Luns. 07.10.2024
El tiempo
Nando Lestón
10:29
07/08/23

Orxías culinarias

Orxías culinarias

Fai xa muitas lúas, poucos se acordarán, cando nas redes de pesca a ardora de brillo fosforescente semellaba un fenómeno alieníxena, o marisco que por bulto aparecía enrrellado, devolviase ao mar. Poucos ou ninguén o comían e menos os mariñeiros que eran uns "exquisitos".

Pero tales lúas pasaron... onde vai...

Agora, neste lado do mundo, semella que estamos destinados a ser a despensa culinaria do arrebato turístico de toda ralea.

Practicamente a diario, ao longo da praia de Carnota, peixes escuros de neopreno de longas aletas, bucean durante horas extraendo os fruitos do mar. Andan a navalla.

Sería de todo incerto se dixeramos que este lado occidental do mundo é o responsable da fame do resto pero sería certo que a maneira de producir e consumir os nosos alimentos está fóra de toda lóxica e sentido común.

A estas alturas a industria da pesca está ensimismada nunha lóxica perversa de extracción e consumo a base de toneladas que fai que a xarda teña o tamaño da sardiña... (carrefur 31/7/2023).

O mar é grande... ou era grande, agora é pequeno. Pero tamén é blando e ás veces hai accidentes irreparables, por elo serei cauto.

Leo que hai conflictos entre bateeiros e percebeiros. As nosas rochas están arrasadas e o mexillón baixou notablemente o seu tamaño. A presión humana e hosteleira mundial é mui potente. A mexilla non dá para máis.

Vendemos de todo para manter familias e o noso produto interior bruto, derivado do comercio co mar, tamén é mui bruto... brutal.

Nada novo na pesca galega... pan para hoxe, fame para mañán.

O ser humano é un depredador primeiro manual, agora tecnolóxico... non hai cardume ou banco de pesca que se lles escape a tiro de radar das profundidades. Cantas cousas boas ten a tecnoloxía.

Se matas en terra tiras de telescópica, se matas no mar, tiras de radar.

Non hai escape nin oportunidade posible. Hai bandullos que encher.

A industria turistica da Costa firma convenios cos mariñeiros, que vén unha oportunidade estable no oficio, digamos que ten garantida a venda do "produto", eles chámanlle a os fruitos do mar, "produtos". O que eu vexo é que a masacre está servida, pensarán que lles teño teima, non... é que non dan unha. O modelo é o contrario. Pero hai que atraer xente.

Serán en parte responsables da saúde do mar.

Este mar do que falamos ten un propietario. Os mariñeiros.

O resto do mundo semella estar vetado.

A conto de que?

Acaso non é o mar un ben común que leva alimentando á humanidade costeira e non costeira dende que hai un pau que flote?

Ando pola praia para coller catro navallas para cear, están aí... non se lle fai mal ningún, pero nas collo porque son pequeniñas... é o que deixan.

Ando cas mareas da "Coca" na procura dun kilo de ourizos, paso a mañán enteira para escollelos e xa son canicas. Os buzos, algúns deles con aire comprimido, xa non deixan que cheguen as rochas. No Xapón gústalles muito... muito... a min tamén.

Fai un par de anos Ferrer co seu gancho, usmeaba entre as rochas na procura de pulpo, case se extinguiu en Galicia e na Curuña vendían o marroquí por galego... a ese punto chegamos... e as pulpeiras facían dun raxo, vinte. E que raxiños...

Vou á Berberecheira por unha ducia de berbechos para un arrós e se non teño lío cos veciños, teño lío co vixilante ou con Seprona.

Ogallá me leven preso para montar un cristo mediático tan grande que se escuite en Sebastopol.

Por que eu, na miña costa, a porta da miña casa teño prohibido ir ó mar por un pouco de sustento? Por que me sae gratis?

A liberdade de alimentarse do individuo, ben entendida, é un dereito. Coller para comer non para vender. Debería poder ir tranquilo a coller percebes ou mexillóns; berbechos, ourizos, navallas, ameixas... pero daquela iriamos algúns, ou muitos e o "negocio" da Costa xa non sería exclusivo.

Cándo fui que perdemos o dereito de ir camiñando pola beira e coller sustento para que uns o convertiran nun negocio exclusivo da Industria... a conto de que hai que vivir así?

Se un home quer ser armador e ter vinte barcos e ten que pagar... é asunto seu..

Se un mariscador para coller ameixa, ten que pagar... é asunto seu.

Pero o seu beneficio non pode nin debe ser o meu perxuicio.

Se a finalidade do "produto" fora alimentarnos... iriamos sen problema a coller por terra o que hai pero a finalidade é o negocio, a industria e finalmente o turismo... que tamén é industria.

Ao longo de toda Galicia e concretamente na Costa da Morte, as degustacións de "produtos do mar" campan e sirven para todo menos para alimentar. Alimentarse é o de menos, pois basicamente estes expolios e matanzas están destinadas ao turisteo hotelero e de restaurante, ou festas que usan o ben común para beneficio e maior gloria dos Concellos.

Ven o meu, que teño longueirón... non ven o meu que teño percebe... non ven o meu que teño pulpo... nooon... ven o meu que teño de todo e durante quince días degustamos... que non alimentamos.

Eso sen contar San Xoán, cando a sardiña molla o pan... toneladas para guiris que se sinten en plena "sensación de vivir" no rural... el producto gallego... que se morirá de éxito, mentras a miña filla come sushi xaponés con salmón de piscifactoría... que por certo... sendo tan caro este peixe, o sushi sae ben barato.

Así e todo ben é certo que é unha vez ó ano... pero que ano...

O que quero decir despois de todo e que a comida deixou de ser alimento para convertirse en reclamo... coma o que usan para cazar patos. Es que Jalicia es mucha Jalicia.

Ala... a taberna a tapear caramuxas... ah! Que xa non hai... pois a truita ou a angula, ou a ameixa... ou o que sexa.

Pero deberias mirarvos este asunto. Unha orxía.

  • Nando Lestón. Artista, pintor e escultor que vive en Carnota.

MÁIS INFO

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

 

Comentarios