar aquel espacio que fai xa uns cantos anos definín coma o “tempo dos moderados”. Escribía eu por aquel entón que “Si os moderados estiveran o mando dende sempre a escravitude seguiría sendo legal.”. Eran outros tempos aló por 2010, outros tempos ben distintos e, incriblemente, mais civilizados. Pero a máxima é a mesma; os “moderados” disfrazados de equidistantes, acabarán por dar a razón ao abusador fronte a vítima só por non facer demasiado ruido e non molestar a ninguén.

Mentres, un odio coma fai tempo que non se vía o inunda todo e a todos. As redes sociais axudan a iso e quitan a razón aos que falan de que, “desta sairemos máis solidarios” ou “máis preparados”. Nada de nada. Desta estamos saíndo mal e a rastro. E o máis grave é que en realidade o que tomamos por saída é, simplemente, un descanso na escaleira, que como a escaleira de Penrose, en realidade non ten fin. Con ou sin vacina, contar cunha debilidade previa, ter máis de 65 anos ou estar baixo de defensas pode significar, en caso de contaxio, unha sentenza de morte.

Pero, mentres estas realidades nos superan, nos adiantan e nos agardan no próximo outono, ou na próxima avalancha de turistas desde Madrid, Cataluña ou o resto do mundo, nos seguimos deixando amigos polo camiño. Eu deixo amigos polo camiño.

Decidín, hai xa semanas, que non estaba disposto a discutir cousas que me parecen evidentes con calquera que realmente queira mirar, con persoas as que teña algún aprezo. Nalgúns casos foi unha medida entendida, noutros non. É lóxico.

Pero a dor real de discutir con alguén a quen teño en consideración, moito máis aló do que pense sobre a política de uns e outros sabendo de que remataremos por crear entre nós un abismo de difícil paso me supera. Non me importa perder amigos (algúns deles, en realidade, só son coñecidos) pero si me importa como perdelos. Non vou a perder a ninguén mal, por moi lonxe que estea da miña idea do que se debe facer ou de como se debe facer.

Pero aí está a realidade. A teimuda realidade di que un número para nada pequeno de indivíduos dispostos a dar por bo que se leve adiante un golpe de estado e que se cambie a un goberno de concentración é alta. Un individuo, media ducia, serían demasiados pero, se facemos caso a Whatssapp, Facebook ou Twitter esa cifra pode ser enormente alta. Altísima.

E á vista de que nin o virus vai marchar nin Abascal e compañía van parar nas súas diatribas tardo-franquistas o futuro amósase peliagudo. A ausencia dun partido serio na oposición, trala dimisión nesa facultade do PP, que decidíu ser, outra vez, unha sorte de Gil-Robles, disposto a asumir coma bo o golpismo se implica un cambio as súas teses de goberno, ponnos a todos nunha situación ben difícil.

Veñen tempos aínda máis duros e nese contexto deberemos transitar, coa nosa mascariña, coas nosas lubas de látex e coa nosa distancia de máis de 2 metros, enfadados, arruinados, tal vez enfermos e sobre todo desposeídos de toda humanidade. Lonxe dos nosos seres queridos, por moi preto que estemos, sen apertas, sen bicos, sen o cariño que nos damos cando nos miramos a nos trasladamos respeto, solidariedade, devoción ou cariño. Porque “de todo isto”, en realidade, non saimos. Fuximos. E fuximos moi mal.

 

OUTROS ARTIGOS DE JOSé LUíS LOUZáN

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

INFORMES SOCIOECONóMICOS DE JOSé LUíS LOUZáN

comentarios