Imprimir

Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente

Miro Villar | Ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas

Miro Villar | 30 de decembro de 2020

Hai dous anos no nadal tivemos ocasión de lembrar aquí «¡Esta é noite de Nadal!», un poema do muxián Gonzalo López Abente, que se publicou na revista Vamos, Órgano del Colegio Minerva, Santiago de Compostela, 35, decembro de 1957. Compileino no apartado [Dispersos e Inéditos] na Poesía Completa de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 2012, en coedición coa daquela activa Fundación López Abente).

Desta volta recomendamos a lectura dun outro poema intitulado «Fin do Ano», que apareceu publicado no seu libro póstumo Decrúa. Poemas (Buenos Aires: Edicións Muxía, 1966), en concreto co número 13 da Primeira Parte tamén intitulada «Decrúa», que serviu para a epígrafe desta obra. Decrúa publicouse na emigración tres anos despois do pasamento do autor, con colofón no 11 de xullo do 1966, na bonaerense Imprenta López, e dentro das Edicións Muxía, que dirixían o sobranceiro galeguista Arturo Cuadrado e o seu curmán Horacio Bermúdez Abente, este último escribe un pequeno prólogo que chama «Noticia» para xustificar a publicación das «cuartillas» orixinais que viñeran parar ás súas mans.

Os editores ordenan os textos en catro partes: «Decrúa», «Cantigas», «Desacocho» e «Recobrados». A datación dos mesmos vai desde 1899, o primeiro poema de López Abente «Un velorio nunha aldea», ata dous poemas que escribiu no ano 1957. Todos os estudosos modernos da obra de Gonzalo López Abente coinciden á hora de sinalar que Decrúa inclúe poemas vellos xunto a outros escritos na mesma época que Centileos nas ondas (Vigo: Galaxia, 1958).

«Fin do Ano», que non podemos datar con exactitude e do que non coñecemos ningunha versión publicada con anterioridade ao libro, reelabora o vello mito clásico da muller (dona) que fía e fía na espera para esconxurar a dor, e remata cunha interrogación retórica propia dun canto de reis.

Velaquí o texto completo, moi acaído para esconxurarmos nós esta pandemia. Saúde!

13
FIN DO ANO

Outro prïsoeiro morre
na gaiola enferruxada
que no mais alto da Torre
ten a dona pendurada.

(A dona do gran palacio
ergueito na inmensidade,
onde ela fía despacio
na roca da eternidade).
¡O tempo corre,
na torre
a dona fía
que fía!

Fura a noite a cantaréa
dun galo madrugador;
ladra o can, un lobo oubéa...
¡Remata un ano de dôr!

Xa está un novo paxariño
cantando no albor do dia
e prosegue paseniño
a dona fía que fía.

Ven xaneiro. ¿O dia seis
qué nos traguerán os Reis?

 
  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

Novas relacionadas

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

Outros artigos de Miro Villar en QPC

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/miro-villar/fin-do-ano-poema-gonzalo-lopez-abente/20201230092453124192.html


© 2021 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia