Luns. 07.10.2024
El tiempo

A campaña contra os eólicos de Vimianzo obtén os fondos para denunciar o proxecto no TSXG

ti podes paralos vimianzo eolicos
A campaña contra os eólicos de Vimianzo obtén os fondos para denunciar o proxecto no TSXG

Nova demostración de compromiso patrimonial da comarca de Soneira, ao conseguiren, a través dunha campaña de microcecenazgo de ADEGA, 7.300 euros en doazóns. Grazas á participación de asociacións locais coma Vendaval Costa da Morte ou Calo Rural, a asociación ecoloxista poderá presentar un recurso contencioso-administrativo no alto tribunal galego contra a resolución pola que a Xunta autorizou o proxecto eólico Monte da Croa. Vendaval, ademais, rexistra unha solicitude no Concello de Vimianzo para a “adopción de medidas en defensa dos intereses da cidadanía” ante dito proxecto.

O vimiancés é un dos 30 proxectos da Campaña “Ti Podes Paralos” (que continúa activa). Agora comeza a batalla legal, á que se sumarán sendas denuncias de Ecoloxistas en Acción e Petón do Lobo, e será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen dirima, en primeira instancia, se este proxecto vulnera efectivamente a normativa que protexe os centos de persoas -e outras especies- que habitan a Terra de Soneira, ou ben se as obras poden comezar.

Paralelamente, a asociación Vendaval continuará o seu labor de sensibilización social na Costa da Morte, ante o “efecto acumulativo dos centos de aeroxeradores que ateigan a comarca”, e solicitará a colaboración do Concello de Vimianzo, ante a “falta de información detectada na poboación afectada por este polígono eólico”. Un polígono de 30 km2 que ocupa 20 localidades, cuxas propiedades perderían dereitos de uso e valor de mercado, segundo expertos consultados por Vendaval. Uns eólicos de ata 180 m de altura, que esquivaron a lexislación galega actual sobre distancias de seguridade e estarían a menos de 1.000 m de 7 aldeas (Cambeda, Rasamonde, Cubes, Piñeiros, Sanfíns, Lavandeira e Cerbán). Ademais, o núcleo de Berdoias vería afectada a súa traída de auga, aseguran.

Comentarios