Xoves. 03.10.2024
El tiempo

Os Pasales, a barreira natural do paso sobre o Río Xallas

Banco de Martín Sarmiento no Enxilde
Banco de Martín Sarmiento no Enxilde
Os Pasales, a barreira natural do paso sobre o Río Xallas

O Río Xallas era unha barreira natural das comunicacións entre o oriente, como Santiago-Padrón-Noia, e o occidente, como Muxía - Fisterra. Desde antigo e nos últimos 30 Qm. da súa desembocadura so había dúas pontes: Brandomil e A Ponte Olveira.

Consultando mapas e fotos antigas, e coa axuda de persoas maiores, tratei de descubrir as antigas pontes e pasais que comunicaban as distintas aldeas de ambas marxes.

Pasales no Xallas copia

Comenzando pola Ponte de Brandomil, aguas abaixo, encontramos a ponte de Ribadeza, cerca de Alborés, e cerca do lugar de Niñán, estaba o pasal de Batilleiro, que comunicaba a antiga aldea de Niñán con Brandoñas. Máis adiante, xunto ao muíño de Castrarón, tamén coñecido como muíño de Senande, estaba o pasal da Poleira, que unía a parroquia dos Vaos coa de Brandoñas.

Ao suroeste do Castro de Castrarón, onde o río daba un xiro cara ó sur, estaba a ponte de Castrarón, de pedra, que unía Os Vaos con Baíñas. Aquí o río facía remanso formando un illote coñecido como A Insua, próximo ao enclave da Pesqueira. No extremo sur deste illote estaban os pasais do Vao do Castriño que unía as aldeas de Vilafernández e Olveira con Baíñas.

Chan da Pesqueira1 copia
Chan da Pesqueira

Temos que aclarar que este territorio desde o ano 1966 encóntrase baixo as augas do encoro da Fervenza. Tamén aclarar que o nome “Vaos” sempre se escribía con “B” ata que se aprobou o Nomenclator Oficial da Xunta que pasou a “V”. Tamén o topónimo Castrarón, según os mapas, coñecíano como Castralón (Fontán), Castrelón, Castrerón ou Castrarón, este último recollido polo antigo mapa do IGN.
Cabe pensar que neste territorio, rico en pesca, deberon asentarse varias tribos dos antigos poboadores polos vestixios existentes como varias necrópoles: o dolmen da Pedra da Arca ou As Pedras do Altar de Regoelle.

Seguimos augas abaixo onde se encontra a presa do encoro que antigamente era unha fervenza duns 13 m. de altura e tiña na marxe dereita un muíño-vivenda con tres reducios, dous para o millo e un para o trigo e centeo, que era propiedade de Sendón de Berdeogas, vendido máis tarde a Manolo de Morquintián. Todo esto desapareceu no ano 1964. Por encima da presa pasa unha pista que une varios lugares de Mazaricos e O Couquiño coas parroquias de Olveira e Baíñas.

Augas abaixo está o pasal do Couquiño. Este lugar, que oficialmente pertence ao Concello de Dumbría, tivo un pequeno percance cun morto a comenzos de s. XX. Tíñan que enterralo no cemiterio de Olveira e o río estaba moi crecido, polo que recurriron a atar a caixa con cordas para cruzalo. A partir destas datas pasou a depender da parroquia de Os Vaos. Na beira destes pasais existe unha cruz de pedra en memoria dun veciño afogado.

Seguindo río abaixo estaban os pasais da Boudañeira, moi usados no verán. Por fin chegamos á Ponte Olveira, no Camiño Real de Fisterra a Santiago, que, ao chegar ao Lugar de Hospital, encóntrase co camiño de Paradela- Baiñas- Brandomil. Seguimos río abaixo e a uns 1,5 Qm. encontrámonos cos pasais de Colúns, tamén coñocidos como Vaos da Lagarteira que unían os lugares de Olveiroa, Beba, Paxareiras a Muros. Este pasal desapareceu co encoro da Pte. Olveira.

Seguimos augas abaixo ata o lugar de Campelo, onde estaba o pasal de Vao do Couso (desaparecido), que unía o lugar do Brazal con Campelo. A continuación está a presa do Brazal, rematada sobre o ano 1954, e corta a agua do río para conducila por unha canle ata a hidrocentral de Castrelo no Ézaro.

A partir de aquí o río disminue de caudal e a 1 Qm. nunha curva pechada encontramos o pasal do Remuíño; situado sobre a presa dun muíño e forma un profundo pozo coñecido como Pozo Negro. Era moi usado polos mozos de Buxantes para visitar polas noites ás mozas da parroquia de Arcos. Augas abaixo, á altura do lugar de Castrelo, está o pasal do Prado do Trancho, tamén coñecido como “de Castrelo”. Este paso debía ser moi usado polo primitivos poboadores do Castro das Teixoeiras.

Seguimos uns 2 Qm. e encontrámonos cun gran estanque onde existía unha barca para cruzar o río. Tiven a ocasión de crúzalo na miña infancia cando miña nai, no colo, me levou ao médico Cambeiro do Enxilde. Para mín ese pozo, cun ruído ensordecedor da auga e metido dentro dun caixón de madeira onde entraba por todas partes causoume un profundo trauma e tanto chorei que xa me curou a enfermidade. Nunca vira un río tan caudaloso comparado co da miña aldea. Este pozo era coñecido como Pozo dos Cregos e unía a zona de Cee-Dumbría-Buxantes coa de Arcos-Muros. Por aquí pasou Frai Martín Sarmiento co seu burro, en agosto de 1745. Saiu de Cee cara A Pontella de Brens-Berroxe-Alto de Miñóns-San Crimenzo-Barca dos Cregos-Enxilde-Arcos-Cabanude-Paxareiras-Cornes ata Muros.

Pozo dos Cregos copia

Augas abaixo estaba a presa da hidrocentral do Xallas onde existía unha barca que cruzaba o río. Solo era usada polos obreiros de Arcos e Santa Uxía. Esta desapareceu coa construción en 1989 do encoro de Sta Uxía e sobre a presa existe unha pista que comunica o lugar do Fieiro e outros lugares de Arcos.

Chegamos ao paso do río no Ézaro. Ata o ano 1951 había un barqueiro permanente para cruzalo. Construir unha ponte sobre este río vén de moitos anos atrás. Os canteiros de Mazaricos comenzaron a obra de pedra e máis tarde traballaron con formigón. Gastouse moito cemento e a ponte non se daba rematada: nada máis chegar o camión á obra, o capataz xa o tiña vendido aos seus amigos (meu pai conseguiu un saco). Por fin chegou o día 12 de Setembro de 1953 coa súa inauguración polo Ministro de Obras Públicas Sr. Villellano, Marqués de Covarrubias, cunha gran afluencia de público da comarca. No seu discurso, eufórico, segundo me comentou un veciño dixo: “Hoy es un día muy importante para nuestra patria. Vamos a inagurar este importante puente que unirá Portugal con Francia”. Podíamos crelo porque aínda non existía a autopista AP-9.

* Aclaración: Frai Martín Sarmiento, na súa viaxe a Galicia, estivo no Alto do Enxilde o 18 de Agosto de 1745. El chamoulle Eugilde e descoñezo se é unha variante ou unha confusión da “u” pola “n”. Alí o concello de Mazaricos fixo un mirador con bancos onde se contempla unas bonitas panorámicas). É unha mágoa que no mirador do Ézaro non teña unha figura como recordo.

Outros artigos no "Modesto Patrimonio"

Patrimonio Pindexo

Comentarios