Xoves. 18.04.2024
El tiempo
Miro Villar
14:00
18/03/21

A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego

LOPEZ ABENTE 5-Autopoética-ArquivoDelRiego
LOPEZ ABENTE 5-Autopoética-ArquivoDelRiego
A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego

No Limiar da compilación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente, escribín o seguinte parágrafo:

No inicio do 1936 dá resposta a un inquérito literario de Filgueira Valverde, que estaba a preparar unha antoloxía consultada da poesía galega, por encarga do SEG, e que nunca chegou a publicarse. En data recente os mecanoscritos orixinais remitidos a Filgueira foron publicados polos profesores Xesús Alonso Montero e Ana Acuña, porén de López Abente só se puido atopar unha breve carta, datada en Muxía o 21 de xaneiro, mais non a autopoética nin a escolma dos seus poemas que enviou para publicar.

 

Esa perda da documentación orixinal, con probabilidade traspalelada entre a morea de papeis do arquivo do polígrafo pontevedrés, fai que o volume Filgueira Valverde, X. (2008). Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada. Edición de Aña Acuña e de Xesús Alonso Montero. Pontevedra: Museo de Pontevedra / Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, non poida fornecernos máis información sobre a primeira autopoética escrita polo poeta muxián.

Porén, moito maior suceso tiveron os manuscritos dunha outra autopoética e dos poemas de Gonzalo López Abente (textos dos que tivemos noticia polo crítico Ramón Nicolás, a quen moito lle agradecemos a achega) enviados para a Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955), de Francisco Fernández del Riego (1913-2010), presidente da RAG entre 1997 e 2001. Este fixera unha doazón da súa colección de documentos e libros á cidade de Vigo, coa que se creou a denominada Biblioteca-Museo co seu nome na Casa Galega da Cultura, un edificio histórico que fora antiga Casa do Concello de Vigo e que tamén alberga no seu interior a monumental Biblioteca Fermín Penzol.
Nese arquivo persoal están os manuscritos de poemas de Gonzalo López Abente, todos xa coñecidos e publicados, como «Remorso», do seu libro Escumas da ribeira (1911?) [reproducido con lixeiras variantes en Coruña Moderna, 125, 11 de agosto de 1907, en Eco de Galicia, Habana, 187, 18 de marzo de 1923] ou como «A furna», do seu libro Alento da raza (1917) [tamén reproducido con lixeiras variantes en A Nosa Terra, 84, 25 de marzo de 1919, e en Nós, Suplemento, xaneiro de 1929].
Porén, se os poemas xa eran abondo coñecidos non o era o texto completo da súa «Autopoética», xa que Francisco Fernández del Riego nese volume que publicou Galaxia en 1955 ademais de corrixir algo a lingua, consonte cos criterios da editorial nesa época, tamén suprime varios parágrafos do manuscrito orixinal de López Abente.
Deseguida transcribimos o texto que publicou Fernández del Riego e a reprodución exacta do manuscrito «A poesía», como unha contribución para conmemorarmos o próximo Día Mundial da Poesía (21 de marzo), mais tamén o 143 aniversario do nacemento do poeta Gonzalo López Abente, nado o 24 de marzo de 1878.

POÉTICA

Coido que a poesía é un don diviño caído nista triste terra para consolo das doores, e alimento das almas: o maná bíblico do pobo elexido de Israel.

Sin iste don, a humanidade arrastaríase polo mundo, perdida nas trebas medoñentas, sin ver a límpida craridade dos ceos azúes. Non luciría na face do home o misterioso escintileo do esprito que o anima.

Así, iste lumiar de miragre brila no praneta dende os seus comezos, e cos primeiros balbós do home xurde a Poesía. A súa lus alumea as escuridades dos tempos primitivos, e crece e aumenta de intensidade deica facérese fogo abrasador que arde nas edades antigas, medra no meioevo, e resprandece cegador nas épocas moderna e contemporánea.

Do esprendor que atinguíu en todo o mundo a poesía, non é posibre falar no curto espacio dista homilde conversa. Dentro de Galicia, a soia época dos Cancioeiros medievás, abondaría pra groria e sona da nosa lírica. E aínda que, despois dista etapa, sofre un prolongado silencio, torna no século dezanove a erguérese forte e robusta cos chamados Precursores. Tras diles chegan os Continuadores e os Modernos, que sosteñen e abrilantan o prestixio da nosa poesía aitual.

- Gonzalo López Abente,
en Francisco Fernández del Riego (ed.): Escolma de Poesía Galega, IV. Os contemporáneos (1955)

 

A Poesía

Coido que a poesía é un don diviño caido n-esta triste terra para consolo das doores e alimento das almas: o maná bíbrico do pobo elexido de Israel.

Sin este don a humanidade arrastrariase polo mundo, perdida nas trebas medoñentas, sin ver a límpida crarirade dos ceus azúes. Non luciría na face do home o misterioso escentileo do espírito que o anima.

Así este lumiar de miragre brila no praneta desde os seus comenzos e c'os primeiros balbós do home xurde a Poesía. ‒ A sua luz alumia as escuridades dos tempos primitivos, e crece e aumenta de intensidade deica facerese fogo abrasador que arde nas edades da antiguedade, e medra no medioevo, e resprandece cegador nas épocas moderna e contemporánea.

Do esprendor que atinguiu en todo o mundo a poesía non é posibre falar no curto espazo de esta humilde conversa, e si ollamos para a nosa patria española deseguida vemos que o seu fulxido e grandeza sóo nos deixa tempo para expresar asombro e ademiración. E, dentro de este recinto de encanto e enlevo, pousemos a nosa atención no noso curruncho natal e gustemos dos fruitos maduros da nosa poesía lírica, nada co-as primeiras parolas da doce lingua vernácula, que aparesce lograda e vizosa, como pranta criada en terra fértil, na época dos Cancioneiros que amostran ao mundo o pasmo dos cantos dos troveiros medioevás. E si no século trece aparesce a nosa poesía rica e compreta, chea de encantos no cume da sua perfección, ben craro está que para chegare a tal outura tíveno que frorecer nos séculos anteriores ‒ como di Carré Aldao ‒ outros poetas que foron erguendo tan magno edificio.

Esta sóa época abondaría para groria e sona da nosa poesía.

E ainda que despois de esta etapa, en que se amostróu tan grande e outa, sofre un prolongado silencio, torna no século dezanove a erguerese forte e robusta c'os chamados Precursores; poetas que volven a cultivar o galego e a ergueren novamente a nosa poesía a outura das mais adiantadas, aparescendo antre eles tres figuras esgrevias que enchen esta época e brilan como astros con luz propia: Rosalía, Pondal e Curros.

Tras d'estes chegan os continuadores e os modernos que sosteñen e abrilantan e sosteñen o prestixio da nosa poesía actual e siguen hoxe laborando con inspiración e fertuna para maor honra e groria do noso parnaso.

- Mugía, ferbeiro de 1.949
(Sinatura).

LOPEZ ABENTE 5-Autopoética-ArquivoDelRiego

LOPEZ ABENTE 6-Autopoética-ArquivoDelRiego

LOPEZ ABENTE 7-Autopoética-ArquivoDelRiego

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

Novas relacionadas

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE

Comentarios