As obras da Autovía non comezarán ata finais de ano

Aproveitou Feijoo, na súa visita a Camariñas, para ratificar que as obras da Autovía, só do treito norte, se retomarán "de forma inmediata". Xa pasaron máis de dúas semanas dende aquela, e polo de pronto non se notou a chegada de maquina algunha.

Hoxe, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, envía un comunicado asegurando que “A Xunta mantén a súa previsión de retomar en breve as obras da Autovía Costa da Morte”. Ese é o titular, pero a realidade é que indicou que as obras se retomarán “a finais deste ano 2014, xa que as negociacións para pechar o financiamento definitivo están avanzando”.

E manteñen que a infraestrutura (só o treito norte, reiteramos) se porá en servizo nesta lexislatura, é dicir, aló por outubro de 2016.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas recorda que Medio Ambiente “priorizou” (o que así se entende por “escolleu desbotando o treito sur”) o tramo entre Carballo e Baio, cunha lonxitude de 27 quilómetros e que supón un 60% do percorrido.
Argumentou “durante este tempo se atenderon cuestións que xurdiron en relación con esta actuación, xa que unha brigada de traballadores realiza percorridos pola obra revisando a totalidade da actuacións e reparando as deficiencias detectadas”.

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).