Santo Hadrián do Mar (Malpica): entre a realidade e a lenda
O deseño inicial deste artigo consistía no comentario dunha fotografía dos anos cincuenta do século pasado, que coidamos inédita, sobre a romaría de Santo Hadrián do Mar. Mais conforme nos íamos introducindo no tema o proxecto foi medrando, motivo polo cal adiamos a súa publicación para dúas semanas despois da celebración da festa. Con todo, e debido á forte polémica na que se viron envoltos os actos relixiosos deste ano, coidamos que chega a tempo para poder lelo dunha maneira máis serena e desapaixonada.
FABULANDO ENTRE A REALIDADE E A LENDA
Unha belicosa tribo castrexa que habitaba as terra de Bergantiños tiña como símbolo protector a escorregadiza imaxe dunha serpe. A escolla estaba motivada polo culto que aqueles pobos prerromanos lle dispensaban a este tipo de réptiles. Un culto bastante descoñecido e do que só atopamos algunha metafórica referencia na Ora Marítima do autor romano Rufo Festo Avieno que lle chama a esta zona de Galicia “Ophiusa”. Denominación que podemos interpretar como unha terra habitada por serpes ou por unha tribo á que coñecen desa maneira.
Nin a rexa determinación das comunidades castrexas, nin a agresiva efixie do seu emblema foron capaces de facerlle fronte á organizada e ben experimentada maquinaria de guerra dos descendentes de Eneas. As lexións romanas, non sen traballos, conquistaron a que a partir dese momento sería coñecida como a Gallaecia. Roma impuxo a súa organización política e o seu dominio sobre todos os sectores produtivos. As novas autoridades tiñan un forte sentido práctico e nas cuestións relixiosas, máis alá de impoñer a obrigación de realizar algúns ritos moi triviais de adoración aos deuses romanos, permitiron que a poboación autóctona seguira practicando as súas crenzas. Este estado de cousas sofreu unha importante mudanza despois do Edicto de Milán (ano 313) e a progresiva asunción do cristianismo como a relixión oficial do imperio.
Se as vellas xerarquías relixiosas de Roma non puxeron reparos a compartir o seu protagonismo coas deidades de todos os pobos que ao longo do tempo se foran incorporando ao imperio, agora os gardiáns da fe de Cristo non estaban dispostos a permitir máis culto que o do único Deus verdadeiro, o resto era idolatría, paganismo, pecado.
O cristianismo non debeu atopar grandes dificultades á hora de introducirse na Gallaecia, outra cousa moi distinta era conseguir a absoluta exclusividade que exixían os seus sacerdotes. A poboación estaba disposta a adorar a Cristo e a esperar a vida eterna que lles prometía a nova relixión, mais sen abandonar moitas das crenzas que viñan practicando dende séculos. En Bergantiños unha desas practicas debía ser o culto ás serpes. Para desterrar estas conviccións as novas autoridades relixiosas tiveron que idear outro relato onde a serpe, coma na pasaxe bíblica do pecado de Adán e Eva, era o mesmísimo demoño. Un demoño que tiña atemorizada a poboación de Bergantiños e que lle esixía para saciar os seus maléficos apetitos a entrega dun número considerable de nenos acabados de nacer. Nesas estaban cando chegou un guerreiro romano que coma San Paulo viu a luz e pasou de perseguir cristiáns a converterse á fe de Xesús e defender aos seus novos irmáns do poder agresor da Roma pagá. Referímonos a Santo Hadrián ao que lle cortaron as mans e o decapitaron en Nicomedia por traizoar a relixión do imperio a finais do século III ou principios do IV. Natalia, a súa esposa, que ata ese momento atendera a outros cristiáns torturados e déralle ánimos ao sen marido para que resistira con valor os sufrimentos inflixidos, pois a recompensa de Deus sería infinita, recolle unha das súas mans e escapa con ela tomando un barco para Constantinopla ante o temor a correr a mesma sorte que el. A nave sofre unha grande tormenta e milagrosamente a man de Santo Hadriano é a que toma o timón levándoa a bo porto. Outros discípulos do santo trasladan o resto do corpo á capital de Bizancio e entérrano en presenza de Natalia, incorporándolle a man que ela posuía. Esta non abandona a tumba do seu marido ata que Deus a leva a gozar da súa presenza alcanzando tamén o premio da santidade.
Agora, arredor de cen anos despois da súa morte, Santo Hadrián aparece en Bergantiños para liberar aos seus habitantes do sanguinario dominio das serpes.
Sobre os pasos do mártir romano nas terras de bergantiñás a tradición popular atesoura varias historias que se poden resumir esencialmente en dúas: as estadías do santo en Corme e Malpica.
A día de hoxe en Corme hai dúas freguesías, mais ata non hai moito eran unha soa. Será en 1867 cando comence a impartir o seu ministerio un coadxutor na capela de Nosa Señora dos Remedios situada no porto de Corme, con todo esta localidade non conseguirá parroquia propia ata ben avanzado o século XX. Aínda que para o noso relato esas diferencias carecen de importancia. Contan que toda esa zona sufría unha praga de serpes que facían imposible a vida para a súa veciñanza. Entón chegou Santo Hadrián e con só golpear a terra co seu pé os réptiles comenzaron unha desesperada fuxida en dirección a Gondomil, refuxiándose debaixo dunha pena onde grazas ao poder do santo quedaron todos presos dun encanto que non os deixaba saír. Como recordatorio da súa soterrada presenza quedou petrificada formando parte da rocha unha das serpes. Con posterioridade e semellando xermolar da mesma pedra xurdiu unha cruz para que todos foran conscientes do poder da nova fe fronte ás vellas crenzas pagás. Dende esas afastadas datas, e segundo as lendas de tradición oral, Santo Hadrián é o patrón de Corme.
A cruz e a serpe gravadas nun muro lindeiro coa fachada da igrexa parroquial de Malpica
En Malpica, a diferencia de Corme, era unha única e xigantesca serpe que tiña a súa guarida no monte Beo, de Santo Hadrián posteriormente. Este réptil posuía a singularidade, como xa adiantamos, de reclamar dos habitantes dos arredores os nenos acabados de nacer para satisfacer os seus maléficos desexos nunha insufrible operación de control e opresión. Para vencer un inimigo tan potente só alguén investido coa forza do novo Deus podía facerlle fronte. Neste caso o relato lendario dinos que o santo veu por mar e atracou a súa nave na Punta da Gaia tamén coñecida coma Os Cazás. Tan asoballadora debía ser a súa presenza que á serpe chegoulle con ver a Santo Hadrián para emprender unha lixeira escapada ás illas Sisargas. Foi en van o empeño, nos citados cantís da Punta da Gaia o santo ergueu a cruz que levaba na man e, outra volta, golpeou co pé na rocha e o xigantesco réptil quedou petrificado alí mesmo. Para certificar este prodixio quedou incrustada nos cantís unha veta de cuarzo de formas ondeantes talmente coma as dunha serpe que espasmodicamente se estira e se contrae nos últimos estertores de vida.
A escasos metros deste casual fenómeno da natureza tamén se atopa a pegada do pé do guerreiro romano acompañado dunha especie de cunca, unha pequena perforación, na que o santo bebeu auga collida da fonte situada algo máis arriba. Fonte da que mana dende aquela o poder de curar do mártir cristián.
Estas historias repetidas unha e outra vez polos misioneiros que introduciron o cristianismo nas terras de Bergantiños foron transformando o inicial poder protector das serpes nun satánico inimigo que só a forza de Santo Hadrián foi capaz de derrotar. A nova relixión contra as vellas crenzas, a cruz contra a serpe. Esa cruz e esa serpe presentes en Gondomil e que tamén atopamos en Malpica.
Quizais en tempos pretéritos houbese exemplos máis antigos, a día de hoxe temos un relevo cunha cruz e unha serpe gravado no extremo superior dun alto muro que fecha unha especie de patio situado no lateral dereito da igrexa parroquial. Unha obra que, como boa parte do templo, debe proceder do século XVIII. Nunha vivenda situada na rúa do Barreiro nº 17 vólvese repetir este símbolo, coa diferencia de que neste caso hai dúas serpes. Esta segunda representación coidamos que non é tan antiga coma a da igrexa, aínda que é difícil precisar a data exacta.
Para que non quede dúbida da vitoria do cristianismo e do papel desenvolvido por Santo Hadrián, tanto a imaxe do santo coma a da súa esposa Santa Natalia que presiden conxuntamente con San Xián o retablo maior do templo parroquial, e que saen en procesión o día da súa festa pero tamén noutras ocasións, locen en posición ben visible a cruz que durante cerca de dous mil anos simbolizou o rexo dominio que sobre vidas e conciencias impuxeron os administradores das palabras de Xesús.
UN ESCENARIO PRIVILEXIADO
En Galicia son moitos os lugares de espectaculares condicións paisaxísticas que se atopan xunguidos a algún culto relixioso. Sen saírnos da beira mar podemos citar o monte de San Roque en Viveiro, Santo Andrés de Teixido, a Virxe de Chamorro en Ferrol, Santo Hadrián do Mar en Malpica, a Virxe do Faro en Brantuas (Ponteceso), a Virxe do Monte en Camariñas, a Virxe da Barca en Muxía; todo o que rodea o promontorio de Fisterra coas desaparecidas capelas de San Guillerme e Santo Uxío pero tamén coa poderosa presenza do Cristo de Santa María das Areas, a Virxe da Lanzada, as illas de San Simón, Nosa Señora da Guía en Vigo e Santa Tegra na Guarda. No interior pasa outro tanto. Dende as terras próximas á costa coma Santa Locaia do Burato (Mazaricos), pasando pola Virxe do Faro (Chantada) no centro de Galicia, ata a Nosa Señora do Cebreiro no extremo oriental, a ringleira de engaiolantes santuarios sería interminable.
Sempre se dixo, e coidamos que moi acertadamente, que en todos eses encraves se manifestaban diferentes crenzas precristiáns e que debido á súa rexa pervivencia, os ministros da igrexa de Xesucristo víronse na obriga de santificalos con algún culto da nova relixión ao que se dotou con un relato que asumira algunha das prácticas que a poboación desenvolvía nestes entornos e, por suposto, a ladaíña de prodixios e milagres que a xente esperaba obter.
Malpica coas illas Sisargas e o cabo de Santo Hadrián na liña do horizonte. Neste último pódese distinguir a brancura da capela. Fotografía de José Vidal publicada en Mundo Gráfico o 29 de abril de 1931
Cinguíndonos ao caso que nos ocupa, o cabo do monte Beo, de Santo Hadrián dende que neste lugar se consolidou este culto, posúe unha forte identidade para singularizalo coma un lugar moi especial dentro da nosa xeografía. O feito de adentrar o seu potente perfil no mar da Costa da Morte, ás veces violento e destrutivo, desfacéndose en xigantescas ondadas contra os recios acantilados. A presenza das illas Sisargas onde, coma nun pequeno microcosmos, se abaten en loita permanente o mandado da eterna inmutabilidade da telúrica rocha nai co continuo desexo de cambio que coas súas agresivas acometidas manifesta o inestable fluxo mariño. A proximidade da península de Malpica na que se concentran os elevados cantís da Ribeira, a doce e envolvente praia de Area Maior e a potencia penedía do Monte da Atalaia que, coma un mascarón de proa está na vangarda desta nave sempre exposta aos mais inesperados avatares dunha inacabable singradura.
Dende o cabo de Santo Hadrián o protagonismo do Atlántico é absoluto, pese a diadema de horizontes que intentan coutalo e que podemos exemplificar en Punta Nariga, nas penínsulas de Malpica e da Coruña ou nos Cabos Prior e Prioriño. Un Atlántico que se enfurece mais tamén é dispensador de riqueza e prosperidade a quen posúe a fortaleza, a pericia e a constancia que demostraron as xentes destas terras dende as Idades máis afastadas. Sabemos da presenza no monte Beo e nos seus arredores de poboados castrexos que atoparían neste promontorio un axeitado lugar para renderlle culto ás súas deidades. Deidades das que coñecemos algúns nomes aplicables dentro dos lindeiros da antiga Gallaecia: Bandua, Coso, Nabia, Reve ou Ariainn. Conxuntamente con outras das que non temos datos personificarían virtudes guerreiras, cohesionadoras da comunidade e da familia, preservadoras da saúde e propiciatorias da caza, da agricultura e da gandería; pero tamén terían un forte carácter panteísta onde detrás de cada nome se agocharía o culto á terra, ás rochas, aos camiños, ás augas doces e salgadas, a certas árbores, ao lume, ao sol, á lúa, a algúns animais entre os que se poderían atopar as serpes,... Nas inmediacións da actual capela farían as súas cerimonias propiciatorias ata que a implantación do cristianismo intentou desterrar estas crenzas.
Esta conversión á fe de Cristo puido acontecer dende mediados do século IV e o decorrer do seguinte. Seguramente foi no século V cando se iniciou o culto a Santo Hadrián e desa época deben proceder as lendas que sustentan a súa presenza por terras de Bergantiños onde, ademais de presidir a parroquia de Corme e o santuario de Malpica, é festexado na capela da Piña (Sofán – Carballo). A maiores doutras celebracións secundarias nalgunhas freguesías, en Galicia é o titular de dezasete parroquias, entre elas a de Toba na Costa da Morte.
AS PEGADAS QUE A ROMARÍA DEIXOU NO DECORRER DO TEMPO
Non son moitos os datos que logramos pescudar. As nosas fontes de información van ser a obra arquitectónica e escultórica que sustentan o culto a Santo Hadrián, puntuais alusións bibliográficas que xa aproveitamos nos apartados anteriores, unhas poucas referencias atopadas en vellos xornais, un puñado de testemuñas orais e algunha fotografía. Con estes materiais construiremos o seguinte percorrido histórico.
A primeira referencia documental que atopamos á capela e ao culto a Santo Hadrián na parroquia de Malpica provén das Memorias del Arzobispado de Santiago que a partir de 1607 e durante varios anos compuxo Jerónimo del Hoyo, onde nos di que na citada freguesía “hay tres hermitas: una en la isla mayor de Sisarga, de Santa Mariña que destruyeron los hereges y otra de San Adrián en la parte de tierra. Ninguna de ellas está reparada(...)”. Fala de tres capelas, a terceira non a nomea, quizais fora a das Neves e Santo Antonio que se atopa no Barreiro ou a de Santa Catarina que en tempos estivo na Atalaia. Non nos refire en que data se puido fundar a ermida de Santo Hadrián, se cadra porque tampouco na propia parroquia había memoria da mesma. Polo pouco que nos conta desprendemos que a principios do século XVII a construción atopábase en mal estado, o que pode ser indicativo da súa antigüidade.
Deixando a un lado a súa data de fundación, fora como fora a capela que viu Jerónimo del Hoyo, non foi a que chegou aos nosos días, antes de adquirir a aparencia que hoxe ten pasou por varias reformas. Os libros da parroquia de Malpica están depositados no Arquivo Histórica Diocesano de Santiago, debido ás medidas de prevención sanitaria atópase fechado, polo que non puidemos consultar ningún dato relativo a evolución da ermida. Polo rico apartado de notas que posúe o libro de Xosé González Reyes Lembranzas de Malpica, sabemos que se fixeron obras de ampliación nos séculos XVII e XIX, seguramente motivadas pola cada vez maior transcendencia que a romaría collía en toda a comarca. Na última reforma, en liñas xerais, alcanzaría o aspecto que todos coñecemos. Un aspecto sinxelo pero digno no que priman os valores funcionais fronte aos decorativos.
A romaría de Santo Hadrián nunha fotografía de José Vidal de 1933 publicada en La Voz de Galicia o 18 de xuño de 1935
Unha esquemática planta de salón na que un arco de medio punto apoiado en machóns coroados por unha moldurada cornixa, diferencia o presbiterio da nave. Coincidindo co fondo do espazo presbiteral apegouse polo lado norte unha pequena sancristía de planta cuadrangular. Completouse a capacidade do templo dotándoo dunha tribuna ou coro alto aos pés da nave. No exterior atopamos unha edificación de amplo desenvolvemento lonxitudinal cuberta por un tellado a dúas augas. O máis sobresaínte da construción é a súa fachada de forma pentagonal, enmarcada por sendas pilastras coroadas por cadanseu pináculo de movidos e decrecentes volumes. O espazo existente entre estes dous esteos verticais remata na parte superior polas cornixas en pendente que sinalan a caída das augas da cuberta e por unha esvelta espadana na zona central. Atópase dividida esta fronte en dúas alturas por unha sinxela liña de imposta que traduce ao exterior a altura que no interior ocupa a tribuna. Centrando a fachada en perfecta simetría, sitúase a porta de entrada e a ventá que ilumina a capela dende o seu lado oeste, ambas resoltas no seu remate superior por un arco segmentado. Preside este paramento frontal, como xa dixemos, unha estilizada espadana articulada por dous arcos peraltados de importante desenvolvemento, un para cada campá, rematados por unha cornixa que lle serve de apoio a dous pináculos laterais e un peite central coroado por outro pináculo, neste caso rematado por unha cruz. O peite atópase calado novamente por un pequeno e alongado arco que lle dá acubillo a unha moi esquemática imaxe de Santo Hadrián. A capela ata este ano estaba revestida por unha capa de morteiro e pintada de branco, agás as partes estruturais. Nestes últimos meses efectuáronse obras que suprimiron este acabado deixando todas as paredes coa pedra vista. Actuación que coidamos foi un error xa que as paredes de cachotes foron pensadas dende un principio para ir pintadas de branco e con este revestimento resaltaba moito máis a calidade da cantería das partes máis nobres do edificio. Xa non poderemos repetir o que escribiu Ángel Ves Losada, colaborador de La Voz de Galicia, o 30 de outubro de 1923: “cual una gaviota posada sobre la roca, así parece este santuario con sus blancas paredes, y las del atrio, en la agreste cima del cabo de su nombre frente a las islas Sisargas”.
Nos primeiros anos cincuenta do século pasado a capela foi dotada dunha galería articulada por tres arcos de medio punto na súa parte lonxitudinal e por un rebaixado no seu lado oeste. Este espazo comunicado coa sacristía e aberto ao adro, complétase cun sinxelo altar de pedra. Foi construído para poder celebrar os actos relixiosos no exterior ante a masiva afluencia de romeiros que se ían sumando ano tras ano.
No decurso do século XIX tamén debeu erguerse o retablo que preside a capela maior. Trátase dunha estrutura franqueada por dous pares de columnas de fustes lisos e capiteis compostos. Estes soportes sitúanse en planos diferentes, destacando en planta os dous centrais. Cúbrese todo este corpo cun entaboamento liso e corrido en dous planos diferentes, sobresaíndo a parte central sobre a que se sitúa un frontón triangular. No vértice do frontón temos o ollo de Deus enmarcado por un triangulo e todo rodeado por unha coroa de nubes da que parten múltiples e dourados raios.
Esta estrutura de formas clásicas que enmarca unha fornela na que se sitúa a imaxe de Santo Hadrián, parece que foi ampliada posteriormente con dúas alas laterais practicamente lisas, centradas por cadansúa fornela ocupadas por sendas imaxes da virxe de escasa calidade.
Imaxe de Santo Hadrián de Cobres (Vilaboa – Pontevedra) vestido coma un cabaleiro do século XVIII.
Da talla procesional de Santo Hadrián tense dito que é do século XVII, datación que coidamos errada. En primeiro lugar no XVII e durante boa parte do XVIII este personaxe ía vestido coma un cabaleiro da época. Podemos poñer de exemplo a fermosa imaxe de Santo Hadrián de Cobres (Vilaboa - Pontevedra) datada nos anos centrais do XVIII e que viste á francesa co seu chaleco de longos faldróns, a súa casaca de rico estampado, os calzóns curtos, as medias brancas, as luvas da mesma cor, os zapatos de fibela e a perruca coroada por un bicorne de movidas formas. Neste caso leva como atributos un veleiro e un bastón de mando para acreditar a súa alta graduación militar.
Só a finais do século XVIII co retorno, outra volta, das formas clásicas de maior ortodoxia, o noso protagonista recuperou unha vestimenta máis axeitada á época que lle tocou vivir: a Roma imperial. Atopámonos diante dunha figura relativamente movida, movemento ao que contribúe a posición do corpo e os numerosos pregues que forman as súas roupaxes. Sostén o peso sobre a perna dereita e a esquerda cunha apreciable xenuflexión atopase lixeiramente atrasada. O brazo dereito teno nunha posición bastante adiantada con relación ao corpo, e na man porta unha cruz. O outro, pola contra, lévao pegado ao torso ata pousar a man sobre o peito. Entre o brazo e o antebrazo suxeita a palma do martirio. A cabeza, cunha longa cabeleira aínda que de moi pouco volume, está lixeiramente inclinada ao lado esquerdo. Posúe un rostro doce e imberbe, ten a mirada baixa, semellando que a dirixe aos fieis que chegan ata a súa beira na procura de arranxo aos seus males ou agradecidos polos bens xa recibidos. Está ataviado cunha sinxela túnica de amplas mangas, cinguida á cintura por un pano longo e estreito. O calzado que leva son uns “campagus”, máis fortes que as típicas sandalias e que protexían os pés e as pernas, neste caso ata cerca dos xeonllos. Este tipo de calzado estaba destinado unicamente á oficialidade do exército romano. Outro tanto podemos dicir da longa capa de cor escarlata .que lle cruza o peito ata anoala sobre o ombro esquerdo.
Non estamos de acordo con algúns comentarios que temos lido que cualifican esta escultura de rústica. Coidamos que está tallada con solvencia, cunha torsión da figura que non é alleo á cita de modelos de Praxiteles e cunha expresión de vida e sentimento en concordancia coa devoción que espertaba e segue espertando. O seu artífice moi probablemente coñecía o traballo de Xosé Ferreiro, o grande escultor do “neoclásico” galego. Quizais puidera ser un seguidor do escultor de Noia. Con estes precedentes temos que situar a súa realización a finais do XVIII ou aínda no primeiro terzo do XIX.
A imaxe de Santo Hadrián do Mar nunha vella fotografía
O desexo de identificar a Santo Hadrián co mundo do mar do que viviu historicamente a vila de Malpica fixo que correra por estas terras unha cantarea que cualifica de barqueiro ao militar romano:
“San Adrián é barqueiro,
barqueiro é San Adrián,
San Adrián é barqueiro
que trae o remo na man”
Aínda que fai falla moita imaxinación para asociar a palma do martirio cun remo mariñeiro.
Non é o noso obxectivo pero diremos unhas palabras sobre a imaxe de Santa Natalia. Posúe un movemento e un xogo nos roupaxes moi semellante ao do seu marido, e ten unha posición corporal parecida. A cruz suxeita tamén coa man dereita, aínda que nunha posición máis baixa; e na esquerda porta unha barquiña alusiva ao milagre acontecido durante a súa travesía por mar. A cabeza tena alta coa mirada á fronte. Unha longa cabeleira enmarca o rostro, e atópase coroada por unha diadema. Viste unha túnica talar complementada cunha coiraza decorada con rica filigrana que lle cingue o torso. Un amplo manto de quebrados pregues contribúe ao dinamismo de toda a figura.
En ningún santuario importante pode faltar a fonte de augas milagreiras e Santo Hadrián tamén ten a súa. Está situada abaixo da capela no borde do camiño procesional que vén dende Malpica. Trátase dunha sinxela estrutura escavada no terreo, composta dunha parede que fecha a saída do manancial rematada nun frontón coroado no vértice por unha cruz. Neste muro, a media altura, atópase un cano de metal polo que sae o chorro acuático. Ao estar situada nunha cota tan baixa, a cada lado desta parede e perpendicular á mesma, encóntranse dous paramentos a modo de muros de contención, encaixando a fonte á que se accede por unhas escaleiras situadas na parte frontal e articuladas por tres tiros que debuxan un perfil poligonal.
Outras pezas de menor entidade pero de grande importancia ritual eran os denominados “santos de baixar”. Segundo Juan José Cebrián Franco na igrexa de Malpica había tres en 1982. Son imaxes de Santo Hadrián de pequeno tamaño e cunha asa pegada ás costas para poder levalas na man. Os devotos achegábanse ás persoas que as portaban para que estes llas pasaran polas distintas partes do corpo polas que estaban ofrecidos: a cabeza, o peito, unha perna,... Esta costume hai moitos anos que foi abolida debido á presión dos cregos da freguesía.
Sobre o desenvolvemento da romaría en épocas pretéritas temos pouca información. Durante os séculos XVII e XVIII os visitadores arcebispais incidían unha e outra vez nos excesos que se cometían durante a celebración. A abundancia de comida e bebida, á que se engadía o sedutor poder da música, abríalle a porta a unha intensa actividade amorosa. Pese ás censuras eclesiásticas e ás constantes peticións de control á confraría organizadora dos festexos, as queixas repetíanse en cada visita, proba do pouco caso que lle facían os confrades e os romeiros.
Máis alá destas desobediencias á estrita moral da época, o Santo Hadrián era e segue sendo unha romaría que xera unha intensa devoción. Era moita a xente de toda a comarca que se ofrecía ao santo na procura de remedio para todo tipo de males. Ofrecementos que se pagaban de múltiples maneiras. Dende a asistencia á misa ata a doazón de distintos tipos de bens: cartos, un porco, un año, un cabrito, algunha vaca de vez en cando e, sobre todo, galos e galiñas. Toda esta fauna era poxada polo cura da parroquia o día da festa ao mellor ofertante. En moitas ocasións eran os propios oferentes os que participaban e gañaban a poxa das súas propias ofrezas. A día de hoxe e agás contadas execcións, a cera en forma exvotos ou de grandes e grosas velas substituíu as dádivas de animais.
Quizais sexa a figura do FUNCIONISTA a forma máis xenerosa de agradecemento ao santo polos favores recibidos ou polos que aínda se espera recibir. A diferencia do que ocorre noutros lugares, o funcionista non está obrigado a organizar a festa, senón a participar de forma preferente en todos os actos relixiosos, normalmente nunha posición moi achegada aos oficiantes. Tamén era o que decidía quen portaba os santos no traslado de ida e volta á igrexa parroquial e na procesión que se realizaba ao remate da misa maior na capela. Esta tarefa recaía, como era natural, no propio funcionista e na súa familia e amizades. Coido que esta última costume ten mudado nos últimos anos e agora calquera pode levar as imaxes. Para realizar o cometido de funcionista había que participar noutra poxa que se facía dun ano para o outro. Houbo algunha ocasión, fai anos xa, na que o aspirante a este representativo posto chegou a pagar ata tres millóns de pesetas para lograr tan apetecido privilexio.
A romaría nunha fotografía dos anos cincuenta na que podemos ver a grande cantidade de gando que a causa dalgunha enfermidade era ofrecido ao santo coa promesa de levalo á romaría se sandaba
Relacionada con todo este mundo das ofrezas está a fotografía pola que nos introducimos neste tema. Trátase dunha imaxe do día da romaría na que ademais da presenza da capela, do inmenso Atlántico, da numerosa concorrencia de xente; o que máis chama a atención é a cantidade de animais, bestas e sobre todo vacas, que se atopan no recinto da festa. Cando nos fixemos con esta foto o primeiro que nos vén á cabeza foi a existencia dunha feira a maiores da romaría. Posibilidade que non vimos confirmada en ningún lugar. Un informante que citaremos ao remate aclarounos este sarillo. A xente da comarca cando tiña un animal enfermo tamén o ofrecía a Santo Hadrián coa promesa de que se sandaba asistiría aos actos relixiosos, de aí a morea de gando que observamos nesta fotografía que podemos datar na década dos cincuenta do século pasado.
A devoción dos veciños da comarca e a proximidade á vila de Malpica, que dende finais do XIX coñeceu un desenvolvemento imparable que chega ao día de hoxe, provocaron que a celebración de Santo Hadrián medrara de ano en ano, congregando ao seu redor unha multitude ás veces con intereses moi variados.
Por El Diario de Pontevedra do 26 de xuño de 1901 coñecemos, seguramente, unha das primeiras manifestacións obreiras que se fixeron en Malpica, aproveitando para lograr unha maior repercusión a procesión de retorno dos devotos dende a capela á igrexa parroquial. Como nos lembra o citado diario, cando a comitiva entraba nas rúas da localidade “una manifestación compuesta de un buen núcleo de obreros se dirigía a las afueras del pueblo. Al encontrarse con la procesión, los manifestantes comenzaron a dar voces de “Viva la libertad”, “Muera el caciquismo” y “Viva Malpica”. Algunas de las personas que figuraban en la procesión, reconvinieron a los manifestantes, lo que dio origen a una colisión de la que resultaron dos heridos. Cuantos esfuerzos se realizaron por el Alcalde de Malpica por evitar los sucesos que referimos, resultaron inútiles. Parece que de los hechos citados fueron promovedores varios buzos que a Malpica han ido de esta ciudad para trabajar en el salvamento de varios barcos. Según noticias, los aludidos buzos tratan de agitar a los obreros de Malpica, no se sabe con que fines, y ellos iban también al frente de la manifestación. La relación de los hechos de que nos ocupamos, se ajusta a la que han hecho varios vecinos de Malpica en cartas particulares que hemos visto”.
Casos coma este non os volvemos atopar, eran máis frecuentes as borracheiras ou as discusións acaloradas por este ou aquel motivo que podían rematar nalgunha pelexa de pouca consideración.
Normalmente os actos transcorrían coa paz e a concordia que se esperan neste tipo de celebracións.
A procesión do Corpus de Malpica nos primeiros anos trinta. No lateral dereito podemos ver o palco cos atrís esperando pola banda para as bailas de mediodía.
Dende que a finais do século XVI se propagaron polo mundo católico as disposicións emanadas do Concilio de Trento, a festa de Corpus Christi foi de obrigada celebración en todas as parroquias da cristiandade obediente a Roma. Pero había diferentes formas de cumprir esta normativa, en moitas freguesías de Galicia pasou a formar parte, coma un apéndice, das festas que honraban o patrón ou a patroa da mesma. No caso de Malpica, quizais porque San Xián coincidía no inverno, o Corpus converteuse na principal celebración relixiosa e festiva da localidade. Tanto o crego da parroquia coma as autoridades municipais contribuían, dende as súas respectivas posicións, a que os actos se desenvolveran co maior lucimento posible. La Voz de Galicia do 9 de xuño de 1895 danos cadra do programa deseñado para o Corpus que ese ano caería o día 13 do citado mes. Os actos xa empezaban a xornada anterior con bombas de palenque, repique de campás, pasarrúas e concerto dunha banda de música. Pola noite función relixiosa na igrexa e posteriormente fogos de luces e concerto musical. Para o día principal cedémoslle a palabra ao referido xornal:
“A las seis de la mañana un nuevo disparo de 25 bombas de doble palenque anunciará las fiestas de este día, recorriendo las calles de la villa la música tocando una alegre diana y varias gaitas del país una hermosa alborada gallega. A las nueve se repartirán en el Casino bonos a los pobres. La Plaza de Isabel II y calle principal, estarán engalanadas con gallardetes y arcos de mirto y en los edificios públicos y embarcaciones sitas en el puerto, ondeará la bandera nacional. A las diez y media de la mañana saldrá de la Casa Consistorial el Ayuntamiento con las autoridades locales y personas invitadas al efecto, dirigiéndose a la iglesia con el fin de asistir a la solemne función y presidir la procesión que recorrerá las calles de costumbre. La sagrada cátedra será ocupada por el cura párroco y notable orador Dr. D. José Queijo. A las cinco de la tarde, profusión de voladores precederán a la elevación de globos de media en media hora, de variadas y caprichosas formas, colocándose la música en la plaza donde ejecutará bonitos bailables de su nutrido repertorio. A las seis dará comienzo el divertido juego de cucañas de mar y tierra. A las nueve de la noche aparecerá iluminada la Plaza de Isabel II y Calle Principal, y bombas imperiales anunciarán la elevación de un globo “Torre Eiffel”. A las nueve y media se dispararán nuevos y variados voladores, entre los que llamarán la atención los denominados Lluvia de diamantes, triple detonación, misteriosos, de ensalada, estrellas, de triple silbato, de cielo estrellado y otros varios, prendiendo fuego a las once a los bonitos juegos de figuras”.
A procesión saía da igrexa e percorría a rúa principal ata a Fonte do Cruceiro onde daba volta para retornar ao templo parroquial. Era o momento máis solemne de toda a festa. O chan das rúas polas que pasaba cubríase de espadanas a modo de alfombra. Participaban practicamente todos os santos e os mellores ornamentos que había na igrexa: San Roque, Santa Natalia, Santo Hadrián, Santo Antonio, San Sebastián, o estandarte e a talla da Inmaculada, San Xián, o estandarte e a imaxe da Virxe do Carme, San Xosé, a Virxe das Neves, a Cruz Parroquial, a Custodia coa Sagrada Forma escoltada por unha parella da garda civil, o crego da freguesía baixo palio, as autoridades municipais, a banda de música e os fieis.
O noso paisano D. Santiago Abuelo Alvite pintado por Fernando Álvarez de Sotomayor. Durante o seu ministerio (1921 – 1947) impulsou as celebracións do Corpus e de Santo Hadrián
Parece que un dos maiores impulsores da multitudinaria participación de toda a imaxinería da parroquia foi o noso paisano D. Santiago Abuelo Alvite (o cura novo do Abuelo de Campelo – Colúns – Mazaricos) que estivo á fronte da freguesía de Malpica dende 1921 ata 1947. Tamén contribuíu á que o Santo Hadrián se celebrara co esplendor que requiría a inmensa devoción que congregaba ao se redor.
Todo isto vén a conto porque en moitas ocasións a celebración do Corpus e de Santo Hadrián caían moi próximas e facíase un único programa que englobaba estes dous festexos ademais dos da Virxe das Dores e o de Santa Natalia. Neste mesmo ano de 1895 o 13 foi o Corpus como xa dixemos, o 14 a Virxe das Dores, o 15 Santa Natalia e o 16 Santo Hadrián. As propostas para este último día eran como segue:
“A las cinco de la mañana se anunciará con cien bombas la tradicional y renombrada función de San Adrián, partiendo a las siete la procesión con la imagen de este y su esposa Santa Natalia, de la iglesia parroquial, para la ermita del glorioso santo. Se dispararán infinidad de voladores y se elevarán algunos globos. A las seis de la tarde regresaran dichas imágenes en procesión y al recorrer las calles se dispararán por todos los vecinos multitud de voladores, siguiendo así la costumbre de antiguo establecida, a la que prestan extraordinario atractivo las rivalidades que se establecen en tal acto. Hasta las once de la noche la música amenizará el paseo en la carretera”.
A cita anterior nada nos di das actividades realizadas no santuario das que, ademais de testemuñas orais, tamén atopamos referencias xornalísticas. El Ideal Gallego do 13 de xuño de 1922 adiántanos que despois da chegada da comitiva á capela haberá unha misa rezada que se repetirá de hora en hora ata as doce, intre no que se iniciará a misa grande coa correspondente procesión ao seu remate e despois as bailas de mediodía, e pola tarde unha animada romaría. Entre os actos relixiosos e a romaría da tarde tiñan lugar os xantares e merendas dos que viñan de lonxe, pero tamén dos propios malpicáns que acostumaban pasar o día no santuario onde, a maiores de cumprir co santo, gozaban do entorno, da compañía, da música, do ambiente xerado polas cantinas e as atraccións (cabaliños, monicreques, lanchas, o xogo do tiro,...) que xa daquela daban os seus primeiros pasos.
Xantando na romaría nos anos vinte. Ao fondo podemos observar algunhas atraccións. Foto de José Vidal
Con relación á procesión dende a igrexa ata o santuario lémbranos Xosé González Reyes que “o camiño dende a praia de Seaia ata a ermida estaba coas beiras case que ocupado por pobres que amosaban brazos ou pernas cobertos de noxentas postemes ou feridas, pícaros e moinantes, imitando eivaduras de todos os xeitos” na procura da compaixón dos romeiros e da conseguinte esmola.
Arredor das sete da tarde organizábase a procesión na que os santos retornaban ao templo parroquial ata o seguinte ano no que se porían de novo en camiño.
Os festexos remataría á noite xa en Malpica cunha verbena, especificándonos que para “amenizar todas las fiestas ha sido contratada la renombrada Banda de Corme”.
Nas celebracións tamén participaba cun programa propio o Salón Casino. Polo mesmo El Ideal Gallego sabemos que aquel ano de 1922 houbo “fiestas de sociedad los cuatro días en el Salón Casino, amenizadas por una bien afinada rondalla de aficionados del pueblo. Durante los descansos, la simpática señorita Amelia Mariño dejó oír su hermosa voz, cantando con mucho gusto varios trozos del repertorio moderno de nuestros coros gallegos, siendo muy aplaudida”.
Podíamos seguir con exemplos similares publicados en diferentes xornais en anos sucesivos, mais non aportan nada que non saibamos xa. Resaltar unicamente o feito de que as festas de Malpica en xeral e as de Santo Hadrián en particular foran tratadas asiduamente nos medios de comunicación da época, indícanos a importancia que tiñan xa daquela.
UNHA MULTITUDINARIA CELEBRACIÓN DE INTERESE TURÍSTICO
No ano 2008 a Xunta de Galicia declarou o Santo Hadrián do Mar festa de interese turístico. Esta consideración, a maiores de proxectala máis alá do seu ámbito normal de influencia, viña recoñecer os valores que posúe a celebración. Entre todas as súas singularidades nós hoxe aquí imos resaltar a procesión que dende a igrexa parroquial traslada e acompaña a Santo Hadrián e Santa Natalia ata a ermida.
En días anteriores abandonan a súa posición privilexiada no retablo maior onde lle fan compañía a San Xián, o patrón da freguesía, para ser colocados nos pasos procesionais nos que farán a viaxe ao seu santuario. O día sinalado, o 16 de xuño se cae a domingo senón o domingo inmediatamente posterior, despois de oír misa na igrexa parroquial, arredor das oito da mañá empeza a tomar corpo a procesión: sae primeiro Santa Natalia cos seus máis devotos seguidores, despois Santo Hadrián cos seus e co crego da freguesía, remata a formación cunha moi longa e densa multitude de fieis. A maioría dos asistentes portan as súas ofrendas ao santo: exvotos de cera representando diferentes partes do corpo humano e velas de varios grosores e tamaños, pero entre as que abundan os velóns de máis de metro e medio de longo. Unha das notas máis características da procesión consiste en que eses incondicionais devotos dos que falamos conéctanse ás imaxes de Santa Natalia e Santo Hadrián anoando longas cintas de tea arredor dos pés dos santos ata formar un ronsel multicolor que antecede a cada unha das tallas. A imaxe resultante seméllanos de grande simbolismo, onde unha morea de serpes está, non sabemos se dominando o matrimonio de santificados patricios romanos ou contribuíndo docilmente ao seu traslado. Se nas noticias xornalísticas de outrora resaltaban os fogos de artificio e o repique de campás, agora dende que os santos saen da igrexa e durante os primeiros treitos do itinerario o estrondo é colosal e os sinos non deixan de tocar.
Malpica arredor de 1904. No primeiro plano á dereita temos a igrexa parroquial sen as ampliacións que lle fixeron no século XX. Fotografía de F. Fiol publicada no Portfolio Galicia de Pedro Ferrer
A comitiva ponse en marcha baixando pola rúa da Igrexa ata a praza de Anselmo Villar Amigo, un lixeiro ancheamento da rúa principal de Malpica. Atopámonos nun dos máis representativos escenarios urbanos da vila. Segundo se vén do templo parroquial á dereita estaba ata os anos cincuenta a rampla que descendía ao porto, e o murallón: unha especie de miradoiro que tamén conectaba co peirao no que se congregaban a maioría dos mariñeiros de Malpica na espera do mellor momento para saír ao mar. Estas dúas infraestruturas foran costeadas polo antes citado Anselmo Villar, un malpicán enriquecido na emigración americana que deixou moitas pegadas de xenerosidade na súa vila natal. No espazo ocupado pola rampla sitúase dende mediados dos cincuenta a Casa do Pescador onde, ademais dunha especie de Club social, ten a súa sede a Confraría de Pescadores. No primeiro piso deixou Urbano Lugrís, o pintor do mar, cinco murais relacionados, como non, co ambiente marítimo. Nun dos paneis sobresae a figura de Santo Hadrián entre outras devocións da vila e do universo oceánico. Dende este emblemático lugar a procesión torce á esquerda. Precisamente a esa mesma man atopámonos cunha das pezas fundamentais do mobiliario urbano de Malpica: a fonte que en 1897 doou o sempre presente Anselmo Villar aos seus veciños. Lindando con esta e a continuación da mesma construíu o citado filántropo unha praza de abastos no ano 1900. Por falta de uso foi transformada en escola para nenos e nenas en 1914. Nos anos corenta abandona os seus cometidos docentes, auméntanlle unha planta á única coa que contaba e pasa a servir de Casa Consistorial. Función que segue prestando para o que lle engadiron outra planta máis nos anos oitenta.
Ao chegar á esquina do Concello as imaxes e os seus numerosos acompañantes collemos á esquerda pola rúa García Pardiñas en dirección ao mar. O traxecto é pequeno e nuns poucos pasos chegamos á praia de Area Maior. Polo seu carácter urbano é o areal máis concorrido de Malpica. Á dereita temos o Caldeirón, unha zona de rochedos e pedregullos, hoxe moi transformada pola expansión construtiva. Mais nós collemos á esquerda introducíndonos no areal se está a marea baixa, se non é así seguiremos polo Paseo Marítimo. Deixamos atrás os cantís que separan a alongada praia de Area Maior da moito máis recollida de Canido. A partir desta pequena cala iniciamos un lixeiro ascenso, aínda que continuamos bordeando o Atlántico, debido aos elevados acantilados desta zona, facémolo a maior altura. Ás costas imos deixando a vila de Malpica, á esquerda antigas terras de cultivo hoxe practicamente abandonadas, e á dereita a inmensidade sempre cambiante e sempre atrainte do océano.
Avanzamos por un camiño moi bo de andar onde o sol baixo da mañá e a brisa mariña contribúen a gozar da paisaxe e da compañía. As que peor o levan son as persoas que portan os santos aínda que, para que non rematen esgotadas, vanse remudando e así facer a carga máis liviá. Os encrespados cantís interrompese nun pequeno treito para facerlle sitio á praia de Seaia, areal no que achamos unha pequena zona de dunas.
A longa e serpeante procesión camiño do santuario
Continuamos o noso itinerario. Segundo o lugar que ocupemos na procesión: contra diante, contra tras ou polo medio, se miramos nunha ou noutra dirección veremos a longuísima e serpeante marcha que avanza acompañando as imaxes ata o santuario. Esta si que é unha inmensa serpe formada por miles de romeiros, desta vez claramente dominada pola vontade de Santo Hadrián.
Se ata a chegada á praia de Seaia víamos alá lonxe a miúda mancha branca da capela e as Sisargas que, máis que illas parecíannos un apéndice do propio cabo; deixado atrás este último areal perdémolas de vista e só o profundo azul do Atlántico e o verde das toxeiras engalanadas polo ouro dos alecríns acompaña a nosa andadura.
Un pouco antes de alcanzar a Punta Galea, tamén coñecida coma Os Cazás, volvemos divisar o nítido volume do santuario. A Punta Galea é un dos lugares importantes do itinerario, como xa adiantamos noutro lugar, aquí atracou o seu barco Santo Hadrián e aquí deixou petrificada a maléfica serpe da lenda. Coa capela xa moi cerca, resgardada por un alto balado de pedra e sombreada por unha frondosa árbore, temos a Fonte do Santo. Nela moitos ofrecidos mollan os seus panos para pasalos pola zona do corpo para a que pretenden curación e despois póñenos a secar ou sobre a herba ou pendurados das polas da árbore. Se durante todo o camiño viñemos escoitando o estoupido dos foguetes de maneira espazada, agora nos últimos metros coma se un Zeus enfurecido estivera brandindo o seu estrondoso raio, o ceo énchese de vibrantes detonacións que só amainarán cando remate a procesión.
A fonte do santo cos panos a secar para que se obren as curacións dos ofrecidos
Só nos falta unha subida pequena e xa estamos no santuario. Santuario ao que se incorporou este último ano un cruceiro pequeno e insignificante dende o punto de vista artístico. Dende a nosa humilde opinión sería desexable derrubar o balado que dunha maneira bastante antiestética envolve e afoga a capela, deixando unicamente os machóns coroados por pináculos sinalando as entradas. Como xa tratamos das misas, das procesións, dos xantares, das bailas de mediodía e do retorno dos santo á igrexa, podemos achegarnos ao miradoiro para recuperar a visión das Sisargas ou gozar a espléndida panorámica que se obre diante de nós. Non, Santo Hadrián non escolleu mal sitio para ser festexado.
A maiores da bibliografía que seguidamente se cita, teño que agradecerlle a JAIME PERISCAL de Talleres Renault de Mazaricos, un malpicán de nacemento afincado en Mazaricos dende hai anos, a súa impagable axuda facilitándome algunhas informacións moi valiosas sobre esta emblemática festa. Tamén teño que resaltar o importante apartado de notas do libro de Xosé González Reyes e que foi realizado por Adrián Abella Chouciño, Xurxo Alfeirán Chouciño, Xoán González Otero, e Xosé Manuel Varela Varela. O repertorio de fotografías recopilado por Xurxo Alfeirán Chouciño tamén é moi ilustrativo da evolución de Malpica, sobre todo para un foráneo coma min.
Santo Hadrián e Santa Natalia no adro da capela observando a vila de Malpica
BIBLIOGRAFÍA
- Alonso Otero, Leonor e Giadás Álvarez, luís Antonio: Itinerario Bergantiñán do padre Sarmiento. Deputación Provincial da Coruña 1998.
- Cebrián Franco, Juan José: Santuarios de Galicia. Santiago 1982
- Fernández Carreira, Xan: José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía. Deputación Provincial da Coruña 2018
- González Reyes, Xosé: Lembranzas de Malpica. Edicións Embora 2016.
- Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.
OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO
- As primeiras fotografías da fervenza do Ézaro.
- O Pazo de Altamira de Corcubión nun plano de 1776
- O silencio das campás e o continuo ouveo dos teléfonos.
- O Cruceiro dos Vaos e outras historias.
- Quizais as primeiras fotografías do Faro de Fisterra.
- Os Cruceiros: de obxectos de importación a símbolos da galeguidade.
- O Cabo Vilán nun gravado de 1896
- Outra vez a voltas Aghinaldeiros de Busto.
- Historia dunha fotografía singular no corazón da Picota.
- Os Entruideiros de Arcos volven alegrarnos os Carnavais.
- O río Beba.
- As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín
- Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta
- O Santuario de Virxindón de Quintáns.
- 3 de maio: auga bendita para as nosas leiras.
- O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos
- O Cruceiro do Sicho dos Outeiros.
- O Cruceiro do Ciroláns de Suevos.
- O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70.
- Tania Fuegho, o lume de Mazaricos.
- Pero onde está Mazaricos?.