Martes. 19.02.2019
El tiempo

Sicixia: Oda onírica á Costa da Morte

Sicixia: Oda onírica á Costa da Morte
Alcaldes e demais personalidades na presentación do filme Sicixia Alcaldes e demais personalidades na presentación do filme Sicixia

Non son os nosos os mellores ollos para xulgala. Terán que ser os ollos franceses que disfruten do filme no Festival de Toulousse os que verdadeiramente valoren o interese deste novo filme galego que salta á gran pantalla. Os que puidemos disfrutar da pre-estrea de Sicixia, este pasado sábado nos Cantóns Cines da Coruña, eramos todos parte intrínseca da Costa da Morte, e o que puidemos é sentir unha Costa da Morte do máis auténtica.
Os espectadores do país terán que agardar ata o 25 de novembro para poder velo filme en todas as salas do estado.

Sicixia fica no medio entre unha documental e unha película. As imaxes, e sobre todo, os sons da Costa da Morte, róubanlle o protagonismo a historia de amor que protagonizan Monti Castiñeiras e a fisterrá Marta Lado. O protagonista, Xiao ben podería ser Suso Otero, ou calquera compañeiro, daquel marabilloso, e tristemente finado proxecto Escoitar.org. Aló vai, dende o Gaiás ata a máis profunda Costa da Morte en busca dos sons máis auténticos. Axudarao, e algo máis, Olalla, unha brava fisterrá desas que se enfronta ao ruxe ruxe local. Xunto a eles, outros dos costeiros no elenco principal, Artur Trillo e Dani Trillo.

Monti Castineiras e Marta Lado polo Monte Branco Monti Castiñeiras e Marta Lado, protagonistas de Sicixia, polo Monte Branco

E así, Monti e Olalla percorren a bisbarra, os sons da bisbarra. A lingua é unha das protagonistas, por suposto. Ese “fistirrán” de Roberto Traba e compañía na tabernas da vila do cristo, ou da Semana Santa; ese mariñeiros e percebeiros de Muxía e Camariñas…

E da fala, aos auténticos sons da nosa Costa. O bruar de Mar do Rostro, o bater do mar en Camelle, o zoar de Castromiñan… O filme percorre lugares tan singulares como o Monte Branco e as praias do Trece, a Praza Castelao e o Mercado de Corcubión, a mítica casa abandonada de Vimianzo, os muíños de Paxareiras, o porto de Muxía e o mar de Camariñas, a Punta da Barca e a Ferida, a Rúa Real de Carballo, o Cemiterio de Fisterra de César Portela, o Monte Pindo, ca Casa da Xoana, e as vistas da Praia de Carnota dende A Moa; o Esteiro do Anllóns, cas mariscadoras e o bo de Rabuñal Patiño; o Cabo Vilán, as palilleiras de Camariñas, e Fervenza do Ézaro…

Mención aparte ten a furna da Buserana, pois a lenda, e o propio lugar son parte fundamental na historia.

Os sons…

Laura Fernandez Ignacio Vilar e Antonio Muinos na preentacion de Sicixia Laura Fernandez, Ignacio Vilar e Antonio Muíños na preentacion de Sicixia

Na presentación estiveron Laura Fernández, de Via Láctea Films, xunto ao director do filme Ignacio Vilar (ambos levaron a Esmorga por todo o estado xa), emais Antonio Muíños, o responsable de Portomuíños, a empresa que galega que tanto está facendo por esa “horta do fondo do mar galego”, levando o mundo das algas de Galicia a todo o mundo. As algas son tamén unhas das que guían a historia do filme.

Laura fixo os oportunos agradecementos e lembrou que o filme aínda está pendente do necesario apoio da TVG.

Falou Ignacio do por que deste filme, e lembrou aquela estancia coa súa parella durante un tempo na nosa bisbarra. Daquela tiñan 20 anos e lembra unha treboada que lle caera entre o Cabo vilan a Camelle, o lugar mais virxe de Europa. “Empezamos a camiñar e antes de chegar ao Trece, unha treboada tremenda. Logramos superalo e nos quedou gravado para toda a vida, vives o presente con todos os sentidos. Aí pensei que algún día me gustaría compartilo”.

”Eu vivin hai moitos anos na Costa e o percorrín, e o que me transmitiu a natureza, o mar, o montepindo, os veciños.. Fixeron sentirme completamente parte desta zona. Os sons, entre eles a riqueza do noso idioma, e despois de estar mergullado neste proxecto aínda valoro máis o importante destas variades dialectais sss, shs… tan influenciados polo mar, polo vento... e que fai que en lugares a 10 km de distancia haia xestos diferentes na lingua”.

Vilar espera que este filme sirva para unir un pouco máis a Costa, pois recordaba aqueles tempos onde os localismos aínda estaban moi presentes. Ademais, espera que esta película signifique “un antes e despois en canto o turismo, pois a gran pantalla é un paso moi grande”.

Nós tamén o esperamos. Polo de pronto, o 25 de novembro, todos ao cine!

Máis información

Novas cinematográficas

Outras novas

Fonte

Comentarios