Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
14:27
03/11/21

Retribucións da alcaldía

Retribucións da alcaldía

Sempre defendín que as alcaldías deben ser remuneradas, porque se trata dun cargo que esixe plena dispoñibilidade (24/7, como se di agora). O feito de que algúns alcaldes ou alcaldesas poidan compatibilizar a presidencia da Corporación municipal coa súa actividade laboral previa tamén parece lóxico, aínda que son dos que opinan que ese cargo debería desempeñarse en exclusividade. En calquera caso, pola dedicación parcial, é xusto percibir as retribucións correspondentes.

Actualmente, o criterio para fixar o soldos máximo dos cargos electos determínase en función dos habitantes do termo municipal. Non como sucedía con anterioridade a 2014, onde cada alcalde ou alcaldesa propoñía de forma arbitraria o seu soldo para que fora aprobado polo pleno.

Todo isto vén a conto, porque fai uns días o Ministerio que dirixe María Jesús Montero publicou as percepcións dos cargos electos municipais, que se recolle na plataforma de Información Salarial de Postos da Administración (ISPA), grazas aos datos proporcionados polas propias entidades locais.

Pois ben, na Táboa preséntase a clasificación alfabética dos nosos concellos indicando o tipo de dedicación, o tope máximo permitido e, na última columna, o soldo que cobraron os alcaldes e alcaldesas.

Táboa Retribucións alcaldías Costa da Morte

Nota: Tras consultar os datos cos concellos confirmamos que só o alcalde de Dumbría non ten dedicación ao estar xubilado. Os de Laracha e Carnota si teñen dedicación exclusiva, pero debeu haber algunha problemática no traslado de datos ao Ministerio

Respecto das contías, os soldos por dedicación exclusiva oscilan entre os 30.000,00 euros de Mazaricos e os 46.999,96 euros de Santa Comba (lembremos que a información é referente ao exercicio 2020).

Pero ao marxe das cantidades –xa que, como en todo, o que para uns é moito para outros é pouco–, tamén se destaca na Táboa que Fisterra é o único dos nosos concellos que non proporcionou información ao Ministerio. Integra ese pequeno grupo de 39 concellos galegos que incumpriron o principio de transparencia. Por iso, non está de máis esixirlle ás persoas titulares do órgano interventor que atendan a súa obriga de obter e remitir esa información á que, por Lei, están obrigados.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

 

Comentarios