Carta do Apóstolo Santiago aos benqueridos irmáns da Casa de Galicia de Montevideo
Sei que estaredes un pouco sorprendidos ao recibir esta carta pero o asunto do peche da Casa de Galicia de Montevideo está a ser moi triste e decepcionante para min, pois sempre considerei aos meus anfitrións como xente valente que enfronta sen medo as maiores tormentas. Os emigrantes galegos son coñecidos no mundo enteiro polo seu esforzo honrado. Eu coñecín a todos os presidentes da Casa de Galicia e lembro que o primeiro en visitarme foi o baionés Xosé M.ª Barreiro. Non podo entender que a asociación de emigrantes más grande do mundo peche as súas portas na capital da República Oriental do Uruguai. Tamén sei que neste país, de longa tradición democrática, teñen agora un goberno dos chamados Neoliberais que son aqueles que axudan aos que máis teñen. Estes gobernos son contrarios as ensinanzas recibidas do noso señor Xesucristo. Sendo un goberno elixido, vou calar a boca pero quizais teña algo de relación coa caída e morte da Casa de Galicia.
Vedes que escribo a carta en idioma galego xa que despois de tantos séculos en Galicia case esquecín a miña lingua materna que era o arameo. Eu era pescador no chamado Mar de Galilea, realmente é un lago, e non tiven estudos de ningunha clase. Así que para min o hebreo é unha lingua descoñecida. Coido é axeitado que use o galego xa que a maioría dos asociados sodes descendentes da emigración galega. Estou desconcertado e non me cabe na cabeza que ninguén soubese de que se estaba a roubar o legado emigrante. O responsable máximo da desfeita está perfectamente identificado xa que foi o último presidente e chámase Alberto Walter. Aquí a cousa é grave pois vai ser que houbo intención de pechar a Casa de Galicia por parte de quen tiña o deber de manter a actividade e xestionar con eficacia e transparencia. Alberto Walter foi elixido para mellorar o funcionamento dunha mutualista (asistencia médica) con máis de 44.000 asociados e foi quen a pechou. Non hai excusas, o enterrador foi Alberto Walter, aínda que tivese cómplices na Directiva e tamén no ministerio de Saúde Pública.
Poida que un santo non sexa o máis indicado para afondar nas causas que levaron ao peche da Casa de Galicia xa que non sei nada da economía uruguaia pero podo asegurar que esta estafa non é consecuencia do aumento do dólar no Uruguai. Son da opinión de que en Alberto Walter, xúntase en aliaxe, un sinvergüenza e un traidor. A mestura de operacións crediticias irregulares (algunhas totalmente ilegais) coa traizón aos devanceiros é un veleno moi forte. A súa ambición desmedida fíxolle considerar que o legado social é para o seu beneficio particular. É moi triste ter que recoñecer a impotencia dos asociados diante da escura manobra que deixa a milleiros de persoas sen asistencia médica. É unha vergonza. O reparto de socios en varias mutualistas da capital é unha ofensa a memoria dos loitadores emigrantes que suaron para deixar en herdanza un fogar no que sandar as feridas do corpo e tamén as do espírito. Sinto moita dor pero pouco podo facer. Se ías ata a sede de “18” podías gozar coa fermosa escultura en madeira policromada do xenial cambadés Francisco Asorey que, por certo, ten un nome moi do meu agrado: A Santa.
Quero perdirvos que non baixedes os brazos e que empurredes con firmeza para que o Sanatorio da Casa de Galicia sexa público. Penso que sería unha boa maneira de homenaxear aos fundadores. Sei que están a chorar, desconsolados, vendo que a herdanza foi estragada polos seus descendentes. Os socios son os donos lexítimos e non deben de permitir que se faga negocio privado cun patrimonio que é de carácter social. Recibide a miña bendición e unha aperta especial de solidariedade para todos os que levan sangue galego nas súas veas.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- Unha conversa no “Bar Facal” de Montevideo.
- A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo.
- Eu berro forte que a Casa de Galicia de Montevideo non se pecha!.
- O desexo de querer continuar existindo
- Eu defendo a Casa de Galicia de Montevideo!.
- Montevideo in Love.
- Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024.
- Montevideo, 3 de setembro de 1950.
- Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin.
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.