Chega o verán

Chega o verán e a actividade económica dos nosos municipios verase favorecida polo turismo. Porque, todos eles dispoñen dunha serie de recursos endóxenos que permitiron configurar unha estrutura produtiva moi consolidada entorno a ese sector.
Non dicimos nada novo se afirmamos que dispoñemos dun amplo e diversificado patrimonio cultural, etnográfico, histórico e natural; xunto con aloxamentos, restaurantes, comercios e un longo etcétera de servizos e actividades que nos converten en centros de atracción turística, para veraneantes de diferentes procedencias, agora que a Covid-19 parece que nos dá un respiro.
Pero, chega o verán, e con el tamén chega o incremento do gasto municipal. Referímonos ao gasto vinculado directamente co turismo que ten orixe no exponencial aumento da poboación. Porque, durante este período, duplicamos ou incluso triplicamos o número de habitantes. E iso é un problema para as finanzas municipais. Porque, unha das principais fontes de financiación municipal, como é a participación nos tributos do Estado, contempla no seu reparto a cifra da poboación censada, non a real. Por iso, agora que chega o verán, convén denunciar outra vez esta situación.
De feito, os municipios turísticos españois máis coñecidos, levan moitos anos reclamando un financiamento adicional que lles permita facer fronte a ese tipo de gasto. Pero, os distintos gobernos non foron sensibles a este problema, prometendo cambios lexislativos que, a día de hoxe, aínda non se materializaron.
Unha realidade incuestionable é que as subvencións para limpeza de praias, contratación de socorristas, axentes de turismo, etc. non financian a totalidade dese tipo de gastos. Como tampouco se compensa, por exemplo e sen ánimo de exhaustividade, o maior custo da limpeza viaria ou a recollida de lixo, que medra considerablemente no período estival.
E algo haberá que facer! Porque o principio de suficiencia financeira proclama que o gasto público adicional que debe asumir este tipo de municipios debería vincularse, necesariamente, a unha financiación suficiente. Pero unha cousa é a teoría económica e outra a realidade.
Por iso, xa é hora de que o lexislador estatal recoñeza as peculiaridades propias deste tipo de municipios, para compensar mediante transferencias correntes o custe adicional que os nosos concellos deben asumir. O debate está servido, e a nosa posición tamén.
- Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.com). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Fiscalización operativa. Xa é hora.
- A morte do orzamento.
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».