Respecto, rigor e humanidade
Hai acontecementos que nos deixan sen palabras. Non porque non as teñamos, senón porque calquera palabra sobra diante da magnitude da dor. O accidente ferroviario en Córdoba sitúanos nese lugar incómodo no que a vida se rompe de golpe e o único posible é parar, acompañar e respectar.
O primeiro é o imprescindible: o pésame profundo ás familias e persoas achegadas das vítimas, e todo o apoio ás persoas feridas, ás que están atravesando momentos de medo, dor e recuperación. Non hai análise nin opinión que poida estar por riba diso.
Tamén é xusto e necesario poñer en valor o traballo dos servizos de emerxencia: profesionais da sanidade, bombeiros, forzas de seguridade, equipos de intervención, persoal técnico e todas as persoas que, desde o primeiro momento, estiveron onde había que estar. A súa resposta lembra a importancia do público, do coordinado, do que funciona cando é imprescindible que funcione. En situacións límite, a profesionalidade, a coordinación e a entrega salvan vidas e sosteñen á sociedade enteira.
Xunto a eles, a cidadanía: persoas anónimas que axudan e acompañan. Esa humanidade compartida segue sendo un dos valores máis sólidos que temos como sociedade.
Pero detrás de todo o desconsuelo, a incerteza e o dolor de tanta xente hai, como sempre, quen non sabe estar á altura. Hai quen fala demasiado rápido, quen fai da desgracia un morbo, quen opina sen certezas nin coñecemento, quen necesita encher espazos con hipóteses, xuízos ou emocións impostadas, quen en definitiva non fai máis que revictimizar ás persoas que o perderon todo. Ese exceso non axuda. Ao contrario: xera máis confusión, máis dor e máis desprotección para quen xa o perdeu todo.
Nunha sociedade madura, o proceso para comprender o que aconteceu debe ser pausado, rigoroso e respectuoso. A recompilación de datos, a análise técnica, a avaliación das decisións tomadas e a depuración de responsabilidades non son un trámite nin un espectáculo: son unha esixencia social, política e moral e unha forma de coidar ás vítimas e de previr futuros acontecementos parecidos.
O accidente de Adamuz non é só un suceso puntual: é un recordatorio do valor vital das infraestruturas seguras, do imprescindible investimento en mantemento e control rigoroso, da necesidade de coordinación eficaz entre institucións públicas e privadas, e da capacidade dunha sociedade de responder xuntas e xuntos cando o peor acontece. A confianza social tamén se constrúe co rigor informativo, co respecto polas vítimas e co apoio incondicional ás familias e persoas afectadas.
Saber a verdade require tempo. E asumir responsabilidades require método. Pretender respostas inmediatas ou explicacións adaptadas á propia ideoloxía é un risco serio para a convivencia democrática. Cando a dor se utiliza como argumento ou como arma, perdemos todas e todos.
Quizais por iso, no medio de tanto desconsuelo, convén volver ao esencial. A vida é fráxil. Pode romperse nun instante. E fronte a esa evidencia, o único que nos sostén como sociedade é a solidariedade e empatía humana, a capacidade de coidarnos, de respectar o duelo alleo e de poñer a dignidade por riba de calquera interese.
Hai momentos nos que non toca gañar debates nin marcar posicións. Toca estar. Toca acompañar. Toca confiar no rigor, na responsabilidade colectiva e na humanidade compartida.
Porque só desde a verdade, o respecto e o coidado mutuo podemos resistir ao insoportable e reconstruír, pouco a pouco, algo de sentido e de esperanza.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Máis contidos no podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.