Martes. 18.02.2020
El tiempo
Marisol Soneira
07:57
17/12/19

Non foi sen tempo

Simbolica prantacion as portas do Parador
Simbolica prantacion as portas do Parador

Van alá 17 anos do infausto día en que un petroleiro, que debera ir rumbo o desmantelamento por obsoleto e polas súas moitas eivas técnicas, sementou o desastre ao longo de toda Galicia, pero moi especialmente na Costa da Morte. Un accidente pódeo ter calquera máquina pero a xestión subseguinte a aquel accidente quedará na historia coma exemplo de ate onde pode chegar a irresponsabilidade e a estupidez humana.

O Vello Fraga tentou tapar todo aquilo con cartos e, entre outros anuncios sobresaíntes, comprometeu co goberno do Estado un parador para a Costa da Morte. El, que era o máximo responsable político e tiña case que a totalidade das competencias no territorio, decatouse nese intre de que a Costa da Morte carecía de infraestruturas dignas en materia de turismo. Tamén se decatou de que non había comunicacións dignas que situaran este curruncho esquecido de todos e por todos no mapa das comunicacións de Galicia, e, hala! Aquí vai unha autovía tamén, dous por un que din os ambulantes nos mercados.

Despois de moitas vicisitudes, de leas entre administracións e de unha paciencia infinita polos naturais do lugar, hoxe vivimos a entrega das chaves do tan anunciado parador para que este próximo verán quen teña gañas e recursos, poida durmir nun dos lugares mais espectaculares de toda a Rede de Paradores Nacionales. E os que teñan a sorte de ter as ventás cara a praia de Lourido, amencerán coas mellores vistas que pode soñar un corazón amante dos grandes espacios e dunha costa indómita que só, ao fondo de todo, o maxestuoso Vilán tenta amansar dende os elevados penedos onde ruxen tódolos ventos e tódolos temporais.

Ben está o que ben acaba. Xa temos parador, que non esquezamos que é unha competencia do Estado, pero curiosamente, a autovía, que é de competencia da Xunta de Galicia, seguimos agardando polo seu remate. Temos onde durmir cinco estrelas pero carecemos dunha vía de acceso ao parador manifestamente mellorable. Non deixa de ser ben curioso que os de fora cumpran antes co territorio que os da casa.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

 

comentarios