Xoves. 18.08.2022
El tiempo

Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!

Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!

Os que vivimos na capital da República Oriental do Uruguai e participamos na defensa da identidade propia no seo da colectividade emigrada estamos asulagados nunha fonda tristura xa que doe moitísimo a coitelada que nos deixou sen a moi importante e necesaria CASA DE GALICIA. É unha situación indignante na que milleiros de persoas (máis de 44.000) son estafadas e logo espalladas coma pobriñas almas desamparadas por varias sociedades mutualistas onde as atenden case de favor e perdendo moitos dos dereitos adquiridos durante o tempo que estiveron pagando a súa correspondente cota social na CASA DE GALICIA.

O que pasou non debe ser esquecido e coido que os herdeiros teñen a obriga moral de actuar para determinar responsabilidades e así poder limpar a memoria dos devanceiros que suaron para erguer unha entidade que sandou feridas durante máis dun século mediante uns servizos de alta calidade humana. O peche non foi un accidente senón o resultado dunha artellada operación delictiva. O primeiro paso é que os autores do maior roubo cometido na historia da emigración galega sexan xulgados para logo comezar a loitar con determinación para recuperar o patrimonio social que se perdeu de xeito ilícito. O importante é non permitir que a decepción nos inmobilice xa que sempre hai futuro se imos coa forza da razón no noso corazón.

O que non debemos de facer é deixar que un grupiño de malandras escureza a importante achega da emigración galega na consolidación dun lugar aberto no que os galegos sementaron esforzo honrado. As investigacións do profesor Zubillaga Barrera fan que nos sintamos orgullosos da calidade e cantidade de persoeiros galegos e descendentes que son parte da aliaxe democrática que hoxe identifica aos cidadadáns uruguaios. En calquera actividade atopamos o empurre e o bo facer dos que cruzaron o mar para aniñar solidariedade na beira riopratense. Os nosos apelidos están presentes no Uruguai desde os tempos de Artigas (Barreiro, Monterroso, Lamas) e hoxe temos milleiros de descendentes con sangue de Galicia nas súas veas.

Quero pedir que a colectividade una forzas para reclamar a devolución do patrimonio social da CASA DE GALICIA aos seus lexítimos propietarios. A colectividade debe manifestarse en contra de calquera manobra que entregue o sanatorio a unha empresa privada. O único admisible é que o sanatorio pase a formar parte da rede pública de hospitais que pertence ao ministerio de Saúde Pública a través da xestión de ASSE. A colectividade non pode calar a boca diante dun roubo e tampouco aceptar que queden sen castigo os sinvergonzas que emporcaron a nobre traxectoria da emigración galega no Uruguai.

A nova asociación A CASA DE GALICIA que preside o meu vello amigo Ismael debería de ser quen lidere o movimento de protesta e petición de axuda urxente para salvar o patrimonio cultural. Hai que enviar cartas a Madrid (goberno central) e a Santiago de Compostela (Xunta e Parlamento) e por suposto tamén ao presidente Lacalle e ao ministro de Saúde Pública pedindo ser recibidos para presentarlles as propostas que xulguen comenentes para saír da lameira. Hai que presentar milleiros de sinaturas que apoien as solicicitudes para que as autoridades saiban que a CASA DE GALICIA está no corazón de máis de 44.000 asociados que foron ofendidos pero non derrotados xa que aínda manteñen aceso o lume da dignidade. Veña! Adiante con forza!

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

comentarios