Venres. 19.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
10:42
26/06/20

Certezas

Vivimos tempos ben complicados. Tristes e complicados.

O que expoñemos a diario cando saímos a rúa, cando imos traballar (os que teñen onde) ou cando acudimos a un hospital é tanto que dá medo pensalo.

O Covid, segundo os datos aportados polas CCAA ao goberno, leva matado a 28.300 persoas. Homes e mulleres de tódalas idades, de tódalas condicións sociais, ricos e pobres (sobre todo pobres, eso tamén hai que dicilo), fortes e débiles, maiores e máis novos, gardas civis e enfermeiras e tamén médicos, e albaneis, carpinteiros, limpiadoras, nenos... si, nenos e nenas, mozos e mozas morreron a causa do virus. Aquí, na nosa terra. Ao noso carón.

E neste contexto e cando temos que decidir si vivir ou morrer, e non exasero o máis mínimo. Debemos decidir si ser reponsables coas medidas de distanciamento social ou si comportarnos coma temos costume pero, tamén, si estamos dispostos a expoñer aínda máis renovando no goberno a maior banda criminal da historia democrática do país: O Partido Popular.

Unha banda criminal condenada en sentencia firme por lucrarse coa corrupción sistémica establecida dende a época de Alfonso Naseiro, que safou coma o ex-alcalde de Cee por un tecnicismo, pero que era tan culpable coma o resto de autores da maior estrutura para o atraco das arcas públicas en tempos modernos.

Feijoo, ademais dunha casa de refrescos é auga carbonatada (Gaseosas Feijoo, como esquecelo) é o presidente da Xunta con menor apoio popular dende Fraga en 1989. Só o Feijoo de 2012 sacou menos votos pero en tódolos casos obtivo unha maioria suficiente para gobernar a voluntade. A distancia entre os 3 principais partidos da esquerda (si asumimos que o PSOE é de esquerdas, que é moito asumir) e o PP de 2016 foron 35.000 votos. Os que sumaron partidos tan necesarios e determinantes coma o Partido Animalista (15.135), Compromiso por Galicia (4.109) ou a suma dos Comunistas (si, eles din que o son e hai que respetalo), Recortes Cero ou Gañemos. Sen todas esta caterba de indocumentados Feijoo tería perdido, pero dado que falamos de politica ficción de pouco sirve laiarse do sucedido en 2016.

Pensemos polo que vai pasar o 12 de Xullo.

A estas eleccións que Feijoo gañou de antemán chegamos realmente confundidos. Escoito que o peor do mundo e un tal “coletas”, un “asasino” que leva matado máis que o augardente en Ourense nos 60. Tamén escoito que hai xente que di que é de esquerda que non vai ir votar por non sei que historia de que non lle cae ben este ou o outro ou, peor, que van votar a opcións sen ningunha opción porque lle caen ben. O do voto útil non o comparto, igual que o de pagar impostos, ata que estás entre a vida e a morte e precisas da sanidade pública. Aí xa che parece que o estado social baseado en compartir gastos e contribuir a unha caixa común xa resulta super razoable, eh?.

Sei seguro que si o deixamos Feijoo nos matará a todos. Xa o fixo, por pura e total incompetencia, cando foi incapaz de dotar da medicación precisa aos enfermos de hepatite. Así o considerou a Fiscalía que acusou ao Gobierno de Feijóo de homicidio por retrasar fármacos para a hepatite C por “razóns presupuestarias”. A cousa, coma soe pasar neste país, quedou en nada, pero a simple dúbida e as mortes implican un descenso ao averno do desgoberno e a neglixencia complicado de defender.

Algo parecido ao desastre nas residencias privatizadas en Galicia, onde a metade dos mortos polo COVID o foron nunha das residencias que o goberno da Xunta considera exemplares.

Feijoo é tamen o mellor anticonceptivo da historia do país. Na última década, Galicia rexistra a menor taxa de nacementos da súa historia, 1,04 fillos por nai. Morreron o doble de persoas das que naceron e na última década emigraron de Galicia máis de 100.000 mozos de menos de 25 anos. Os maiores de 65 anos son, agarrádevos, o dobre que os menores de 15. En 30 anos non haberá ninguén.

Dende 2008 Galicia perdeu o 20% do seu tecido industrial. As últimas vítimas, Ferroatlantica, a que xa podemos dar por amortizada (digan o que digan), e Alcoa.

A sanidade. As listas de espera medraron un prometedor 39%... 387.523 persoas agardan por unha operacion ou unha proba cando fai 10 anos non o facían. En todo esto ten que ver, obviamente, a redución de persoal e os contratos precarios, a reducción de orzamentos ou a eliminación de Servicios de Saude Primaria, substituidos por unha sorte de “Hospitalización a domicilio” e atención telefónica que cada vez máis me recorda a Gila “Esta el Doctor?!...Que se ponga!”. E a partir de aquí, segue o chiste.

Pero, o máis grave, o que realmente roza no psicopático é o que din as enquisas. Todas as enquisas. Que Feijoo volverá a gañar. E me pregunto por que, si, pero tamén me resposto; que máis dá.

Feijoo gañará e nos poñerá a todos de novo en perigo.

Gañará mentres seguimos sen pediatra, mentres circulamos por estradas que son carreixos e sen opcións a altura de 2020, o fará porque nos arruinaremos máis aínda e acabaremos na indixencia. Pero, coma sempre, non pasará nada.

O estado actual do país suma o maior número de colectivos cabreados da historia de Galicia. Enfermeiras, veterinarios, mestres, autónomos, colectivos culturais, feministas, pensionistas.. son tantos e o tempo son tan poucos.

Son menos que os empresarios, os “emprendedores” que se creen empresarios, os filo- franquistas e ultra-católicos, as e os nostálxicos de Fraga e do goberno dos máis ricos aos que hai que arrimarse, “non sexas bobo”. Os vellos e vellas que consideran que a TVG di verdades coma puños, os pseudo-liberales que na súa vida souberon de Thomas Paine ou Alexis de Tocqueville. Liberales que o son ata que lle tocan as misas ou lle vixilan que non explote os traballadores e que pague o que debe a Facenda... hai xa nos pasamos o contrato social polo forro.

Esas persoas, veciños e veciñas, van decidir sobre a vida e a morte de todos, pero debo decir que non son os que máis me preocupan. Os que me dan verdadeira pena son os e as que van votar por Marea Galeguista, ou o PACMA ou polo partido dos Autónomos (eu sou autónomo e non tiña nin idea... pero aínda que a tivera, para que?).

Este e outros fan boa a miña suxerencia dun partido da Costa da Morte. A fin de contas, postos a perder o tempo, mellor que pareza que o facemos por un motivo realmente importante, non?.

Porque, de verdade credes que a min me parece minimamente razoable votar ao Psoe ou a Galicia en Común?. Onde fala GenComún da Costa da Morte?.

Onde están as súas propostas para sacar ao territorio do ostracismos histórico e a depresión?. En ningures. Pero, si teño que escoller un salvavidas, pouco me importa a cor, o tamaño ou a forma sempre que flote. Porque se trata de flotar, rapaces e rapazas. Flotar ou afogar. E non é tempo de idealismos, de neuras ou de monsergas. Toné me cae como unha patada no cu e o único Caballero que coñezo no PSOE é o alcalde de Vigo. O BNG non existe, por moito que algúns crean que si, e non vexo moita diferenza entre votarlle a Ana Ponton é facelo a unha pranta de xardín... teñen a mesma vixencia e cando chova esmorecerán dos seus principios e das súas promesas. Pero é o que hai, e votar fora deste trinómio, ou deixar de facelo, e para min unha traición ao nivel da que perpetraron os dirixentes da comunidade autónoma de Madrid cando decidiron que os vellos debían morrer sen atención médica e en soedade. Sen dereito a hospital. Así as gasta o PP, así as gasta Feijoo.

Aos 11 anos padecín Hepatite. Non foi nin por compartir xeringa nin por manter relacións sexuais con grupos de risco. Foi porque a mediados dos oitenta no rural galego estas cousas pasaban. Ao mellor, moitos dos que van votar a Feijoo o próximo 12 de xullo ou os que van abdicar de ir votar por preguiza, ou porque son máis papistas que o papa lles da igual que Jose Manuel quede sen pai ou Marisol sen marido, pero a min si me pareceu mal que Alberto, Fernando ou Silvia morreran porque Feijoo decidiu que unha razón económica era máis importante que unha médica e os deixou sen Sovaldi. Pareceume mal, independentemente de que Silvia fora politoxicómana, Alberto practicara sexo sen protección ou Fernando o pillara “por promiscuo”.

Ninguén merece morrer e nos non merecemos a alguén que goberne estando disposto a deixar morrer aos seus gobernados.

É a vida ou morte. Vos veredes.

 

OUTROS ARTIGOS DE JOSé LUíS LOUZáN

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

INFORMES SOCIOECONóMICOS DE JOSé LUíS LOUZáN

Comentarios