Un maná que debemos aproveitar

Fai un mes que a Comisión Europea transferiu 9.000 millóns de euros a España dos fondos Next Generation, como anticipo dos preto de 70.000 millóns de euros (69.528 millóns) que o Executivo Comunitario entregará, en forma de transferencias non reembolsables –a fondo perdido–, para o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, aos que se engadirán outros 71.600 millóns máis en préstamos. Un maná nada depreciable.
Pero na repartición deste inxente estímulo financeiro non se considerou nin a distribución de competencias, nin a tan proclamada cogobernanza e, tampouco, a lealdade institucional entre os diferentes niveis de goberno.
Elaborouse un plan onde os concellos apenas teñen participación. Sobre todo, se a súa dimensión poboacional é reducida. Nin se tivo en conta a experiencia municipal na aplicación de políticas sociais, ambientais, etc. que tan ben se executaron desde o comezo da pandemia, no proceso da desescalada ou durante a “nova normalidade”, onde os nosos concellos foron bos exemplos de eficiencia na prestación de servizos públicos esenciais.
Tampouco se considerou a necesidade de atender, de forma prioritaria, os fortes desequilibrios estruturais que todos coñecemos: despoboamento; desemprego e baixa taxa de ocupación feminina; minifundismo empresarial e outras moitas carencias que lastran a capacidade de crecer dos nosos pobos.
E algo haberá que dicir! Porque observamos como o poder municipal se perde nunha liña de tendencia que, aberta polo Goberno Central e seguida polos gobernos autonómico e provincial, dilúe a súa participación nestes fondos ata deixalo nunha posición de simple comparsa.
De pouco vale a forte lexitimación social ou a proximidade aos problemas substanciais dos cidadáns, que converten aos gobernos locais na mellor instancia territorial no proceso de recuperación e resiliencia. Non protestar contra iso é non entender nada.
- Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.com). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal/a>.
- Fiscalización operativa. Xa é hora.
- A morte do orzamento.
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».