Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Xunta reduce o número de enlaces da Autovía

A Xunta reduce o número de enlaces da Autovía
As obras da Autovia avanzan positivamente Así llo confirmou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, aos alcaldes de Cabana de Bergantiños, José Muíño, Coristanco, Amancio Lavandeira, e  Zas, Manuel Muíño, nunha reunión mantida en Baio para abordar cuestións relativas á execución da Autovía da Costa da Morte. Na xuntanza confirmouse que a Autovía terá un enlace menos do previsto no proxecto inicial. Concretamente suprímese o da Piolla, situado no concello de Cabana de Bergantiños e punto dende o que se accede directamente á localidade de Zas. A conselleira destacou que a solución adoptada foi despois de escoitar a todas as partes implicadas e tendo en conta as reclamacións veciñais; polo que di que "estamos ante a mellor solución técnica por funcionalidade (por tempo de recorrido, tráficos, conexión coa estrada convencional), e por seguridade, xa que son as que aportan maior visibilidade e a lonxitude entre enlaces”. Salientou que a Axencia Galega de Infraestruturas realizou un estudo do que se conclúe que a situación do enlace de Coristanco é o adecuado, polo que finalmente se mantén no lugar previsto dende o inicio. Seguindo os mesmos criterios –tráfico, funcionalidade e seguridade viaria, recordou a conselleira- determinouse que a mellor solución era substituír os enlaces plantexados inicialmente, da Piolla e da estrada AC-423, por un novo enlace situado entre estes dous: o enlace de Rempenín. No caso de Zas, tamén se decidiu reformar a intersección da estrada de Zas coa AC-552, executando unha nova rotonda, posto que a perigosidade desa intersección era o principal motivo da demanda do enlace na Piolla, e considerou que se soluciona con esta medida.
Expropiacións
A conselleira de Medio Ambiente tamén avanzou que no mes de agosto quedarán pagadas todas as expropiacións desta autovía. Recordou que o Diario Oficial de Galicia publicaba recentemente a convocatoria para estes pagos para as xornadas do 30 e 31, de xeito que nos vindeiros días quedarán pagados outros 3,5 millóns de euros.
Sinalou que a Xunta instou á empresa concesionaria que avance un paso máis no pagamento das expropiacións, para que, nos casos que están pendentes de resolución no Xurado de Expropiación, se paguen xa os límites de acordo.

Novas da Autovía

Fonte

Comentarios