Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo

A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo
Estou abatido e cheo de tristura. No meu querido MONTEVIDEO estase a entregar un moi valioso patrimonio social a unha empresa de servizos médicos que é o lixo máximo posible. Estou a falar de Ribera Salud que pertence ao fondo de investimento (voitre) máis poderoso do mundo. Esta empresa é ben coñecida en Bos Aires xa que intentou peteirar na esquina de Belgrano e Pasco. Refírome ao hospital do Centro Galego que escapou das súas gadoupas xa que disque ofrecía pouca coima (comisión ilegal) aos funcionarios da administración macrista. Outros comentan que non houbo arranxo xa que querían mercar o edificio pero sendo propiedad social víase moi complicada a operación. 

Nas conversacións actuou de intermediario Antonio Burgueño, un vello coñecido da colectividade. O interventor do Centro Galego estivo en Madrid con Burgueño, en reunión secreta, xa que a súa presenza en Bos Aires sería moi mal recibida pola súa fpasada e moi nefasta xestión a fronte do hospital. O tal Burgueño foi cesado por orde directa do presidente Fraga xa que percibía o seu moi alto salario dos fondos orzamentarios que a Xunta de Galicia destinados para dotación da Fundación Galicia Saúde. Hai que suliñar que coñece a Casa de Galicia de Montevideo xa que fixo unha visita nunha viaxe a capital uruguaia.

Despois do seu pésimo desenvolvemento na Arxentina fixo unha carreira de grandes desfeitas en Valencia e Madrid. É recoñecido como “O pai do Modelo Alzira” que se pode calificar de ilegal xa que chega a incluir a chantaxe ás administracións autonómicas ou públicas cando non se acepta o seu ilexítimo pedido de aumento de máis euros dos que se estipularon no prego de condicións. As autoridades sanitarias da Generalitat valenciana teñen abondosa documentación sobre este escuro personaxe e tamén sobre a empresa Ribera Salud que foi condenada en sede xudicial. O propietario de Ribera Salud é o grupo multinacional “Centene Corporation” (con sede central en Saint Louis, Missouri) que a súa vez pertence a “BlackRock” que ten un capital social de máis de 70.000 millóns de dólares. 

O que se debería de preguntar o socio e o empregado da CASA DE GALICIA de Montevideo é o seguinte: A) Cal é o interese desta empresa?; B) Onde está o negocio?; C) Como foi que chegamos a isto?. O primeiro que chama a atención é que unha empresa rebordante de capital veña a Montevideo para poñerlle vendiñas nas feridas dos asociados a unha mutualista que foi fundada a iniciativa de honrados emigrantes gallegos. Non sei eu pero coido que non veñen a axudar senón máis ben a roubar. Se falo de “roubar” é porque o patrimonio social da CASA DE GALICIA non está en venda xa que é dos socios e os socios non acordaron nin de palabra nin por escrito nin en asemblea que desexan desfacerse da herencia emigrante. Entón haberá que pensar que estamos diante dunha trapallada argallada entre os últimos dirixentes electos e o ministerio de Saúde Pública. 

Os carroñeiros de Ribera Salud queren aproveitarse dunhas propiedades (sede central e hospital) que lles ofrece o goberno uruguaio xa que se fixo unha previa operación de expolio da CASA DE GALICIA mediante unha noxenta campaña de descrédito e mentiras. A mutualista nunca estivo afundida. As débedas, aínda que eran moitas, podían ser negociadas xa que os ingresos polas cotas mensuais de 44.000 socios son importantes e significativos en calquera país do mundo. Estou a falar de máis de dous millóns de euros mensuais.

O que máis doe é ter que recoñecer que sen colaboración interna non se chegaría a actual situación de afogamento. Os descendentes da emigración traizoaron aos seus devanceiros e facilitaron a aterraxe dun grupo de voitres que peteirarán ata que só queden os ósos da que foi a máis grande entidade galega no mundo da emigración. O que se fixo en Montevideo é da maior gravidade e non debería de quedar impune. Non creo que os nosos descendentes sexan desagradecidos e por iso fago un chamamento a loitar pola herdanza que recibiron do suor emigrante. 

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios