Venres. 26.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
09:39
27/07/21

Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal

Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal

Coñecín a Eduardo Galeano (Montevideo, 1940–2015) a través do admirado e querido Xaquín A. Corbacho, quen, por certo, nos deixou fai un mes, na véspera de San Xoán, e repousa na súa vila natal do Grove e na nosa memoria para sempre. Porque, Joaquín –como me gustaba chamarlle–, é desas persoas imposibles de esquecer.

Dicíame Xaquín que “ler a Galeano é un estremecemento que non cesa, ao ofrecer reflexión que aínda perdura. A súa obsesión é o sistema. Un sistema onde os políticos falan pero non din, os votantes votan pero non elixen e onde o diñeiro é xa máis libre que as persoas”.

Los nadies Eduardo Galeano

Poema manuscrito polo autor.

Lémbrome que a conversa con Xaquín xurdiu como consecuencia de ler o seu artigo de La Voz de Galicia “los nadies”, que titulara da mesma forma que o poema do escritor uruguaio, e onde Xaquín se preguntaba si existían en España os “nadies”.

Pois si. Afirmou. “Máis dos que nun principio poida pensar a chamada xente de ben ou xente de orde, sen incluír claro ao atolondrado. Porque cualifícanse así aos pobres, ao marxinado, ao excluído, ao inmigrante, aos drogodependentes e á muller maltratada... Por iso aquí tamén se practica a dobre linguaxe, a dobre contabilidade e a dobre moral”, rematou dicíndome.

Non podo estar máis de acordo, porque como escribiu Galeano no seu poema, os “nadies” non son aínda que sexan. Non falan idiomas, senón dialectos. Non profesan relixións, senón supersticións. Non fan arte, senón artesanía. Non practican a cultura, senón o folclore. Non son seres humanos, senón recursos humanos. Non teñen cara, senón brazos. Non teñen nome, senón número. Non figuran na historia, senón na crónica negra da prensa local. Os “nadies” que custan menos que a bala que os mata.Varta ao señor Futuro de Galeano por Laiovento

Agora que moitos de nós comezaremos as vacacións, recomendo a lectura dun dos libros imprescindibles de Galeano: “Carta ao señor futuro”. A primeira das súas obras traducida ao galego e onde se recolle unha escolma de artigos publicados nos últimos anos. Porque permite descubrir ao Galeano que alza a súa voz contra os retrocesos nas conquistas e dereitos dos traballadores; que denuncia os intereses ocultos detrás das guerras, que alerta contra as causas humanas dos mal chamados desastres naturais; o Eduardo Galeano que combate a hipocrisía e o cinismo dos poderosos, a perda de soberanía dos pobos que son gobernados por gobernantes que non gobernan porque son monicreques do gran capital; o que se indigna fronte á exclusión e á pobreza de millóns de seres humanos, fronte á discriminación e ao racismo, fronte ao xenocidio dos pobos, fronte ao machismo... Mais neste libro, como se pode ler na contraportada da edición publicada por Laiovento, atopamos tamén ao Eduardo Galeano que observa a realidade para transformala, pondo a súa palabra a favor da dignidade, da solidariedade, do dereito á rebeldía e a soñar.

Á volta de vacacións, retomaremos cuestións da economía dos nosos concellos.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios