Luns. 29.04.2024
El tiempo

3ª Galicia: O choque da primeira volta acabou nun partido de waterpolo

11 do Sporting Zas decembro 2023-foto-Noe
11 do Sporting Zas -foto-Noe
3ª Galicia: O choque da primeira volta acabou nun partido de waterpolo

Cun ollo na Copa da Costa deste mércores (xa tendes os horarios en www.copadacosta.com), a 3ª disputou unha nova xornada de temporal. Así, o partido máis esperado desta primeira volta, acabou convertido nun partido de waterpolo, no que o Xallas demostra estar un paso por diante.

Por detrás aguanta o Oza, a 4 puntos pero cun partido máis, e o Sofán B, que sufría tamén para superar ao Laxe. O Malpica recuperaba a Ibra e con el a senda da vitoria, mentres que a loita pola 6ª praza se alonga ata a 12ª praza, onde está un Zas que non acaba de arrincar por mor das lesións.

Protagonistas cos seus tantos vitorias onte varios dos goleadores da categoría: marcou 2 Ibra (Malpica, 16 goles), outros 2 Adrián Vázquez (Sofán B, 15 goles), e un César Lojo (Corcubión, 12 goles).

Sofán B - Laxe (4-3)

  • Sofán: Pablo Pose, Lucas, Pablo Sabucedo, Eloy Cabeza, Alex, Salah, Brais Calov, Borja Viaño, Nacho Eirís, Villajos e Adrián Vázquez. Tamén: Mario, Manu Cancela, Dani Calvete, Manu Castro e Roi Canedo.
  • Laxe: Jacobo, Aarón, Guzmán, Rubén, Samuel, Fran Lema, Bieito, Adrián, Saleta, Eloy Liñares, Martín Carrabete. Tamén: Roi, Manu, Íker, Sergio.
  • Goles: 1-0, m.23: Pablo; 2-0, m.33: Alex tras unha xogada por banda de Borja; 2-1, m.55: Saleta; 2-2, m.65: Bieito; 3-2, m.87: Adrián tras unha xogada de Borja; 3-3, m.89: en propia 4-3, m.92: Adrián.

Partido igualado na primeira metade, con poucas ocasións nos que un par de acertos aproveitando erros da defensa visitante permitían á SD meterse por diante. Baixaron o pistón os filiais na segunda, e o Laxe achegouse no marcador sendo superiores, e mesmo tiveron un penalti para poñerse por diante. A parada de Pablo foi un revulsivo para os de Barca, que se volveron enchufar e apretaron, provocando que o partido se rompese totalmente con chegadas nas dúa áreas e deixando un final non apto para cardíacos.
Era o 87 cando Adrián aproveitaba unha xogada por banda de Borja para facer o 3-2, pero na xogada seguinte, empataban os laxenses. E xa á épica, volvía marcar no desconto Adrián Vázquez, un rapaz que voltaba o ano pasado aos xuvenís do Sofán tralo seu paso por categoría nacional no Bergantiños para gañar a Liga xuvenil cos amigos, e que está chamado a cousas máis altas, e xa xa leva 15 goles.

Nantón - Corcubión (0-2)

  • Nantón: Guillermo, Fran, Abelenda, Nando, Fariña, Carlos Vidal, Roi Fachal, Javi, Redondo, Tato, Iván Moreira. Tamén: Jose, Muíño, Alberto Fuentes, Xoel e Santi Moreira.
  • Corcubión: Bruno; Martín, Iván, Mario, Antón, Alan, Gorka; Galindo; Goche, Rama e César Lojo. Tamén: Adrián.
  • Goles: 0-1, m.34: César Lojo; 0-2, m.38: Alan de falta.

Con moitas baixas chegaba, e tarde, chegaba o Corcubión a un anegado campo das Fontiñas. Mentres o Corcubión tardaba en entrar no partido o cadro de Jorge Calvete dominaba, pisaba área e tiña ocasións para meterse por diante, pero como acontece este ano, nada entra, nin o man a man de Redondo nin o remate a porta baleira de Javi.
O Corcubión, que ía asentándose e conseguindo meter balóns ás costas da defensa, lanzaba dous golpes letais no treito final da primeira metade: un remate de César Lojo nun córner, e un golazo do retornado Alan de falta pola escuadra.

O Nantón intentaríao todo na sgeunda metade, nun choque que se convertía nun ida e volta contra o rival e contra o campo.

Ameixenda - Malpica (0-4)

11 do Ameixenda SD decembro 23

  • Ameixenda: Costa, Maldonado (Alex, m.72), Christensen, Louzán, Kampy, Juan, Ocho (Rois 66), Crisca (Óscar, m.45), Torices, Dani (Barreiro, m.45) e Evaristo (Xesús, m.72).

11 do Malpica SCD decembro 23

  • Malpica: Lamas; Diego, Pablo, Periscal (Alejandro, m.60), Jorge Parga, Gabi, Aday, Cristian, Alberto Hombre (Fran, m.46), Ibra (Raúl, m.46), Chicha (Moussa, m.60).
  • Goles: 0-1, m.7: Ibra; 0-2, m.22: Ibra; 0-3, m.26: Alberto Hombre; 0-4, m.50: Fran.

Estaba a competir ben o Ameixenda nas últimas xornadas, pero as baixas dos dos dous dianteiros titulares e xa no partido a xusta expulsión de Christensen aos 8 minutos por derrubar a Chicha cando se mt metía na área puxeron as cousas moi doadas para que o Malpica sentenciase pronto. Ademais o forte vento e a choiva facían que xogar (sobre todo no segundo tempo) resultara imposible.

O cadro malpicán, coa volta de Ibra, sentenciou pronto con dous tantos do senegalés, que levaba varios partidos fóra e suma xa 16 tantos. Polo menos, non se mancou ninguén.

Seaia - Pereiriña (4-2)

  • Seaia: Anxo, Mario, Pablo García, Martín Costa, Koel, Diego, Juni, Luisma, Martín Souto, Camilo e Charro. Tamén: Senén, Añón, Sergio, Pablo Caamaño e Sergio Bastón.
  • Pereiriña: Isma Antelo, Christian, Pablo Trillo, Estebo, Adrián Ozón, Isma Graíño, Martín, Jose, Esteban Sendón, Fabián e Tito. Tamén: Xacobe, Saulo, Brais Lagoa, Eloy e Charli.
  • Goles: 0-1, m.23: Tito; 1-1, m.30: Juni; 2-1, m.70: Charro; 3-1, m.64: Pablo García; 3-2, m.76: Charli; 4-2, m.86: Añón.

Partido moi igualado en Malpica, con dous equipos competindo man a man co temporal. O Pereiriña estivo mellor na primeira metade, a pesar de xogar contra vento, pero dominando os tempos do xogo e adiantándose por medio de Tito tras un gran centro de Esteban. Pero pronto empataba Juni nuns minutos nos que o cadro local comezaba xa a facer dano.

Mellorou o Seaia na segunda, ante un Pereiriña que non conseguía construir pola alta presión do cadro de Moscoso, e o mal que drena o campo de Pedra Queimada. Charro facía o segundo tras unha falta protestada polos de Joaquín Quintáns e aproveitando a páxara ceense Pablo García facía o terceiro que parecía sentenciar o choque. Pero o Pereiriña tiña aínda arrestos e Charli recurtaba con 15 minutos aínda por diante, nos que buscou o empate, pero no que o que chegou foi a sentenza dos locais nunha contra de Antonio Añón.

Soneira - Xallas (0-2)

  • Soneira: Martín, Héctor, David, Adrián Sendón, De la Sierra, Javi, Brais Pereira, Alberto Mouzo, Richi, Vía, e Basti. Tamén Javi Lema, Álvaro Quintáns, Jesús Sar, Nando de Vera e Adrián Pereira.
  • Xallas: Iván Couto, Joel, Iván García, Ramón, Doro, Steven, Asier, Adrián Forján, Adrián López, Sergio Barbeira e Rubén Sande. Tamén: Fabián, Sergio, Julián, Nando e Adrián Couto.
  • Goles: 0-1, m.26: Ruben Sande; 0-2, m.35: en propia.

Chegaba con gañas o Soneira ante o favorito da categoría, pero campo estaba moi encharcado, e ambos equpos tiveron que abusar dos balóns directos. Comezaron moi ben os vimianceses tendo un man a man de De la Sierra e dúas claras de Vía ás que respondeu moi ben Iván Couto. Pero a partir do m.25, xa sen poder xogar e nunha falta lateral Rubén Sande abre o marcador. Sen tempo, e tras unha ocasión moi clara Basti, un pase atrás queda parado na auga e golpean a portería e Brais intentando cortar un tiro que non ía a portería convírtese nun gol en propia meta.

Na segunda parte non pasou nada, e a chuvia convertiu o choque máis esperado da primeira volta nun partido de waterpolo.

Cerqueda - Zas (3-1)

  • Cerqueda: Alex Pazos, Adrián Verdes, Marcos, Dani Reixía, Samuel, Joel, Martín Añón, Palermo, Dani Varela, Íker, Julián. Tamén: Christian Velo, Suso, Martín, Hugo Fraga e Héctor.
  • Zas: Pereiras, Anxo, Adrián Rama, Pablo, Juan Touriñán, Marcos Villar, Álvaro, Andrés, Brais, Eloy Moreira, Javi Suárez. Tamén: Iván, Alvite, Ronny, Lucas e Rubén Forján.
  • Goles: 1-0, m.18: Dani Reixía de penalti; 1-1, m.43: Lucas de penalti; 2-1, m.68: Suso; 3-1, m.80: Joel.

Con moitas chegaban os dous equipos a un anegado e escuro campo de Xaviña, pero os de Pereiro e Forján saían enchufados, con balóns directos en ambas direccións. Adiantouse o Cerqueda dende os 11 metros tras un penalti claro sobre Palermo (o mellor do partido), e se ben os locais pediron outras dúas penas máximas, o colexiado si sinalou outra na súa área ao remate do primeiro tempo que Lucas (q que entrara no campo por unha nova lesión no cadro zaseiro, como vén sendo habitual este ano, desta volta de Javi Suárez, despois das de Dani Mato e Peke das pasadas xornadas) se encargaba de transformar.

Deu algo de treuga o temporal ao comezo da segunda, cun Zas tratanto de fiar algunha xogada e un Cerqueda moi ben posicionado que buscaba ás costas da defensa. Así chegaba o segundo de Suso, e pouco despois o terceiro de Joel. Rivo un balón ao longueiro o cadro visitante, pero o marcador non se movería.

Oza - Buño (3-2)

  • Oza: Brais, Moreno, Isaac, Diego, Dani Iglesias, Lavandeira, Alex Freire, Nacho Pose, Nico (Abib), Hugo Fraga e Iván Mato (Arón).
  • Buño: Paco Souto, Elías López, Alan, Fran, Breo, Andrés, Brais, Jesús, Facal, Jose, Elías Suárez. Tamén: Eloy Santos, Darío, Isaac, e Miguel Mallo.
  • Goles: 1-0, m.17: Isac; 2-0, m.20: Nacho; 2-1, m.64: Eloy Santos; 3-1, m.69: Nacho nunha contra; 3-2, m.77: Breo

Partido igualado nas Eiroas, que comezaba en horario nocturno e baixo un chaparrón monumental. Era o Oza o que conseguía solventar mellor a chuvia e se colocaba por diante con dúas chegadas. Pero perdería, de novo, a Nico, que recaía da súa lesión no nocello. O Buño foise facendo dono do partido, e no ecuador da segunda recurtaba. Encorcábase o campo cara a meta de Brais pero Nacho, nunha contra parecía sentenciar. Nada máis lonxe da realidade, pois Breo metía de novo ao Buño no partido e o Oza tivo que achicar, auga e balóns, ata o pitido final.

SD Oza celebrando a vitoria ante o Buno
SD Oza celebrando a vitoria ante o Buño

CRÓNICAS DA 3ª GALICIA

MÁIS INFO

Comentarios