Martes. 16.04.2024
El tiempo

O imprescindible traballo previo para que todos poidamos asaltar Vimianzo

portada
O Asalto ao Castelo celébrase o primero sábado de xullo en Vimianzo. Antía Sacedón.
O imprescindible traballo previo para que todos poidamos asaltar Vimianzo

O Asalto ao Castelo é unha singular festa que se celebra o primeiro sábado de xullo en Vimianzo dende hai máis de dúas décadas. Naceu dunha organización de amigos e actualmente consegue involucrar a toda unha vila e comarca. Descubriremos como se organiza unha Festa de Interese Turístico de Galicia e adentrarémonos nos segredos da organización do Asalto ao Castelo de Vimianzo.

castelo con luz
Imaxe representativa dos fogos de artificio ao rematar o propio Asalto ao Castelo. Antía Sacedón.

ORIXES

Para sorpresa de todos aqueles que non coñezan a historia, pode resultar incrible que o Asalto nacese de maneira espontánea, pero así foi. Remontámonos ata 1996. Estábase organizando a primeira noite folk (festival musical), a cal se ía celebrar no interior do Castelo de Vimianzo. Con todo previsto, os membros da actual Asociación Axvalso (Asociación Xuvenil do Val de Soneira) recibiron unha denegación de permiso para celebrar a festa en dito lugar. Axiña se buscou outra ubicación e a celebración moveuse para un monumento tamén importante da vila, o Pazo de Trasariz.

Dende alí, no medio da noite e comandados por Vicente Mohedano, decidiron asaltar o castelo como irmandiños. Foi algo totalmente imprevisto o feito que deu lugar á festa. Naceu realmente como un festival de música e co paso dos anos converteuse  nunha festa irmandiña cuxo momento representativo é o propio Asalto ao Castelo, inspirado na Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se levantou contra o poder abusivo dos señores feudais.

roupa asalto
A Asociación Cherinkas é a actual organizadora do festival, en colaboración coa Asociación Axvalso e o Concello de Vimianzo. Antía Sacedón.

A festa en si naceu coa Asociación Axvalso (Asociación Xuvenil do Val de Soneira). Co paso dos anos, como toda asociación xuvenil, había necesidade de remuda. No ano 2010 tivo lugar coa Asociación Cherinkas, actual organizadora do festival en colaboración coa Asociación Axvalso e o Concello de Vimianzo. O ano pasado, coincidindo coa edición XXV, recibían a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia tralo informe favorable do Consello da Xunta de Galicia.

Cartel do XXVI Asalto ao Castelo de Vimianzo. 

EVOLUCIÓN

Como todo o que nace dende cero, o festival viviu durante estes anos unha forte e notoria evolución, pois nos inicios consistía nunha festa maioritariamente local. É realmente importante destacar que o feito que marcou a súa traxectoria foi a forte participación do pobo de Vimianzo. A pesar de que agora todo resulte bonito, os inicios non foron fáciles. O estilo de música do festival traía consigo unha connotación algo negativa e os problemas políticos pola incapacidade de entendemento no tema municipal constituían un feito importante. Iso conseguiu cambiar grazas a toda a participación social e especialmente dende a organización da festa medieval e dos pinchos irmandiños, feitos que propiciaron a expansión da propia festa a toda a vila e locais de Vimianzo.

rial
Rial é un dos membros da organización e encárgase da comunicación do festival. Antía Sacedón.

Manuel Rial é un dos organizadores da XXVI edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo. Para el, a evolución do festival foi paulatinamente e sempre mantendo os pés na Terra. A diferenza doutros festivais recoñecidos, o Asalto é unha festa feita polos veciños e veciñas de Vimianzo, pois non hai ningunha empresa detrás que a organice, senón unha asociación sen ánimo de lucro. “A maioría destes festivais son un negocio pero no noso caso é unha festa social. Sigue sendo así e intentamos que iso non cambie”, explica Rial.

“A maioría destes festivais son un negocio pero no noso caso é unha festa social. Sigue sendo así e intentamos que iso non cambie”- Manuel Rial

No relativo a como se organizan, divídense por persoas e en áreas de traballo. Michel Antelo, membro tamén da organización, defíneo da seguinte forma: “Dividimos por areas de responsabilidade e cada un toma as súas decisións. Se son xerais pois de maneira coordinada coas persoas que levan iso pero senón non fai falla ter unha opinión consensuada”, puntualiza. Tanto Rial coma Michel coinciden en que o punto máis importante de todo iso é o respecto que se teñen entre eles. “Respectámonos nós e respectamos os criterios de cada persoa”, puntualiza Rial.

“Respectámonos nós e respectamos os criterios de cada persoa”- Manuel Rial

O Asalto en si vense traballando durante todo o ano, cun empuxe moi importante que se fai a principios de ano. Os organizadores teñen unha reunión arredor dos seis meses antes da celebración para ver os apoios sólidos e fortes que teñen de cara a organizar a festa. Por exemplo, o tema musical cambiou hai moitos anos e teñen que empezar a chamar aos grupos con tempo pola dispoñibilidade de datas. “A partir de aí hai diferentes reunións, templos, prazos... Para que todas as patas acaben encaixando o día da festa”, explica Rial. Por se fora pouco, unha vez rematado o Asalto, e con moito traballo de papeis aínda por facer, á Asociación dálle tempo a organizar a Muiñada de Vimianzo, festival tamén organizado por eles.

Publicación de Instagram da Muiñada de Vimianzo.

ACTIVIDADES QUE CONFORMAN A FESTA

A pesar de dar nome á propia festa, o Asalto non só se basea no seu nome. Durante unha semana Vimianzo convértese no centro da comida irmandiña na comarca a través do concurso de pinchos. Participan un número considerable de locais e cada un deles prepara un pincho á súa medida. “A repercusión na hostalaría é brutal. Para eles é moi importante porque é un momento no que te podes abrir a outras persoas que ao mellor non van nunca ao teu local pero comezan a ir a raíz diso”, comenta Rial. A maiores diso, o sábado anterior á propia celebración ten lugar a Legua Irmandiña, unha carreira popular caracterizada pola posibilidade de ir vestido con roupas da época.

pincho
Pincho irmandiño ofrecido polo bar Vía Rápida na última edición. Antía Sacedón.

O Asalto é unha festa esencialmente teatral, por moito que a música sexa o que máis demanda a xente. Michel define a importancia das representacións teatrais como a vértebra principal do Asalto. “Temos a historia teatralizada do Castelo, o Asaltiño, o teatro na rúa...Hai moito máis teatro ca o que se ve no medio do festival”, recalca.

“Temos a historia teatralizada do Castelo, o Asaltiño, o teatro na rúa.. Hai moito máis teatro ca o que se ve no medio do festival” – Michel Antelo

Unha parte fundamental da representación son todos os veciños e veciñas que participan nela. Guillermo del Moral Queiro, nado en Vimianzo no ano 2003, leva participando en diferentes actividades relacionadas co teatro e o Asalto dende 2015. Primeiro comezou xunto con outros compañeiros de instituto a actuar nunhas obras coordinadas pola súa mestra Chus Barbeira. Ademais diso adoitaba ir polos bares durante a semana de pinchos co seu compañeiro Roque recitando un romance composto pola súa profesora de galego. “Foi no ano 2017, cando da man do gran Michel, tiven a oportunidade de participar na gran representación do sábado á noite”, recorda Guille. Para el foi algo moi emocionante posto que lle supuxo vivir a noite do Asalto en primeira persoa e dende dentro.

guille
Guille leva participando en diferentes actividades relacionadas co Asalto e o teatro dende 2015. Antía Sacedón.

Guille é o claro exemplo dun mozo de Vimianzo que leva o Asalto no corazón. Para el o Asalto non é algo material, senón que representa a enerxía oculta de Vimianzo, a súa sede de rebeldía e a súa aposta pola vida en común. “Con todo, se se me pide que escolla un momento, creo que non hai nada comparable á sensación que me percorre o corpo cando entra o ariete e remata a representación teatral. Comezan a saír fogos de artificio dende as inmediacións do Castelo, decorando a noite máxica que sobrevoa a nosa vila”, finaliza Guille.

Con todo, se se me pide que escolla un momento, creo que non hai nada comparable a sensación que me percorre o corpo cando entra o ariete e remata a representación teatral”- Guille del Moral Queiro

A cea irmandiña vén acompañada de numerosas actuacións e un enlace irmandiño, protagonizado por calquera parella que queira vivir unha experiencia irrepetible. Dende malabares ata música ou regueifeiros, son algúns dos pasatempos que a organización incorpora para facer máis amena a espera. “O lugar é máxico. Poder estar directamente ceando aos pés do Castelo un menú irmandiño é incrible. É realmente complexo organizar unha cea para 500 persoas. Atopar o produto, quen o faga, facer o menú... É un traballo de valorar”, recalca Rial.

menú
Menú irmandiño na pasada edición do Asalto ao Castelo. Antía Sacedón.

A VISIÓN DE FUTURO NO ASALTO AO CASTELO

A pesar do seu crecemento ano a ano, dende a organización teñen claro o que non queren. “Nós non queremos realmente seguir medrando moitísimo, porque creo que estamos nunha boa cifra e non xestionar adecuadamente unha cantidade superior sería algo que tocaría de morte á festa”, sentenza Rial. As estimacións andan arredor das 5.000 persoas no pobo durante o Asalto e sinalan o ano de Heredeiros da Crus como o récord en canto a público. En esencia consideran que manteñen a súa liña pero son conscientes de que a demanda da xente moza non é igual ca dunha xeración superior. “Se o Asalto se mantén nunha liña exclusivamente folk pois esa xente non sentiría o apego. Estou falando das maiorías e de datos coñecidos pola xente. A maioría de festivais intentan non perder a esencia pero tes que abrirte a outras propostas mirando a longo prazo”, puntualiza Michel.

“Non xestionar adecuadamente unha cantidade superior sería algo que tocaría de morte á festa” – Manuel Rial

Un punto importante a reflexionar é o de dar paso ás novas xeracións de axudantes. “Das próximas edicións eu persoalmente espero que veña xente con moitas ganas de organizar e de ofrecer as súas ideas aos demais e que teñan un respaldo social; e eu por exemplo diluírme na paisaxe e ser un usuario máis da festa”, recoñece Michel Antelo. Na organización de calquera festa hai un desgaste social importante, pois levas a cabo unha serie de dinámicas do mellor xeito posible e non sempre estás acertado. “Fomos incorporando suxestións de mellora ano tras ano. Nós convidamos a todas as persoas que dan ideas novas a que veñan e as leven a cabo”, comenta Rial entre risas.

“A maioría de festivais intentan non perder a esencia pero tes que abrirte a outras propostas mirando a longo prazo” – Michel Antelo

asalto vasos
Os concertos representan unha parte esencial do Asalto ao Castelo. Antía Sacedón.

Como parte da organización, resúltalles complexo elixir un momento entre todo o que o Asalto representa para eles. Rial, polo seu lado, ao encargarse da comunicación vive unha perspectiva aínda máis longa do proceso se cabe. “Unha vez soñei que chegaba o Asalto e non había ninguén. Ata nos meus soños me invade o asalto”, xustifica. Ver á xente desfrutar é o que máis lle motiva a seguir.

O esforzo por manter iniciativas culturais como o Asalto ao Castelo é digno de recoñecemento e admiración. Detrás diso hai longos meses de traballo e cooperación social para conseguir que cada ano Vimianzo se converta no centro irmandiño da Costa da Morte e desprenda cultura por todas as rúas e espazos da vila.

Lume e longa vida ao Asalto ao Castelo!!

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios