Luns. 06.05.2024
El tiempo

As historias que hai detrás d@s 5 protagonistas costeir@s de N.E.V.E.R.M.O.R.E.

  • Sven: “Sorprendeume a reacción do público, ver tanta emoción 20 anos despois. Iso demostra que hai aínda feridas abertas e a obra axuda a sacar as feridas para intentar curalas”.
  • Viki Rivadulla: “Esta obra significou para min sandar unha ferida que estaba aberta e non sabía como pechar.
  • David Trillo: “Justoume escolheran a minha entrevista pola óptica náutica e profesional que exponho, para de dar solusións ante un accidente marítimo”.
  • Emilio Roca: “Aporta memoria da mostra da dignidade dun pobo nun momento tan duro como aquel”.
  • Mariso Soneira: “Esta obra cumple coa función de elevar a expresión artística un drama real que supera cualquera creación do autor mais imaxinativo”.
Protagonistas de Nevermore de Chevere
As historias que hai detrás d@s 5 protagonistas costeir@s de N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Despois de rescatar o xérmolo da N.E.V.E.R.M.O.R.E., hoxe queremos poñer cara e recuperar as historias dos 5 protagonistas da Costa da Morte nos que se basea a obra de Chévere Teatro que rescata, no marco do 20 aniversario, a nefasta xestión da catástrofe del Prestige.

Como explicábamos, a compañía galega baseou a obra no relato de 6 persoas que Unha Gran Burla Negra rescatou para manter viva a memoria da desfeita. Ademais do arousán Nito Dios, os protagonistas “reais” da obra son personaxes ben coñecidos na Costa da Morte.

  • David Trillo, capitán marítimo de Brens polos 7 mares.
  • Viki Rivadulla, artista de Muxía.
  • Marisol Soneira, política xubilada de Camariñas.
  • Emilio Roca, profesor xubilado do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto.
  • Sven Shwebsch, voluntario da Marea Blanca, afincado en Carnota.

Tamén estaba Milucho Louro entre os primeiros candidatos, pero a compañía decidiuse finalmente por contar a obra a través das palabras destas 6 persoas, que viviron tan de preto aqueles meses de finais do 2002 e comezos do 2003, mentres que Miguel de Lira estaba pechado no Concello de Laxe cunha marea cultural galega, en protesta pola xestión por parte dos nosos políticos.

Queremos coñecer un pouco máis que significou para estes 5 costeir@s ser fonte primaria e protagonistas dunha obra que xa pasa a historia da escea galega. E para iso fixémoslle 3 preguntas:

  • 1. Viches Nevermore? Que che pareceu?
  • 2. Que significa para ti ser fonte primaria dunha obra de teatro documental?
  • 3. Que cres que aporta está obra tan singular?

Viki Rivadulla

Viki Rivadulla 2022-2022
Viki Rivadulla en 2002 e 2022

1.- Vin Nevermore dúas veces. En castelán, en Madrid e logo aquí, en Vimianzo, en galego. Paréceme unha obra mestra, emocionante e marabillosa. Para min era necesario sacar este lastre e contar as cousas tal como foron.

2.- Significou sobre todo sandar unha ferida que estaba aberta e non sabía como pechar. Porque non quería falar delo, por moitos motivos, e eles falaron por min sen eu sabelo. Non sabía que estaba na obra.

3.- Aporta unha reflexión necesaria e aporta verdade. E faino cos elementos cos que funcionou Nunca Máis: creatividade, arte, humor e rebeldía, inconformismo. Poñer á vista os feitos tal como se desenvolveron fai que queden en pelotas dunha tacada todos os que estaban ao mando.
Aporta tamén o sentido do humor necesario para analizar sen desfalecer, sen caer na desolación absoluta. Aporta a verdade de que quen está facendo a obra sabe de que fala porque estiveron en primeira liña. E aporta unha épica das persoas de a pé, da xente que sen decatarse é quen de cambiar as cousas.

Viki rivadulla 25N 2022 para recibir a Arias Canete copia
Viki Rivadulla o 25N de 2002 coa pancarta para recibir a Arias Canete en Muxía

SVEN SHWEBSCH

Sven Shwebsch voluntario Prestige 2002-2022
Sven Shwebsch en 2002 e en 2022

1.- Si, pareceume moi ben, interesante, emocionalmente forte, porque situacións como as do helicópteero eran moi reais, e permiten revivir moi ben o vivido.
Tamén o tema das caixas. Todos temos esas caixas negras, cos tesouros, recordos, que gardamos daqueles tempos.

Sorprendeume a reacción do público, depsois de 20 anos tanta emoción, berrando tando o Nunca Máis. Esa existencia de tanta rabia e tanta emoción deixa ver que este problema do Prestige, como moitos outros, dende a ditadura ou na política actual, son cousas que están aí e que saen. Eu decátome que na sociedade hai moito problema que non está resolto. Hai que traballar estes traumas e esas feridas. Se cadra non hai que tapalos tanto.
Se non se resolven, crece o monte que un día te mata. Non se mellora a situación, só se complica, como vemos a loita actual entre esquerda e dereita.

2.- Isto sae dunhas entrevistas de hai moito tempo, e a verdade é que teño dado moitas entrevistas. E que unha entrevista se convirta nalgo así, é unha sorpresa, agradable, claro. Teño unha sensación agradable, creo que esa é a palabra que define o que sinto. Sorpréndeme que teña efectos na xente. Tal vez polo paso do tempo as miñas palabras collen máis importancia.
Alégrome que isto saia así, de algo que eu dixen nalgún momento e que quiten algo importante!

Todo o mundo conecta o Prestige con cousas desagradables, pero para os que fumos voluntarios se suma unha parte positiva, e cando aparece deixa unha reacción emocional. Eu teño unha serie de fotos que lle chamo as “sorrisos do chapapote” porque os voluntarios sempre estaban sorrindo.
Cando aparecen estas imaxes, estas luces de enerxía positiva, e a xente o ven, sorpréndelles e lles aporta esa enerxía positiva. E sen esa montaxe, iso tampouco sairía. Iso é o gran tranallo de Chévere, que transmite tanta emoción.

3.- Saen os recordos, axuda a sacar as feridas para intentar curalas.

DAVID TRILLO

David Trillo Gallego 2002-2022
David Trillo Gallego en 2002 e con Miguel de Lira en 2022

1.- Fai anos sobre o 2018 ou 19, chamáranme pra faserme unhas prejuntas sobre ó PRESTIGE , que dis que estaban recopilando informasión e puntos de vista de diferentes persoas, etc... Fará 1 ano, cando empesaron actuar os Jrandiosos de Chévere coa obra de NEVERMORE, eu non sabía nada... e chamoume xente comentándome que me interpretaban nunha obra do Prestige… levei unha sorpresa…!
Ao pouco, xa se foron pondo en contacto conmijo os da equipa de Chévere, e convidaáonme a unha das actuasións, e aló fun a Pontevedra.
Soprendíume jratamente, unha jran obra de arte en tódolos aspetos.

Eu diría que son 3 obras nunha soa. : A 1ª parte, das personaxes entrevistadas;
A 2ª, unha reflexión sosial dende ó Prestige ata chejada, e paso da Pandemia Covid.
E e a 3ª, pra min a milhor e máis impactante, de premio, a interpretasión en vivo! Dende ó Mayday do Prestige no Cabo Fisterra, a toda evacuasión dos tripulantes, sons do helicóptero, as conversas reais en inglés entre, helicóptero, tripulasión, remolcador, Torre de Salvamento... e incluso as chamadas ofisiais e jravadas entre os Politicos de Turno e os Técnicos de Salvamento desidindo ó que faser co Petroleiro…

2.- Home, pois persoalmente, poder ser interpretado polo Jran artistaso Mijel de Lira, é todo unha Honra! Máis de que escolheran a minha entrevista pra interpretar, justoume que o fixeran máis que nada, pola óptica Náutica, e Profesional que exponho, e de dar solusións ante un simple accidente marítimo, onde a toma de desisións nada profesionáis e da falta do máis sentido común, acabaron creando unha das catástrofes ecolóxicas marinhas, máis jrandes da historia.
De pouco vale ter ou non ter medios, faser ou non faser simulacros, se a hora da verdade e xestionar un asidente marítimo, sejimos con xente no máis alto do Poder Político con CV sen ningunha experiensia na Materia, ou onde calquer Alcalde de calquera sidade ou vila, quer desidir e mandar máis que o interés xeral do País. Novamente ó "minifundismo crónico" que padesemos, onde calquer alcalde presume saber máis que os profesionáis da materia ou do sentido común.

Nos anos 1.961 co petroleiro Andros Fortune, pior que ó Prestige, un remolcador alemán, ó Atlántic remolcouno ata Fisterra, ancorouse na Praia da Langosteira, e alí salvouse ó navío e a carja.
Ano 1.974, petroleiro Ildefonso Fierro da Campsa, cun burato máis jrande que o do Prestige, ancorou en Fisterra, repaurouse ó máis jrave, e fui descarjado dispois na Crunha.
O Prestige, o dia 14 de Novembro as 12.00 h estaba enjanchado a dous remolcadores, adrisado polo Capitán Mangouras, máquina operativa, e Temporal calmado... Nese esenario había que traelo ancorar á Fisterra. Como se fora a pique ou perdera naljún tanque máis petróleo... que non era ó caso, pero lixábase un tramo pequeno de Costa, e non toda Costa e varias veses, durante semenas dende Portujal ata Fransia.

Somos muito de criticar e protestar por todo, menos de dar solusións reais aos problemas.
Nestes asidentes marítimos, en Países coma Holanda ou Reino Unido, ó único capasitado pra tomar as desisións de que faser cun navío en perijo, é un Profesional, con anos de experiensia na materia, e non ó Político de Turno ainda en contra do asesoramento de profesonáis que ten por debaixo de él, ou de ela.

3.- A obra é muito interesante aportando perfís, e opticas en diferentes eidos sosiais, e sobre todo, na última parte, unha verdadeira obra de arte, reportaxe de película de todo ó episodio do salvamento e rescate da tripulasión do Prestige, onde o espetador pode sentir ata como se estivera a bordo do helicóptero toda tensión das manobras do rescate da tripulasión, e tamén o nerviosismo en tódalas partes da xestión tanto nos medios aéreos, marítimos, como en Terra, Torre de Salvamento e Políticos de Turno en Madrid.
Unha obra totalmente interesante, emosionante, divertida, e mui bem fen feita. De premio! Só hai que ver que levan xa máis de 1 ano actuando por toda Jalisia e España enteira, e sempre cheos coas entradas ajotadas.

EMILIO ROCA

emilio roca  en 2012
Emilio Roca en 2012

1.- Vin si, en Vimianzo, aínda que non puiden quedar ao diálogo por unha emerxencia duna amiga. Pareceume unha obra boísima, moi ben estructurada e moi novidosa, con creacións moi orixinais, moi ben construídas e con solucións, tanto no visual como especialmente no auditivo, realmente moi ben conseguidas, con acerto pleno no resultado final. Moito talento xunto nunha única obra. E por descontado a actuación sobresainte dos diferentes actores. Unha forma realmente maxistral de traer á memoria os acontecementos, uns máis coñecidos e mais “aireados” polos medios e outros máis “ocultos” no seu momento, que marcaron moi fondamente á sociedade galega.
Unha obra moi conseguida e, sobre todo, moi necesaria.

2.- Ser “fonte primaria”, como dis, foi, o primeiro de todo unha sorpresa. Non tiña nin idea ata que na presentación en Corcubión, case ao remate da charla, se desvelou quenes eramos os representados. Nunca se me ocurrirá pensar que o que argallamos naquel momento, organizando a cadea humana, poidera ser algo a representar e menos nunha obra coa forza que ten esta. Eu creo que “os profes” estamos, en moitos máis casos do que a xente pensa, acostumados a facer cousas que non teñen a repercusión, ou o eco, que se merecen na sociedade. O caso da cadea humana é paradigmático do que digo e supoño que eles souperon velo e tiveron o acerto de incluilo na obra.

Por outra banda non teño moi claro o motivo de que escolleran as miñas declaracións e non otras calesquera, porque realmente aquello foi un labor cooperativo a moi alto nivel, con profesorado de moitos institutos involucrado en moitos lugares. Imaxino que algo viron que permite darlle ese toque de humor que alivia una obra con tanta carga de profundidade e por eso o incluiron. Non é que me recoñeza específicamente no carácter do personaxe, aínda que me din que estou “clavado” na fala, pero si entendo a función que realiza na obra e a verdade é que me rin ben durante a representación. A miña felicitación específica para Borja nesta actuación.

3.- O que creo que aporta esta obra é, fundamentalmente, memoria. Memoria do que pasou, memoria do que non pasou e memoria das responsabilidades que nunca se asumiron e tamén das que se asumiron mal. Hai memoria de incompetencia nun grao difícilmente alcanzable en persoas con nomes e apelidos coñecidos e tamén memoria de moita, moitísima xente anónima, que demostrou valor, coraxe, esforzo, responsabilidade, empatía, sabiduría, amor… e que en poucas ocasión foron recoñecidos na medida que merecían.
E sobrevoando todo isto hai memoria da mostra da dignidade dun pobo nun momento tan duro como aquel.

MARISOL SONEIRA

Marisol Soneira 2002-2022
Marisol Soneira en 2002 e en 2022

1.- Aínda non vin a obra, a pesar de que Chévere tenme convidado a asistir a unha representación, pero aínda non atopei o momento. Teño referencias por medio de amigos e familiares e todos os comentarios son moi positivos.

2.- Para min é unha honra, e unha sorpresa, que me teñan elixido a min como fonte entre toda unha morea de testemuñas de aqueles terribles días.

3.- Coido que esta obra cumple coa función de elevar a expresión artística un drama real que supera cualquera creación do autor mais imaxinativo. Transformar e condensar meses de drama nunha obra que trascenda o tempo e o espacio do acontecido paréceme milagroso. Quizá as xeracións futuras coñecerán mais da traxedia do Prestige por esta obra que po lo que poidan estudar nas hemerotecas da época.

 

NOVAS DO PROXECTO

MÁIS NOVAS DO PRESTIGE

ARTIGOS RELACIONADOS

Comentarios