Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Martin Varela xa está entre os 60 mellores tenistas do mundo

Martin Varela xa está entre os 60 mellores tenistas do mundo

Segue imparable camiño de Londres 2012 o noso cormelán máis mediático. I é que ademais de conseguir unha nova vitoria nun torneo internacional, Martín Varela vén de conseguir novos patrocinadores, que vén sendo case tan importante como os puntos conseguidos.
Desta volta aos xa patrocinadores colectivo "Con V de Valarés", Apligasa, Deceuninck, xúntanse para levar a Martín ata as paraolimpiadas a empresa de Malpica de Bergantiños "Obras Ramón Cotelo" como colaboradora, e mais Tecnifibre.

E non defrauda Martín, que disputou dous torneos nas últimas semanas en Francia: o Open Internacional do Mediterráneo na Garde, e o Torneo Internacional de Montfermeil, París. O cormelán vencía no segundo e xa está no posto 60º do ranking mundial.

Mala sorte no sorteo na Garde

No primeiro torneo na Garde, o cormelán tivo moi mala sorte no sorteo, xa que dos catro cabezas de serie posible, o sorteo emparellouno co cabeza nº 1 do torneo, o francés Frederic Cazeaudumec (nº 21 do ranking mundial). O cormelán entrou decidido na pista, sabedor de que non tiña nada que perder e consciente de que tería que arriscar moito no seu xogo para superar ao francés. Martín perdeu o primeiro set por un claro 6/2 pero no segundo soubo reporse e conseguiu facerse co set por 5/7, polo que o partido tivo que decidirse ao terceiro set. O francés xogou a un gran nivel e o cormelán se vió superado no terceiro set por 6/1.
A pesar da derrota, Varela mostrouse contento co seu xogo pois forzou o terceiro set ante todo un 21 do mundo.

Vitoria en París

A semana seguinte o cormelán volveu a terras francesas, neste caso a París, ao Torneo Internacional de Montfermeil. Nesta ocasión o sorteo encadrou ao cormelán pola parte superior do cadro, polo que de alcanzar as semifinais tería que volver xogar co cabeza de serie nº1. Varela comezou o torneo ante Pierre Fusade, un veterano xogador francés que a pesar de non estar competindo de forma regular no circuíto internacional é posuidor dunha gran técnica. Martín non quixo confiarse e comezou moi forte polo que non deu opcións a Fusade en todo o partido, desta forma o cormelán vencía en dous sets 6/2 e 6/3.
Martín superou tamén ao holandés Rody De Bie (nº 120 do mundo), e mais ao cabeza de serie nº 1, o local Sébastien Husser (nº 43 do mundo).

Contra todo prognóstico Martín chegaba á final ao apear en semifinais ao gran favorito do torneo. O seu rival sería o segundo cabeza de serie, o tamén francés Thomas Vinatier (nº 49 do mundo). No primeiro set o francés comezaba colocándose 5/2 no primeiro set pero Varela foi quen de remontar ata gañar o set por 7/5. Martín comezou o segundo set coa moral moi alta tras remontar o primeiro set, e así se puxo 3/0 no segundo set para acabar vencendo tamén no segundo set por 6/2.

Vindeiras citas

A próxima semana, do 3 ao 5 de novembro, disputará en Valencia o Máster Nacional de tenis en cadeira de rodas, nunha proba á que acudirán os mellores tenistas nacionais en cadeira.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Esteban Varela.

Comentarios