luns. 02.12.2024
El tiempo
Marisol Soneira
08:45
15/01/20

“Cada uno es tal como Dios lo hizo, y aún peor muchas veces”

“Cada uno es tal como Dios lo hizo, y aún peor muchas veces”

Relendo o Quijote, topeime con esta frase que coido que vén moi acaída neste debate que un grupo de persoas estamos mantendo sobre a necesidade, ou non, de poñer a traballar a comarca en proxectos colectivos e ambiciosos, entendendo por comarca ao conxunto da sociedade e non só ás institucións. Quizá esteamos errados e as cousas nos vaian tan ben que non son precisas tales disquisicións pero, perdoádeme a licencia, como os xubilados -e as xubiladas- temos tempo e experiencia da vida, quizá vemos cousas que outras mentes máis lúcidas e cultivadas seguramente non. Quizá porque o día a día absorbe moito e manter unha imaxe pública determinada acaba consumindo o tempo e a saúde, ademais da batería do teléfono.

Durante moitos anos a defunta Neria, morta e enterrada por erros propios e alleos, cumpriu a función de encabezar as demandas colectivas da Costa da Morte sen que os alcaldes e outros axentes sociais tiveran custe político algún. Por experiencia sei que os alcaldes tenden a establecer lazos de boa relación coas distintas administracións, incluso de tipo persoal coas persoas que as representan, e resúltalles duro poñerse ao fronte de manifestacións, demandas e reivindicacións. Esa función encabezouna con éxito Neria no pasado. Hoxe para poñer un asunto comarcal enriba da mesa téñense que retratar nove alcaldes e alcaldesas, cada un con intereses distintos e, algunhas veces, contrapostos. A Camariñas isto da política agraria común interésalle mais ben pouco; como lle interesa moi pouco a Zas a política pesqueira común que, para Camariñas, Fisterra ou Muxía, son capitais para a súa economía, o seu emprego e o seu desenvolvemento. Pero iso non impide que Zas sexa solidario con Camariñas, Fisterra e Muxía no seo dun órgano colectivo que os represente a todos. Igualmente, os concellos costeiros, actuarían en xusta reciprocidade cando se trate de defender os intereses agro-gandeiros de Zas, Vimianzo ou Dumbría.

Os ilusos que defendemos que o traballo en común acada mellores resultados, estamos un chisco sorprendidos dalgunhas reaccións. A defensa do común comarcal non implica mingua de soberanía de ninguén. Ao contrario. Nunca tanta presencia nin peso político tiveron os alcaldes da Costa da Morte -de tódalas forzas políticas- que cando actuaban coordinados no seo de Neria. Cousa distinta é a meta que cada un se fixe como alcalde ou alcaldesa, si ser cabeza de rato ou cola de león. Nesta disxuntiva que non viva ninguén enganado, os municipios da Costa da Morte, de xeito individual, non son nin unha cousa nin outra. Vamos a ser, si non acontece un milagre, un caso ben curioso, digno de estudio: a única comarca costeira galega cun comportamento económico e social idéntico aos das comarcas do interior.

Ao peor algúns estamos un pouco tolos por pensar e preocuparnos, pero como lle dicía Don Quijote a Sancho, “cambiar el mundo, amigo Sancho, no es ni utopía ni locura, es justicia”.

Ate outra millorada.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

Comentarios