O pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG para apoiar aos traballadores de XEAL
Volveu apelar o BNG de Cee á "responsabilidade das administracións públicas", presentando unha nova moción sobre o conflito aberto nas fábricas de XEAL entre dirección e traballadores. Unha moción que se aprobaba no pleno do pasado venres por unanimidade total dos grupos municipais, nun momento no que ademais, o exemplo do peche de Alcoa senta un mal precedente para o noso futuro.
"A empresa non mira para atrás e segue coa clara intención de segregar as actividades de ferroaliaxes e enerxía, co único propósito de pechar as fábricas de Cee e Dumbría", entenden dende o BNG, que piden "actuar con contudencia" unha vez que a empresa, recibe unha cantidade enorme de subvencións e segue "sen cumplir o título concesional", ao manter pechadas varios fornos, varias unidades produtivas, que producen unha perda de postos de traballo.
O grupo nacionalista reitera que o ERTE non está xustificado e lamenta que a dirección se negue "rotundamente a limitar a vixencia do Erte á duración do estado de alarma e anunciou a súa aplicación até o tres de xullo". Lembra ademais que "seguimos sen ter noticias positivas en canto a plan de viabilidade ou a " retirada dos recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a segregación de actividades".
"É importante lembrar que Xeal non é a propietaria dos ríos, simplemente ten unha concesión para explotar un recurso natural. E esa concesión concédelle uns dereitos, pero tamén unhas obrigas. Unha delas refírese ao mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo", valora o BNG, que pide ao Concello "denunciar que a Xunta de Galiza segue obviando as súas competencias, segue a despreocuparse polo emprego e o futuro industrial das fábricas, que é tamen o da comarca, a pesares das reiteradas peticións, comunicacións e advertencia de incumprimentos".
O comité de empresa de XEAL agradece o apoio do Concello de Cee ás demandas do persoal
Dende o Comité agradecen o compromiso municipal e lembran que a moción quere que se inste ao Goberno español a aprobar de inmediato un estatuto para a industria electrointensiva; ademais de á Xunta de Galiza a que, exercendo as súas competencias, esixa dos novos xestores un plan de viabilidade que garanta a continuidade da produción de ferroaliaxes, tal e como establecen as cláusulas da concesión dos saltos de auga.
Unha vez máis, o comité chama á unidade de acción do conxunto dos alcaldes e alcaldesas da comarca na loita para conseguir o rearranque de todas as unidades produtivas, o mantemento dos empregos e que se executen os investimentos comprometidos.
NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA
- 15-05-2020: O Comité demanda o ERTE de XEAL por consideralo “fraudulento”.
- 22-04-2020: O comité rexeita o ERTE de XEAL por consideralo "fraudulento”.
- 13-04-20: O Comité de XEAL pide aos alcaldes compromiso ante o ERTE.
- O Comité de XEAL denuncia que a dirección mantén traballando persoal de grupos de risco.
- 10-03-2020: XEAL explicou, cos traballadores na rúa, o seu plan de futuro aos rexedores da comarca.
- 05-03-2020: O comité de Ferroatlántica pídelle implicación real aos alcaldes e alcaldesas da comarca.
- 02-03-2020: O persoal de Ferroatlantica mantén o calendario de mobilizacións contra o desmantelamento das fábricas.
- 20-02-2020: O Comité de Ferroatlántica considera un acto progapandístico o cambio de nome.
- Febreiro 2020: Ferroatlántica ata cambia de nome.
- Febreiro 2020: Os traballadores de Ferroatlántica volveron concentrarse ás portas da fábrica de Brens.
- Febreiro 2020: As fábricas de Ferroatlántica están ao 30% da súa capacidade de fabricación.
- 02-02-2020: Unha nova concentración baixo a auga con triple obxectivo.
- Xaneiro 2020: 17 novos despedimentos caldean o amibiente para a nova concentración dos traballadores de Ferroatlántica.
- Xaneiro 2020: Os Traballadores de Ferroatlántica volven á rúa este venres.
- Xaneiro 2020: Traballadores de Ferroatlántica viaxaron a Madrid á manifestación polo estatuto da Industria Electrointensivs.
- Decembro 2019: Ferroatlántica avisa de que o resultado da poxa enerxética pode provocar unha baixada da produción.
- Decembro 19: Ferroatlántica reclama unha tarifa eléctrica competitiva para as industrias electrointensivas.
- Poucas variacións no Comité tralas eleccións sindicais de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-CCHH.